SOCIOLINGUÍSTICA DA RESISTENCIA NO BIERZO, 1ª PARTE
SOCIOLINGÜÍSTICA DA RESISTENCIA
NO BIERZO.
por Xabier Lago Mestre.
O INTROIDO.
Os
galegofalantes do Bierzo somos unha minoría cultural na Comunidade autónoma de
Castela e León, tamén na provincia leonesa e na comarca do Bierzo. Sufrimos
desde séculos o afastamento da comunidade galegofalante do noroeste peninsular,
como acontece cos falantes do Eonavia e As Portelas. Esta esnaquización
territorial supón un problema histórico que condiciona a nosa existencia futura
(desvantaxe).
Velaí
a necesidade de loitar por recuperar a unión das ditas comunidades culturais
afastadas. Os procesos de segregación/anexión territorial e política non son
doados, por iso hai que profundar no traballo cultural e lingüístico. Pola
outra banda, cómpre mirar tamén a Portugal coma referente cultural, de cara á
execución de procesos de normalización lingüística (vantaxe).
A CULTURA TRADICIONAL.
Desde a Idade Media sabemos da existencia do
galego no Bierzo, por mor dos tumbos dos nosos mosteiros (Carracedo, s. Pedro
de Montes, Espiñareda…). Os poderes señoriais medievais usaron da lingua
escrita (latín e galego) para reforzar os vincallos de superioridade cos seus
vasalos iletrados. Mais o reforzamento do poder dos reis de Castela no Bierzo
asentouse coa súa lingua estranxeira. Na Idade Moderna o sistema político
castelán progresivamente fixou os seus vincallos de dependencia (xurídica,
económica, relixiosa, etc), baseándose únicamente no castelán. A lingua galega
no Bierzo desenvolveuse mediante a oralidade (literatura, dereito concellil,
relixiosidade, tradiciois, etc). Soamente alguis intelectuais, coma Martín
Sarmiento ou Jerónimo Feijoo (século XVIII), reivindicaron o prestixio do
galego fronte ao castelán.
No
século XIX continuaron os procesos de aculturización no Bierzo através das
políticas estatais. A oficialidade do castelán recortou novos espazos
sociolingüísticos (administración, exército, ensino, comercio, etc). Poucos
intelectuais locais escribiron na nosa lingua galega, casos de A. Fernández y
Morales e I. Andrés Ovalle. Outros máis, recoñeceron a clara presenza desta
lingua, A. Cáceres Prat, J. Castaño Posse, etc, o que supón un avance parcial da
conciencia bilingüe.
Polo
que se refire ao século XX, son moitos os filólogos que amosan un interese polas
linguas do Bierzo. Valentín García Yebra estuda o “gallegoleonés de Ancares”,
Francisco González González refirese ao “berciano”, M. Gutiérrez Tuñon e Jesús
García y García pescudan na fronteira entre o galego e o leonés, etc. Outros
investigadores recompilan léxico e tradiciois (Alicia Fonteboa, F. Bello
Garnelo, M. Rodriguez y Rodríguez, etc). Paseniño vaise clarexando a
denominación lingua galega, tanto para os falantes, galegos e casteláns, coma
para os intelectuais e políticos. O grande problema social xorde na segunda
metade do século coa emigración económica que provoca a despoboamento e
envellecemento dos falantes.
O DIALECTISMO E MAILO
OFICIALISMO.
O
oficialismo do idioma galego na Galiza, trala recuperación da súa autonomía
política, repercute na problemática lingüística dos territorios estremeiros. Nas
terras do Eonavia hai unha defensa do seu dialectismo coa creación da súa
normativa lingüística, como reacción ante as presiois dos asturianistas.
Mentres no Bierzo non se defendeu unha normativa dialectal específica.
No Bierzo houbo diversidade de opiniois
lingüísticas. Xentes defenderon o chamado dialecto berciano (localismo), os
leonesistas reclamaron o galegoleonés (mestura de falas), e outros dicían falar
o chapurreao (autonoxo). Por suposto, estes grupos minoritarios non tiveron
forza social nin programa lingüístico para convencer á maioría berciana. A
concreción idiomática no Bierzo foi para a lingua galega, evitando así as
divisiois dialectais que no fondo só esnaquizaban o idioma moderno.
Por
suposto, a defensa do idioma galego do Bierzo non vai contra o dialectismo xa
que éste enriquece. Mais non podemos dar ao dialectismo local unha categoría
que non ten, fronte ao idioma galego que une a toda a comunidade lingüística
peninsular. O galego moderno unificado, baseándose nunha gramática, léxico,
morfosintaxe, etc, necesita da categoría xurídica de oficialidade. Isto último
supón a concreción de dereitos e obrigas lingüísticas, para reafirmar a súa
presenza en tódolos eidos sociolingüísticos.
O Bierzo, outubro de 2022.
0 Comments:
Publicar un comentario
<< Home