viernes, septiembre 04, 2015

ROTA EN TREN DE MONFORTE DE LEMOS A PONFERRADA.


ROTA EN TREN DE MONFORTE DE LEMOS A PONFERRADA,
Por Xabier Lago Mestre.
Colectivo Fala Ceibe do Bierzo (falaceibe@yahoo.es)

Os amplos andeis da estación de Renfe de Monforte de Lemos recordan tempos de moita funcionalidade ferroviaria. Hoxe este edificio permanece case desocupado ante o pouco tráfego de viaxeiros. A estadía nesta vila permite visitar o seu amplo museo ferroviario de Galicia. Ás 17.30 horas collemos o tren que vén de Vigo e nos levará até Ponferrada. Cómpre dicir que este rexional permite levar bicicletas até as diversas paradas ferroviarias e, dende elas, principiar diversos roteiros turísticos polas bisbarras viciñas. O comboi colle velocidade pola chaira deixando atrás as pequenas aldeas de Reigada, Vascós e Chavaga.    

En cinco minutos, primeira parada, na Pobra do Brollón. A súa pequena estación formou un barrio afastado da capital do concello. No pasado tivo grande importancia ferroviaria. Os trens que partían da estación de Soldón saían con varias máquinas de vapor para subir polas costas da ribeira do río Lor até chegar á Pobra do Probón. Eiquí esas máquinas deixaban o tren para voltar para atrás cara a Soldón. Todo isto rematou cando xurdiron as máquinas diésel e mailas elétricas.


BAIXANDO POLA RIBEIRA DO LOR CARA QUIROGA.

Paga a pena deter a vista no descenso pola ribeira do río Lor, coas súas aldeas de A Labrada, Pacio, Barxa, Quintá, O Caballo de Lor, Conceado e demais. Todas elas concentraban a súa atividade ferroviaria no apeadeiro de Freixeiro, hoxe sen parada. O noso tren avanza pola faldra da serra de Auga Levada e así baixando até Augasmestas, onde se xuntan as augas dos ríos Sil e Lor que vén da serra do Courel. O río Sil entra, polo oeste, na Ribeira Sacra, máis adiante está o fermoso meandro da Cobela. Polo leste o Sil se abre cara San Clodio. Eiquí temos unha fermosa praia fluvial onde desfrutar das augas en verán. A esta estación chegamos ás 17.55 horas. Como xa comentamos foi lugar ferroviario de importancia. Había varias máquinas de vapor do tipo 1400 para subir os trens para A Pobra de Brollón. Isto significaba ter moitos ferroviarios así como instalaciois de auga (cubas) e briquetas para as máquinas. A paisaxe dende a estación é de vides. Cercana está a vila de Quiroga tras pasar a ponte do Sil. Así pois, temos unha estación para dos concellos, Ribas do Sil e Quiroga.


                                          INSTALACIOIS FERROVIARIAS EN SAN CLODIO

Parte o tren e pola dereita temos o encoro de Soldón, cos seus saltos de auga, un dos moitos que imos ver na nosa viaxe ferroviaria. O vindeiro apeadeiro é Soldón-Sequueiros. Por eiquí baixan as augas do regueiro Soldón que baixa da serra do Cabreiro.  Pola esquerda temos os cumios de Moá (1124 m.) e máis adiante Monte Cerengo (1234 m.). Nas súas faldras as aldeas penduradas de Soutordei e Piñeira. 

Xa no apeadeiro de Montefurado, polo norte baixa a serra de Cereixido, mentres que polo sul temos os ríos Navea e Bibei que veñen da serra da Queixa. Non podemos pasar por alto a obra romana do túnel para desviar o río Sil. Unha riada na década dos anos 30 do século pasado derrubou parte dese túnel de máis de 100 metros de lonxidude. O desvío do río se fixo para extraer mellor o ouro do seu cauce seco.


Deixamos a provincia de Lugo, coas súas aldeas de Os Anguieiros e Vilanuide, para entrar na de Ourense. O encoro de San Martiño remansa as augas do Sil na estación da Rúa-Petín. Tempo merece a visita da ponte romana da Cigarrosa no cercano Petín. A Rúa tivo grande desenvolvemento urbano grazas á contrución das obras hidráulicas que deron moito traballo. O noso tren parte ás 18.10 horas. Á saída desta vila, na zona de Valencia do Sil, podemos ver pola dereita unha potente tubería que sube pola ladeira para o trasvase de augas.


A CHEGADA AO BARCO DE VALDEORRAS.

O noso rexional colle velocidade pola recta de Vilamartín de Valdeorras. A paisaxe de vides medra por todas partes até a capital da bisbarra. Na entrada de O Barco vemos os fornos da antiga industria de caliza. Enriba desta vila vemos os fumes forestais, pola zona de Santigoso. Era raro que este verán fose a excepción nos lumes. Nin O Bierzo nin Valdeorras se libran desta desfeita medioambiental. Por suposto, esta vila é a que maior tráfico de pasaxeiros ten por mor dos seus 15.000 habitantes. Trala breve parada principiamos a marcha ás 18.30 horas.


A ribeira do Sil amosa moitas industrias de lousa, moitas delas ocupando o cauce hidráulico. Deixamos as aldeas de Santurxo e Éntoma a ámbolos lados. Sobradelo nos recibe co novo encoro de Casaio e maila ponte antiga. Nesta vila houbo importante feira de gando da contorna. Ademais tivo unha central térmica con queixa de carbón berciano. Esta central pertencía ao consorcio hispanoalemán e fornecía de enerxía elétrica ás minas de Wolfran de Casaio. Deixamos a estación de Sobradelo, dende onde se acede ao amplo concello da Carballeda, 18.35 horas.

 Fermosas resultan as aldeas altas de A Medua e San Xusto. Novo encoro de Pumares antes da parada de Quereño onde apreciamos diversas instalaciois elétricas. Esta estación servía de saída aos habitantes da Ponte de Domingo Flórez, na rexión do Bierzo, e da comarca da Cabreira. Dende a estación podemos ver o pobo de S. Pedro de Troes, no alto e xunto ás ameazantes canteiras nos seus cumios.


O ESTREITO DE COVAS.

Imos camiño do chamado estreito de Covas. Maxestuosa resulta a fratura xeolóxica na Serra da Enciña da Lastra. Farallóns de grande altura que resultan ameazantes sobre o encoro e a vía do ferrocarril. A cada saída dos túneis novas formaciois rocosas sen igual. O apeadeiro de Covas amosa instalaciois relacionadas coa explotación da pedra caliza, caso dun cargadeiro para trens. Dende a aldea de Covas, que pertenceu ao mosteiro de Carracedo, hai unhas postas de sol fermosas. Son as 18.50 horas e partimos.


Outro encoro en Penarrubia. O primeiro pobo berciano é A Barosa, co seu apeadeiro pechado e sen parada. Na aldea de O Carril o río Sil se xunta coas augas do río Selmo que vén de Oencia. A montaña está rachada pola canteira de pedra. Pola dereita temos entre zona moi boscosa a aldea de A Valiña, enfronte Requeixo. Antes de chegar a Toural dos Vaos temos o casaríoa da Veiga de Paradela e Penoselo. Cruzamos o río Burbia na zona dos antigos vaos cando non había ponte ningunha. Ainda a praia fluvial está chea de xente para sofocar a calor do verán. O tren para na estación ás 19.05 horas.


En nada nova parada no apeadeiro de Viladepaos, sen viaxeiros. Dende eiquí priman as explotaciois de mazás pola chaira berciana. Non para o tren nos apeadeiros de Posada e mailo Devesas. O noso comboio colle máxima velocidade cara a Ponferrada. Á dereita vemos debaixo das montañas de Ferradillo-Ferradelo as barrancas de Santalla que moitos viaxeiros confunden con As Médulas. O monte Paxariel anuncia a cercanía da capital do Bierzo, antes o barrio da Placa e os cargadeiros de carbón á esqueda. Son as 19.25 horas e remata a nosa longa viaxe ferroviaria dende Galiza.

O Bierzo, setembro de 2015.

http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es