jueves, mayo 28, 2015

FESTAS TRADICIONAIS DE MAIO NA REXIÓN DO BIERZO.


FESTAS TRADICIONAIS DO MES DE MAIO NA REXIÓN DO BIERZO, 

por Xabier Lago Mestre.
Coletivo cultural Fala Ceibe do Bierzo.

En maio xa estamos de cheo na prmavera. Visítannos os vencellos e golondrinas cos seus xogos voadores. As pombas procuran sen descanso parellas para procrear. Os viciños teñen gañas de festa despois de deixar atrás a friaxe da invernía e mailas restriciois da cuaresma e semana santa. 
OS MAIOS DE VILAFRANCA DO BIERZO E VALDEORRAS.

Os maios de Vilafranca son do máis festivaleiras e populares. Son varios días de festa, música e baile. O 1º de maio é a festa grande que se inicia co corte das cañaveiras que formarán as ramaxes para vestir os grupos de maios polos diversos barrios. Cada grupo sae danzando e cantando para percorrer as rúas até chegar á praza Maior. Eiquí centos de visitantes acompañan os maios e se adornan con motivos vexetais no pelo ou na roupa. Todas as cámaras fotográficas recollen xestos, bailes e cantos en fotos e videos que suben de inmediato na internet para viaxar polo mundo dixital.



Non podemos pasar por alto os maios da bisbarra irmá de Valdeorras. Na vila do Barco teñen lugar uns peculiares maios. Trátase de maios enxebres e outros artísticos que elaboran os diversos colexios locais. Acompañan os viciños aos maios e entoan coplas e regueifas críticas e satíricas contra os poderes establecidos. Tamén hai mercadiño de produtos tradicionais e gastronómicos. Cóntannos que a recuperación dos maios barquenses foi a fines da década dos setenta do século pasado. Oxalá algún ano vindeiro haxa un irmanamento entre os dous maios de Vilafranca e do Barco.  
  
AS FEIRAS DE SAN MARCOS DE CACABELOS.

Parece mentina que as vellas feiras gandeiras de San Marcos de Cacabelos continúen con grande éxito. Agora non hai xa gando pero si centos de casetas para a venda de roupa, comida, ferramentas, bisutería, e polbo para os xantares. Centos de bercianos e galegos chegan de todas partes para pasearse pola estrada principal da vila, a antiga nacional VI, dende a cooperativa vinícola até o santuaria das Angustias. Os vendedores quéixanse de que moitos visitantes só pasean sen mercar. Pero, dende logo, nese 1º de maio sempre hai miles de visitantes en Cacabelos.



Na Cabreira salientamos a romaría de Santa Elena (3 de maio), na Lomba, pois xa recuperaron a ermida queimada hai algúns anos. A ela acoden viciños de toda A Cabreira para pedirlle ás anta. Festas patronais na honra de Santa Elena tamén teñen en Magaz  de Abaixo.

En maio tamén aproveitan os barrios de Ponferrada a competir polas mellores festas.  Catroventos principia as súas na primeira fin de semana. A seguinte semana é para Flores do Sil en honra do Xesús Divino Corazón. O dito popular nos di que "se hai bo tempo en Catroventos, haberá malo para Flores do Sil". Un exemplo da pugna vecinal. Por sorte, neste 2015 houbo bo tempo para ámbalas dúas festas.  
  
OUTRAS FESTAS EN VALDEORRAS.

Na bisbarra viciña temos a romaría de San Xil (1 de maio) en Casaio, na municipio da Carballeda. Onde domina a paisaxe das louseiras negras. Mentres que no Barco de Valdeorras temos as outras festas de Santa Rita (22 de maio) que tivo a súa orixe no barrio da estación. Hogano a santa trouxo sorte aos seus feligreses pois conseguiu o ascenso da equipa de futbol O Barco a terceira división galega, onde xogan varios bercianos.



Como nova festa temos a Feira de 1812 en Petín, xunto á vila da Rúa. Esta festa de recreación histórica lembra a ocupación francesa e a resistencia galega. Neste 2015 coincide coas datas de 30 e 31 de maio. Ademais, para o 16 e 17 de maio será a festa do cordeiro, coma festa gastronómica en Larouco. Tamén para estas últimas datas ten lugar a Ascensión en Rubiá.  A Rúa festexa a Virxe de Fátima. 

A PROCESIÓN DOS AMORTEXADOS.

En Quintana de Fuseros ten lugar a coñecida coma procesión dos amortaxados (3 de maio). O seu cortexo está formado por feligreses que visten as que serán as súas mortaxas. Os devotos aproveitan a ocasión para facer rogos de mellora da saúde. Os ofrecementos consisten tamén en pagamentos á igrexa.  A romaría vai dende a igrexa parroquial até a ermida da Santa Cruz ou da Cruz dos milagres. Crese que a orixe desta tradición vén do século XVII.



SAN ISIDRO LABRADOR.

No Bierzo central ten gran predicamento San Isidro Labrador (15 de maio) como patrón dos labregos (vinícolas, frotícolas, hortícolas...). Salientamos as festas de Cacabelos no barrio do mesmo nome. Outras son as de Toural dos Vaos coa súa procesión do santo. Posada do Bierzo , localidade de repoboación franquista, tamén conta con esta festa, ao igual que Cubelos do Sil.    

Festa de San Bernardino en Castropodame (8-10 de maio). Tamén hai esta festa en Porcarizas (20 maio) e Yebra no val do Cabreira. Deixamos un refrán deste santo: "Polo S. Bernardino (20 maio) quen cavó cavó" (remata o tempo das cavas agrarias). En Almázcara celebran a Santa Cruz (3 de maio), ao igual que en S. Pedro Castañero. Na pequena localidade da Válgoma ten lugar a Ascensión (30 e 31 de maio). San Fernando se festexa en Prado de Paradiña para o 30 de maio.



A procesión da Virxe da Estrela ten lugar en San Xoán de Palozas (23 e 24 de maio). Mentres que en S. Pedro de Troes ten a súa romaría da Virxe da Estrela para o 31 de maio onde acuden moitos bercianos, cabreireses e valdeorreses. Dende a ermida hai vistas sen igual do val do río Cabreira.

Peculiar resulta a 4ª marcha rocieira do barrio de Torenillo do concello de Toreno. O día 30 de maio hai marcha entre Toreno e Cubelos do Sil, pasando por valdelaloba, Pradilla y Finolledo. Na súa organización participan diversas xuntas veciñais e a comunidade andaluza do Bierzo.

FESTAS PATRONAIS DA VILA DE CONGOSTO.

O dia 17 de maio os viciños de Congosto baixan a Virxe dende o santuario da Pena de Congosto para a vila. Eiquí permanece até o sábado 30 de maio en que os viciños suben a dita Virxe para o seu santuario. Hogano aproveitouse a festa para presentar un libro sobre a historia da Pena de Congosto. Agardemos que sexa de interese para moitos.



O BIERZO, MAIO DE 2015. 

http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es

0 Comments:

Publicar un comentario

Links to this post:

Crear un enlace

<< Home