jueves, junio 25, 2015

O PATRIMONIO CULTURAL INMATERIAL DO BIERZO 1ª PARTE.


O PATRIMONIO CULTURAL INMATERIAL DA REXIÓN DO BIERZO (1ª PARTE),

Por Xabier Lago Mestre.
Colectivo cultural Fala Ceibe do Bierzo (falaceibe@yahoo.es).
f
Todos e todas temos conciencia da necesidade de proteción do noso amplo patrimonio arqueolóxico, monumental, artístico, conxuntos históricos ou rotas turísticas. Así acontece nos casos da paraxe aurífera das Médulas, castro da Ventosa en Pieiros, castelos e pazos señoriais, igrexas ou mosteiros, coas súas esculturas e retábulos, Tebaida berciana ou  Camíns Xacobeos (de Santiago e de Inverno). Pero hai outro patrimonio cultural, neste caso de carácter inmaterial, que paga a pena a súa valorización social e xurídica. 

No mes de maio derradeiro as Cortes Xerais aprobaron a Lei para a Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial. Trátase de protexer xurídicamente este patrimonio cultural en perigo de desaparición. Por suposto, neste traballo non imos analizar os mecanismos legais de protección senón facer un rápido percorrido polo noso amplo patrimonio inmaterial berciano.


IDIOMAS, EXPRESIOIS ORAIS E MODALIDADES LINGÜÍSTICAS.

Na rexión do Bierzo existen históricamente varias linguas tradicionais. Referímonos ao castelán, galego e asturleonés. Os bercianos cando utilizamos o castelán inserimos moitas palabras dos outros idiomas territoriais. Ademais, cando viaxamos fóra do Bierzo somos recoñecidos como foráneos pola nosa pronuncia galega. Esta peculiar caraterización nosa deriva da existencia previa dos nosos idiomas tradicionais, galego e asturleonés, no seo das nosas familias e veciñanzas locais. 

Ademais a pervivencia destes dous idiomas territoriais se constata na nosa toponimia, orónimos (orografía), hidrónimos (augas), zootopónimos (animais), fitotopónimos (vexetais), onomásticas (persoas), etc. Todos estes nomes forman parte da nosa historia e teñen grande valor filolóxico. Por iso merecen un maior respeito institucional por parte dos actuais concellos e pedanías no seu mantemento na súa lingua orixinal.



Pola outra banda, temos a nosa variada literatura oral que abrangue os ditos, os contos, as lendas, as adiviñas, os refráns, etc. Sentimos que moitas veces se recompile este patrimonio tradicional non escrito, non no seu idioma orixinal, senón en castelán perdendo así a súa esencia lingüística. O descoñecemento hoxe destes idiomas tradicionais do Bierzo supón que estas dúas culturas nosas sexan discriminadas e uniformizadas a prol do castelán.

Dentro das modalidades lingüísticas non podemos olvidar o chamado burón ou fala dos ambulantes de Fornela. Esta xerga era utilizada polos vendedores para non ser comprendidos polos de fóra do seu grupo profesional. Así usaban fumaxe en vez de queixo, gruño por porco, afeitar ou vender caro. Por desgraza será moi difícil o mantemento desta reducida linguaxe máis aló dos estudos filolóxicos. 


AS FORMAS DE REALIZACIÓN COLETIVA E ORGANIZACIOIS.

  Neste apartado temos o caso das peculiares comunidades rurais. Referímonos aos concellos medievais que evolucionaron ata as actuais xuntas veciñais. Despois de séculos de loita pola súa autonomía, contra os poderes señoriais e despois contra o centralismo do Estado liberal, as nosas chamadas pedanías representan ás coletividades locais. Son exemplos da participación popular, a través da eleción direta, que reforzan a nosa democracia dende a base. A organización destes concellos históricos se fixo coa elaboración das ordenanzas de cada localidade que se deberan recuperar como dereito local berciano. 

Outras formas xurídicas históricas de organización coletiva foron: os agros (explotaciois agrarias en común), servidumes (de paso, pastos, segas, regos…), comuniegos de regos, faceiras (prestaciois de traballo coletivo), cazatas de alimarias (lobos, osos…), comuñas ou parcería (contratos de gando a medias), foros enfitéuticos (contratos agrarios a longo prazo), bouzas e searas (reparto de terras coletivas), veceiras de gando, quendas en muíños e fornos, montes en man común, morteiras en bosques, compaña ou sociedade familiar, etc.  

  
OS USOS RITUAIS, SOCIAIS E FESTIVOS.

Hogano celebramos a Saída do Santo de Bembibre que se celebra cada sete anos. Unha celebración que tiña a súa orixe na rogativa para o pedimento de chuvias durante as secas. Esta tradición milagreira do Ecce Homo era compartida pola Virxe da Peña, de Rozuelo ou da Encina de Ponferrada. Outros santuarios como das Angustias de Cacabelos, da Virxe das Neves en Páramo do Sil, da Virxe do Val de Llamas de Cabreira ou a Virxe de Trascastro atraen cada ano a centos de devotos nas súas festas relixiosas. 

Pero non podemos olvidar as pequenas romarías rurais da Virxe de Fombasallá, da Virxe do Carme de Rioferreiros ou S. Vitor en Lardeira. Salientamos a Virxe da Estrela de San Xoán de Palozas, chamada A Capeluda, onde aínda se recorda ameaza do lexendario lobo: "Canta, pastorciño, canta/ canta ben e canta forte/ se non fora A Capeluda/ eu che daría morte". Sirva esta lembranza para as antigas romarías estragadas, como a da ermida de Nosa Señora do Río, onde acudían xentes San Martín, Val de Finolledo, Penoselo, S. Pedro de Olleros e Moreda con procesiois e danzas.


Pero tamén temos peculiares ritos sociais como o milladoiro de Cruz de Ferro. Eiquí os emigrantes e segadores bercianos e galegos, camín de Castela, botaban unha pedra como bo desexo na despedida da súa terra. Á vez eses mesmos segadores arrincaban estelas protetoras da porta da igrexa das Angustias de Molinaseca, á súa volta a Galiza, en sinal de agradecemento deixaban cravadas as súas fouces nela para rendas da fábrica.

Coma exemplo de uso ritual ancestral temos aínda as fogueiras da noite de S. Xoán. As nosas localidades e barrios celebran con éxito o precetivo cerimonial. As sete voltas á fogueira non poden faltar, os saltos sobre o fogo, así como botar un obxeto ao lume purificador mentres se fai un desexo. Esta festa pupular vai acompañada quente sardiñada, dos conxuros da queimada e dos sons finais da cadenciosa gaita.



Tódolos anos agardamos o desfrute das grandes festas patronais da cidade de Ponferrada ou das nosas vilas, O Cristo de Vilafranca, Bembibre e O Barco de Valdeorras, Pascua de Cacabelos, etc. Pero non podemos pasar por alto as que celebran as nosas pequenas localidades que resisten a pesares da emigración. Antigamente era normal a comemoración de dúas festas, de inverno e de verán. En invernía S. Antonio Abad (17 de xaneiro) e Santo Tirso (28 de xaneiro) eran as máis celebradas. As emigraciois por razois laborais alteraron o calendario festivo. Primeiro, pola marcha dos segadores a Castela, decaeron as festas de verán. Despois, pola emigración definitiva do século XX, suspendéronse as festas de inverno fronte ás de verán.

Eiquí engadimos outras festas tradicionais coma o Entroido nas súas diversas formas de rebeldía social contra os poderes (concello, igrexa...). Metemos tamén os deportes nosos, casos dos bolos e billarda, ou dos xogos infantís.  

REXIÓN DO BIERZO, XUÑO DE 2015.

http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es

0 Comments:

Publicar un comentario

Links to this post:

Crear un enlace

<< Home