lunes, julio 13, 2015

ROTEIRO POLA BAIXA CABREIRA DENDE O BIERZO.


ROTEIRO CARA Á CABREIRA BAIXA DENDE O BIERZO,

Por Xabier Lago Mestre (coletivo cultural Fala Ceibe do Bierzo)
falaceibe@yahoo.es

A convocatoria da chamada festa da Cabreira serve apra que moitos bercianos acudamos á localidade de Nogar. Por iso saímos de Ponferrada e axiña temos as primeiras costas á altura de Salas, capital do antigo municipio e do concello xeral dos Barrios, con Villar e Lombillo. Pasamos a algún ciclistas que sufren co esforzo dos fortes desniveis da estrada. Pouco despois nos recibe o teixo de máis zona no Bierzo, en San Cristobal da Valdueza. Esta localidade amosa bandeirolas que adornan a súa principal, ademais dos sons agarimosos da charanga musical que procura alegrar as festas locais de S. Cristobal (10 ao 12 de xullo).

A nosa suba montañosa ofrece fermosas paisaxes. Comentamos dos perigos das loucas que se desprenden sobre a estrada. Eiquí o que falta é unha tirada da Volta Ciclista a España, nestas costas para o porto do Morredoiro. O seu cumio a 1762 metros ben paga a pena unha foto e da estación invernal. De novo no auto para o seguinte porto uns quilómetros máis aló. Xa estamos no Alto das Portillinas (1950 m.). Detrás de nós varios automóbeis que quizais vaian tamén para o noso destino festivo. 


Principiamos o descenso polo val do río Eria. Enfronte o maxestuoso Teleno cos seus 2188 metros. A deforestación dos altos cumios deixan paso ao verdor das arboredas de ribeira. O gando vacún aproveita os verdes pasteiros. Xa estamos no barrio de Pedrosa na localidade de Corporales. Algún que outro mareo precisa da parada. Bebemos fresca auga na fonte cercana á igrexa parroquial. O seu casarío rural ben merece unha visita. Escoitamos as alegres voces dun campamento xuvenil que desfruta da estadía veraniega.

A LONGUEIRA BAIXADA PARA NOGAR.

De novo na estrada para seguir o descenso para Nogar. Vemos o letreiro que anuncia as canles romanas que seguen o curso do río Cabreira. Diante de nós dos xigantescos camióis co anuncio de orquestra de Galicia. Cremos que forman parte do escenario do grupo Luar na Lubre que tocarán pola noitiña cabreiresa. Amabeis os seus condutores permiten que os pequenos automóbeis en ringleira poidan adiantar estes dous colosos da carreteira que semellan perdidos nestas estreitas estradas.


Chegados somos a Nogar, relacionado coas nogueiras da súa ribeira. Na mesma ponte agardan os pendois dos pobos da contorna. Xa se erguen os altos mastros, estenden os trapos de cores e forman os grupos musicais. Mentres hai estes traballos previos visitamos a localidade de Nogar, ao outro carón da ponte romana. Dá bo gusto contemplar os exemplos de arquitetura rural. Os primeiros sons dos instrumentos musicais anuncian o principio da procesión de pendois. Esta marcha vai para a campa das festas onde o sol queima. Salientamos os xigantescos escenarios das orquestras e do xantar comunal. Varias casetas anuncian os seus produtos de venda, libros, roupa, chocolate de Astorga, licores do Bierzo, artesanía, etc.

O PERCORRIDO POLA ESTRADA NORTEÑA DA CABREIRA.

Por desgraza non temos tempo para máis en Nogar. Saímos para estrada que nos levará por outras localidades da Cabreira. A mala estrada que percorre esta comarca polo norte precisa de moitas melloras por parte da Deputación de León. Segundo nos comentan algún outros visitantes, era mellor tomar a estrada sul para subir por Encinedo e A Baña, para logo baixar pola conca do río Silván até o río Cabreira á altura de Llamas de Cabreira. Está claro que esta outra rota meridional é tal porque beneficia ás empresas louseiras da zona que poden sacar o seu produto mineral máis rápidamente para Galiza.


O primeiro casarío que atopamos é Saceda que xorde unha ladeira moi solleira. O seu nome quizais faga referencia aos salgueiros (sauces). Saceda celebra as súas festas o 13 de xuño, polo San Antonio de Padua. E por estas paraxes están os restos das canles romanas que levaban as augas para As Médulas bercianas.

Aos laterais da estrada andan as outras localidades de Noceda de Cabreira, ao norte, e Marrubio, ao sul. Segundo lemos nas guías turísticas, Noceda tivo a súa orixe medieval nos pastores trashumantes. A súa patrona é Madalena, con festexos para o último domingo de xullo. Tamén eiquí hai un corpulento teixo xunta á igrexa. 


                                            LOCALIDADE DE SACEDA DE CABREIRA.

De novo na estrada para Castrillo de Cabreira. a catro quilómetros dos desvíos para as anteriores localidades. Supoñemos que o seu nome se debe a un antigo castro. A ermida de Nosa Sra. de Castro celebra festa o 15 de agosto con romeiros da contorna. Castrillo é capital municipal. Máis adiante o casarío de Odollo, a 5 quilómetros. Conta cos barrios de: Otero, o máis alto, Igrexa e Quintanilla. Á saída temos unha importante louseira que deixa caer os seus estériles por unha longa ladeira do regueiro da Serra.

A 8 quilómetros temos un recodo da estrada, no regueiro Valdeolleras, o santuario da Virxe do Valle. Cada primeiro domingo depois de Pascua de Resurreción celebra a súa romaría de tanta zona na Cabreira e O Bierzo. Uns quilómetros máis aló a localidade de Llamas de Cabreira (840 metros). Santo Martiño é o seu patrono, cada 11 de novembro. Tivo na ribeira unha ferraría con augas do regueiro Valdecorrais que baixa dos montes Aquilanos.


RECLAMACIÓN DUNHA ESTRADA DIRETA COA REXIÓN DO BIERZO.

Chegados a este punto, como bercianos aproveitamos a ocasión para reclamar unha estrada direta co Bierzo. Sempre houbo un proxeto de prolongar a estrada para o chamado Campo das Danzas, no cumio dos montes Aquilanos, ao sul para a comarca da Cabreira. A Deputación de León ven de anunciar o arranxo desta estrada pola súa vertente berciana. Agora ben, vai sendo hora de retomar o proxeto de construción da estrada na súa vertente meridional nas terras cabreiresas. 

Todos sabemos dos problemas climatolóxicos que plantexa esta estrada durante as invernías, polas neves nos altos, as xeadas e as néboas. Pero non se pode agardar máis pola promesa política do faraónico túnel que atravese os montes Aquilanos para salvar atrancos climatolóxicos, xeolóxicos e orográficos. A construcción da dita estrada é o primeiro e logo vén o establecemento dos equipos de quitaneves en inverno e mantemento de silos de sales. Só así se pode dar un pulo definitivo ao illamento actual da bisbarra da Cabreira. A citada estrada pode axudar moito a acercar a Cabreira ao Bierzo e mailo núcleo urbano de Ponferrada, onde viven dende décadas moitos cabreireses. 

                                        
                                           VISTA DE NOGAR DE CABREIRA.

Aproveitamos a ocasión para acordar os camíns de comunicación tradicionais que había entre as dúas comarcas viciñas. Así, dende Llamas de Cabreira saía un camín pola beira esqueda do regueiro Valdecorrais. Outro camín, dende Santalavilla, bordeaba o regueiro de la Guiana para o Campo das Danzas no cumio. Tamén dende a localidade de Pombriego había outro camín que seguía o regueiro Rozana até Ferradillo do Bierzo.

POLAS CANLES ROMANAS DA CABREIRA.

O Consello Comarcal do Bierzo leva tempo a recuperar parte das canles romanas da Cabreira que servían auga para a paraxe das Médulas. Salientamos algúns fitos destas obras hidráulicas. No primeiro lugar, en Llamas de Cabrera podemos atopar muros de sostemento, tamén hai túneis excavados.

Saltamos para a zona de Pombriego-Santalavilla para facer mención a pena Forcada, onde os romanos rebaixaron parte do collado en 20 metros para permitir o paso dunha canle. Mentres que Buraco de Valellos representa un túnel amplo e ben conservado. 

A PIQUES DE REMATAR A NOSA LONGA VIAXE CABREIRESA.

A localidade de Santalavilla amosa tres barrios, a saber, El Valle, La Iglesia e El Barrio. Sendo o seu patrón S. Pelaio para o 26 de xuño. A cinco quilómetros xorde Pombriego. Foi famoso polas súas feiras cada 11 de mes. Conta con varios barrios, A Devesa, A Veiga, O Palacio, A Reata, El Estrallo, As Huertas, O Barrial e Portilla. Cada 13 de xuño celebra San Antonio, o 16 de agosto S. Roque e remata con S. Clemente o 23 de novembro.


                                            CONCELLO DE CASTRILLO DE CABREIRA.

Castroquilame nos recibe co barrio A Pedreira, logo seguen O Outeiro e maila Cruz. Outros son Os Nogueiros, O Foyo, La Corralada, O Penedo, A Devesa e Fondolugar. Son as súas festas S. Idefonso e A Madalena. A cinco quilómetros temos A Veiga de Yeres. O 24 de agosto celebra as súas festas da Espetación e S. Bartolo. Os últimos catro quilómetros nos serven para chegar á Ponte Domingo Flórez, capital administrativa e comercial da Cabreira Baixa. Dende eiquí temos saída para as comarcas do Bierzo e Valdeorras. Longa viaxe pola Cabreira que agardamos repetir un ano vindeiro.

O Bierzo, xullo de 2015. 

http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es