A CUESTIÓN BERCIANA, POR DANIEL BERNARDO VIVERO
A
cuestión berciana
POR DANIEL BERNARDO VIVERO
O Bierzo é un dos suxeitos políticos máis característicos
e curiosos do Estado Español, máis que Catalunya e moito máis ca Galiza. A súa
identidade, meramente provinciana, fai das súas reivindicacións algo que poucas
veces se viu na Historia Política de España. A pesar de que as bercianas están
inmersas nunha autonomía que a moitos non representa, non hai apenas mostras
desa dominación cultural que Castela fai con tanta facilidade. No Bierzo a
xente fala a súa lingua sen prexuízos e sen protestaren por non se entender
entre eles, porque se entenden.
A
INXERENCIA GALEGA
Pola contra, hai un elemento que si preocupa aos
bercianos e lles causa un profundo rexeitamento ante o que chamaremos “a
cuestión berciana”. Ese elemento non é máis que o dominio que os galegos que
inmigramos, tratamos de impoñerlles aos seus habitantes. Por desgraza, aqueles
galegos que vivimos no Bierzo somos –practicamente- os únicos que loitamos duro
pola lingua galega. Esta é a anomalía política máis importante no Bierzo, que
non conta apenas cun respaldo social ou político (tan só o PRB se preocupa
desta cuestión e a súa representación non vai máis aló duns poucos concelleiros
en Ponferrada).
Como diciamos ao principio, a cuestión berciana é
meramente provincialista e, nalgúns casos, con aproximacións autonomistas. A
presenza de iniciativas provenientes de partidos coma o BNG cabrea a unha boa
parte da poboación, non queren relacionarse co nacionalismo galego de ningunha
forma. Esta reflexión é cíclica, non queren achegarse ao nacionalismo porque
son rexionalistas e buscan a identidade propia, non a galega.
NIN
GALIZA, NIN CASTELA, QUE(N) SOMOS?
Cando a un berciano se lle pregunta de onde é responde
que é berciano. Non imos atopar neles –case nunca- a identidade galega ou a
castelá, tampouco a leonesa. A pesar de que o movemento bercianista.
Aproximadamente un 30% dos bercianos falan galego, si, pero só un 0,7% quere
pertencer a Galiza segundo varias enquisas. A cuestión berciana do idioma vai
máis alá do nacionalismo galego e do propio rexionalismo berciano.
O primeiro problema está na particular obsesión de moitos
centros educativos en desprestixiar ao galego. Desde Vilafranca ata Ponferrada
son moitos os mestres e profesores aos que non lles gusta que se imparta a súa
lingua. Son profesionais chegados desde outras partes de Castela e León que non
entenden a cuestión berciana e, polo tanto, impoñen a súa identidade
lingüística aos alumnos do Bierzo. “Con el gallego hay que traducirlo todo...”,
“Y esto en Castilla... ¿de qué te sirve?”... son só algunhas das falacias máis
populares entre algúns dos docentes que traballan nos nosos centros.
O segundo problema que ten o galego no Bierzo é a outra
parte, o totalitarismo imposto polos docentes que chegan desde o outro lado do
Porto do Cebreiro, aqueles que buscan que o galego sobreviva cunha actitude
desesperada. Fan ben, evidentemente, ao intentar salvar á lingua dunha diglosia
que a afoga, pero a actitude que demostran non é para nada beneficiosa. Esta
actitude case imperialista fai que
moitas persoas que non falan galego de forma natural se sintan ameazas, aínda
que esta percepción estea equivocada é a que moitos profesores de Galiza dan
aquí.
Polo tanto, para rematar, debemos ter en conta unha serie
de cousas sobre o Bierzo se queremos entender cara onde camiña a rexión e a
lingua:
1.
A lingua galega
pode ser salvada mediante políticas moderadas e de inmersión lingüística periódica, sen
enfados nin inxerencias políticas do Parlamento galego, sen xurisdición na
Comarca. O Bierzo ve a estas iniciativas como algo que pretende conquistalos.
2.
Valentía do
Consello Comarcal do Bierzo ante a diglosia que afoga á lingua do 30% da poboación. A
Xunta de Castela e León está a violar o artigo número 5 do seu Estatuto de
Autonomía de maneira sistemática desde o ano 2015 (apoio de Ciudadanos no
Goberno Rexional). Se o Consello Comarcal o denuncia ante os tribunais podería
mesmo suspenderse a autonomía de Castela (aínda que a nosa cuestión non é tan
popular como a catalana).
3.
Maior propaganda. A organización de
iniciativas en prol da cultura no idioma galego provocará unha maior aceptación
da lingua entre os habitantes do Bierzo (sobre todo na súa parte Oriental, onde
a porcentaxe de galegofalantes é mínima).
1 Comments:
Imperialismo galego? Intromisión.... Toma nota de Euskadi. Vivimos mundos paralelos.
Publicar un comentario
<< Home