martes, junio 02, 2015

ROTEIRO POLA SOMOZA BAIXA DA REXIÓN BERCIANA.


ROTA POLA SOMOZA BAIXA DA REXIÓN DO BIERZO.
por Xabier LAGO MESTRE,
Coletivo cultural Fala Ceibe do Bierzo
falaceibe@yahoo.es

Principiamos a nosa viaxe na estación Renfe de Ponferrada. Deste xeito reducimos quilometraxe. No andén principal coincidimos con outros ciclistas que van para Valdeorras e que, segundo nos comentan, voltarán ao Bierzo pola estrada Nacional 120. Chega puntual o tren rexional de Léon ás 9.10 da mañanciña do domingo. Subimos todos as nosas bicis e tras unha curta viaxe chegamos a Toural dos Vaos. Na praza da estación hai mercado semanal con algúns postos e pouca xente madrugadora.

Subimos polas rúas cara á fábrica cementeira de Cosmos. Xunta a esta empresa está o cuartel da Garda Civil, momento en que aproveitamos para poñer os nosos cascos en evitación de multas de tráfico. Más adiante Parandois. No seu casarío atopamos varias pintadas. Unha delas "Villadecanes ayuntamiento" que lembra a desputa polo concello con Toural dos Vaos. A outra, "Parandones" sobre un sinal de tráfico da Deputación leonesa que dicía "Perandones". Só falta a pintada galegueira Perandois. Nos restos da antigo teleférico de Cementos Vilafranca añida unha parella de cigoñas que ben merecen unha foto nosa.

                                             
                                               LOCALIDADE DE PARANDOIS 

Cruzamos unha ponte sobre as estradas N-VI e autovía do Noroeste para pasar ao pequeno polígono industrial anexo. Cara ao norte, paisaxe de viñedos sen fin. En Valtuille de Abaixo atopamos unha placa do rueiro a prol de Francisco Franco. Más adiante Valtuille de Enriba. Afastados os dous Valtuilles pola antiga Nacional VI que vai polas vílas do Bierzo chairo. Antes de chegar para a igrexa hai que fixarse moito nun letreiro, no baixo dun corredor, que indica a saída, pola dereita, para a estrada para Pobradura da Somoza.

CAMÍN PARA POBRADURA DA SOMOZA.

Trala suba para Valdepedroño unha vista fermosa do casarío de Valtuille de Enriba. No pago da Tillería invasión dos viñedos por doquier. Na mesma estrada atopamos un solitario eucalito xigante. O noso camín se empina pola zona montañosa. O estreito val do río Valtuilles está cheo de arboreda. Nos descansos procuramos a sombra dos piñeiros sobre a estrada. No baixo val varios topónimos coma A Nogaliña. Pola esquerda os sucesivos cerros das Campas e Mirandelo que separan este val da conca do río Burbia. Mentres que pola nosa dereita os tesos Pedrices e Valencín. Ante nós os soutos de castiñeiros, ben coidados, pretos xa de Pobradura da Somoza. 

                                         
                                                      VISTA DE VALTUILLE DE ENRIBA

Xa no seu casarío xa quedan poucas mostras da arquitetura rural que ben merecen unhas fotos. A súa veciñanza se dedica a manter ben as súas casas rurais na praza da localidade. Neste lugar, hai unha fonte pública onde unha muller lava a súa roupa. Falamos con ela sobre a festa patronal que recae para Santa Lucía. Ante a súa igrexa parroquial non podemos entrar por estar pechada. Nos seus muros outra placa franquista.

Na saída de Pobradura preguntamos a uns viciños sobre a quilometraxe que nos quedan para Paradiña. "Uns poucos" respostan, sen indicar o seu número, supoñemos que porque non van moito para aló. Hai unha pequena suba para o pico da Cabezada (992 m.). Eiquí nace o requeiro do mesmo nome que baixa para a conca do río Burbia, ao igual que os outros regueiros cercanos de Rudicais, Trabas e Chas.


                                                           IGREXA DE POBRADURA.

NA PROCURA DA LOCALIDADE DE PARADIÑA.

Que desfrute coa baixada rápida para a localidade de Paradiña. Por diante os topónimos Os Torgais, A Valdemadeira, O Couto, O Caborcón, Campa Grande e demais. No cruceiro que está debaixo das Cabanas (876 m.) atopamos estradas con saídas para o val do Burbia, á esquerda, e para Paradiña, á dereita. Segue a baixada para a localidade de Paradiña. Primeiro vemos o barrio de Pedredo e logo o barrio Novo, presidido coa súa igrexa.

Entramos na localidade onde atopamos un lavadoiro con auga fresca. Máis adiante a praza da igrexa. Unha familia traballa na restauración da súa casa. Por desgracia outras do barrio Novo se caen polo abandono. Paga a pena agradecer aos seus viciños o seu esforzo por manter o seu patrimonio rural. Un potro restaurado de principios do século XX. Outra igrexa pechada este domingo. A foguetería esperta a nosa atención. Son as festas dos viciños de Prado da Somoza, antes Prado de Paradiña.  


                                                        LAVADOIRO COMUNAL DE PARADIÑA.

Na saída do pobo unha especial porta para o gando con alamíos pendurados para que o  vacún non entre nesta localidade. Qué desfrute ver gando pastando que dá vida a estes vales. Oxalá algún día se aproveite máis o gando, sobre todo cabrío, para limpar de vexetación estes montes. Os viciños de Paradiña amablemente nos indican a baixada para a eira dos Muíños, As Portilliñas e Os Poliñeiros. Abundante vexetación arborea de ribeira do regueiro Fondovila. Este primeiro se xunta coas augas do río Ancares e logo, pouco despois, co río Cúa. Dende eiquí hai 4.5 quilómetros para Vilaboa-Villabuena. Pero nosoutros buscamos Quilous e, de seguido, Cacabelos para ir ao noso inicio en Ponferrada.


O Bierzo, maio de 2015.   

http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es