martes, noviembre 15, 2022

SOCIOLINGÜÍSTICA DA RESISTENIA NO BIERZO (SEGUNDA PARTE)



SOCIOLINGÜÍSTICA DA RESISTENCIA NO BIERZO (SEGUNDA PARTE),
por Javier Lago Mestre,
autor libro EL BIERZO PROVINCIAL. 

A CULTURA DO PODER.

            O poder político do Bierzo está sometido ás executivas foráneas (Valladolid e León) e pouco son capaces de facer por si ante tais dependencias xerárquicas. Temos o bercianismo político que vai asumindo paseniño as demandas galegueiras no seu programa político.

            O que podemos chamar poder intelectual berciano escasamente toma postura pola defensa do galego. Escribir en castelán ten máis proveito económico (ventas, subvenciois, prestixio, etc). Velaí a cultura castelá desenvolvida por instituciois culturais coma o  Instituto de estudios bercianos, Museo de El Bierzo, Los Ancares leoneses, Fundación Prada a Tope, Universidade de León no campus de Ponferrada, etc. Ademais, alguis filólogos formulan outra problemática, a defensa do dialectismo, pola súa naturalidade que non debe ser alterada polas normativas lingüísticas foráneas.

            O leonesismo, político e cultural, acusou de colonialismo e imposición  calquera influencia do galego oficial. O Instituto leonés de cultura, dependente da Deputación de León, ofrece migallas económicas, e outro tanto acontece co Instituto de la lengua de Castilla y León ou a Cátedra de estudos leoneses (ULE), subvencionados pola Junta de Castela e León.



            Pola outra banda, están os poderes da Galiza, referímonos ao político, universitario, mediático (CRTVG, xornais, radios…), cultural, etc. Son eles os que concretaron a normativa do idioma galego, regulan a vitalidade dos eidos sociolingüísticos, etc. Estas acciois foráneas teñen repercusión na situación do galego do Bierzo porque somos dependentes con escasa vitalidade cultural.  

A CONTRACULTURA.

            O que chamamos a contracultura está representada por varios grupos minoritarios que agrupamos na defensa da cultura tradicional (Escola de Gaitas, bandas de gaitas, etnomúsicos, etc), ademais dos alternativos (Fala Ceibe, Defensa berciana, A Quinta, etc). Incidimos neses alternativos para dicir que traballan na alegalidade. Procuran a defensa da liberdade de expresión con medios propios (pintadas, pegadas, panfletos, internet…), Nos seus procedementos está a provocación  visual e dixital con fotos, videos, memes satíricos, etc. Sendo a temática variada (política, deportes, natureza, turismo, etc).      

A DIXITALIZACIÓN.

            No século XXI hai unha aceleración dos procesos de dixitalización. As empresas privadas e mailas administraciois públicas informatizan os seus procedementos, tanto internos coma externos. Os cidadaos participan activamente nas redes sociais, como novos medios de socialización, sen esquecer os diversos eidos laborais, lecer, comercio, etc.

            Polo que se refire ás redes sociais (web2), hai novos procesos de comunicación (directa, instantánea, visual, brevidade…). O idioma galego ten que adaptarse a esta nova comunicación (léxico, morfosintaxe…), nesta dinámica o portugués pode botar unha man nas esixencias innovadoras. 



            Ante este novo reto dixital o idioma galego necesita modernidarse tecnolóxicamente. Lembremos que nos faltan sistemas de recoñecemento de voz, traducción, corrección automática, asistentes de voz, etc. Só potentes empresas privadas e administraciois públicas da Galiza (proxecto Nos) e Portugal poden facer as correspondentes investigaciois e investimentos.

            Ademais temos cada día máis cercano o chamado metaverso. Trátase do sistema web3, cunha nova texnoloxía (blockchain) que supoñerá que os usuarios poidan ter activos dixitais (tokens), en principio con maior liberdade, sen o control dos servidores actuais. No metaverso haberá cidades dixitais con barrios especializados por servizos moi atraíntes (educativos, comercio, lecer, etc). De novo as empresas, as administraciois e usuarios en xeral deberán loitar por posicionarse co seu idioma galego.



http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es