miércoles, diciembre 10, 2014

CUESTIÓN DE FISIONOMÍAS, POR MANUEL GONZÁLEZ PRIETO.


CUESTIÓN DE FISIONOMÍAS,
por Manuel González Prieto.


INTRODUCIÓN.
Señor xuíz! non concordo!
 O que, oh?
Reclamo dereito a defensa perante o tribunal.
(Tribunal composto de malvados monicreques e infames lobishomes dispostos a esnaquizar e facer sangue)
Son convocadas pola defensa: a fouciña, o cavorco, a extenuación e un tomate.

ACTO 1.
(A fouciña é chamada ao estrado)
É certo que a súa fisionomía é similar á da acusada?
A fouciña resposta: Non sei se similar, xa que a súa acusada non  ten forma ningunha; carece de físico, non é gorda nin fraca, non é alta mais tampouco baixa. Non ten fisionomía. É parte de nós.
Eu, se quere, podo falarlle de min.
Cóntolle, señor xuíz: A miña constitución remata en punta afiada. O punto máis afastado desde calquera perspectiva respecto de calquera punto de partida escollido é ela. É así desde que teño uso de razón, xa moito tempo atrás.  Ela son eu mais eu son ela. Entendo que por iso estou acó na mañá de hoxe.
Estou a ser xulgada señoría?
Recordo, señor xuíz, que miña nai, a fouce, selouna a min cun bico colado que conservo na miña tesitura.
Sabe de bicos, señoría?
A súa señoría resposta: Nin bicos nin rebicos. Isto é un xuízo, un acto serio, señora fouciña. Déixese de bicos e de lerias e baixe do estrado inmediatamente.
(A fouciña baixa do estrado e senta ao carón das súas compañeiras)



ACTO 2.
(É chamado en segunda quenda o cavorco)
A defensa repite a pregunta:  Cal é a súa fisionomía, señor cavorco?
O cavorco responde: as miñas veas son montañas e vales. As miñas costelas están perfiladas polos regueiros que atravesan todo o meu ser. O meu sangue traslada historias, lendas e algún nobre cantar. As criaturas da contorna, as transmisoras, as altofalantes.
A defensa intervén de forma espontánea e pregunta ao cavorco:
 Por que pensa que foi chamado pola acusación?
E contesta el:  Non sei ben da cuestión; dixéronme que estaba en situación de perigo.
O avogado da acusación eleva a súa voz e con ton de prepotencia manifesta:
Señoría, a consultada non está sendo acusada. Noxenta estratexia de defensa!
O cavorco con voz aguda e en ton baixiño pregunta á señoría:
Perdoe señoría, podo falar?
Fale pero acabe axiña!
A miña estrutura componse de historias. Ruxerruxes de pescadoras fornecidas nos ríos que albergo a ras da miña pel.
Falan as montañas entre si e contan que dun soprido nacín; dun asubío propagado pola forza do vento. Penso que levan razón, e de aí parte a miña fisionomía.
Os vales falan a través das súas moradoras e din ser acusadas para se comunicaren.
E como podo axudar eu, pensei? E decidín sentar na bancada.
Que non!
Que non está sendo acusado!
E dálle!, di o señor xuíz.
Baixe do estrado señor cavorco, baixe!



ACTO 3.
(Sobe a extenuación ao estrado)
Parece que está cansa vostede.
Ai! Non sabe de onde veño; veño sen fala, ui!
Non! sen fala non!; equivoqueime, señoría, veño buscala.
Como que buscar a fala?
Perdón, non entendo o que me di, estou un pouco desnortada!
Sabe vostede onde é que está?
Na procura de  fisionomía!
Ai, non lle podo falar diso!
Está vostede en condicións de falar?
Falo rápida e veloz, na memoria a curto prazo un cantar, corrín e corrín, marchei e sen mirar atrás señoría dando un chimpo case morro no intento.
Tan mal está, señora extenuación?
Baixe de aí, antes de que lle dea algo!
(A extenuación baixa do estrado e senta na bancada xunto as demais).

ACTO 4.
(O tomate é chamado ao estrado)
O señor tomate senta, espera a que sei eu e evádese pensativo nas súas cousas.
O seu pensamento viaxa fora de si mentres o xuíz e demais presentes fican atónicos diante de tal suceso. Ninguén di nada.
O tempo paralízase e ningunha das presentes é quen de se manifestar. Ninguén di nin chío.
O señor tomate ás súas cousas, coma se con el non fose a cousa. O señor tomate decide baixar do estrado e sae da sala.

ACTO 5.
(Chega á porta e bate coa porta)
A moza entendeu e só repetía: cuestión de fisionomías, cuestión de fisionomías, cuestión de fisionomías...

http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es