AS MIRADAS GALEGAS DO BIERZO, POR JAVIER LAGO MESTRE.
AS MIRADAS GALEGAS DO BIERZO,
Por Javier Lago Mestre, autor do libro El Bierzo provincial (2021).
A celebración do Día da Patria
Galega é a desculpa para pescudar nas relaciois históricas entre Galiza e O
Bierzo. Neste caso fixámonos nas miradas galegas desta bisbarra estremeira en
parte dos séculos XIX e XX. Velaí contidos relacionados coas problemáticas
culturais, lingüísticas e territoriais.
No
século XIX todos ben coñecían as semellanzas entre Galiza e O Bierzo. A
paisaxe, os costumes, o idioma tradicional, etc. eran características
compartidas por ámbolos dous territorios apesar dos lindeiros administrativos
que nos afastan. Así, nun artigo de F. Fabre, titulado como Región Galaica, lemos que es fácil conocer que esta región galaica
comprende la mayor parte de Galicia, el distrito conocido con el nombre del
Vierzo (Semanario Pintoresco español, 1840.
O
rexionalismo galego forxou a súa ideloxía cun contino debate. Manuel Murguía
estuda a historia do vello reino galego. Fixa o lindeiro, nos separan más duramente del resto de la Península las ásperas alturas
del Manzanal. E inclúe expresamente ao Bierzo na Galiza (Libro Historia de
Galicia, 1865). Máis tarde, nos Xogos florais de Tui hai un chamamento concreto
á participación dos escritores foráneos, ós
discretos trovadores e honorables esquirtores de Galicia, do Bierzo e das
outras vellas comarcas onde se fala ou é coñecida a nosa léngoa (1891).
Do Rexurdimento galego tamén
participou O Bierzo da man do escritor A. Fernández y Morales. En 1861 escribiu
Ensayos poéticos en dialecto berciano.
Neles recolle textos tradicionais en galego, nun bo labor etnográfico. Para el
os habitantes falaban un subdialecto galego,
por mor dunhas seculares relaciois históricas que resumía co dito, Galicia tira para si, pero Castilla no la
suelta.
Os
estudos xeográficos salientaron as semellanzas entre Galiza e O Bierzo. Ricardo
Macías Picavea propuxo unha división rexional que incluía O Bierzo na Galiza
(1895). Mentres que Lucas Mallada determinou 15 distritos rexionais con 40
provincias, de novo a provincia de Ponferrada queda na Galiza (1881). E mailo
xeógrafo Dantín Cereceda anexa O Bierzo e Sanabria na rexión galega
(1922).
Nos
debates polo recoñecemento do dereito foral galego fronte ao uniformismo
castelán, O Bierzo estivo presente. O dereito civil galego non era extraño
nesta bisbarra (montes de man común, compaña, concellos, foros enfitéuticos…).
Os xornais de Galicia lembraron os foros de Vilafranca e mailos foreiros do
mosteiro de santo Andrés de Espiñareda. Pola banda contraria, o xornal
católico, Diario de León, defendeu claramente o uniformismo do dereito civil
español (1886).
O
investigador Ramón Alvarez de la Braña procura o monte Medulio, símbolo da
resistencia galaica fronte a Roma, o cal localiza no Bierzo. Ademais de fixar
os lindeiros da Galiza no porto do Manzanal, para rematar coa teima de que todo manifiesta que El Bierzo no debió
incluirse en la provincia de León y si en las de Orense y Lugo (1894). Incluso
o pedagogo, Fco. Giner de los Ríos, recoñece o grave prexuízo político cometido
co Bierzo, la afinidad con Galicia, que
debe conceptuarse error el decreto administrativo, por cuya virtud se halla
incorporada a la provincia de León (1884).
Mudamos
de século para lembrar aos defensores das Irmandades da Fala. Xoán Vicente
Viqueira, desde as páxinas de A Nosa Terra, di ¡lembremonos! De Navia para acó fálase galego, os que moran naquelas
terras son galegos. ¡E grande parte do Bierzo é tamén noso!(1917). Outro
tanto acontece con R. Otero Pedrayo que tamén salienta a presenza do galego no
Bierzo, el gallego se habla en la mitad
occidental del Bierzo, hasta cerca de Ponferrada (…),estuvo desde sus orígenes
históricos ligado a los destinos de Galicia (Guía de Galicia, 1926).
Os
problemas territoriais da Galiza son debatidos con renovado pulo. No xornal El Eco de Santiago fálase da formación
dunha mancomunidade territorial, la
dificultad de fijar desde arriba los límites geográficos de la región,
indeterminados en Galicia, que unas veces abarca El Vierzo y otros se determina
el Duero, se subsana con el fecundo principio de la Mancomunidad (1916).
Máis tarde, a Deputación da Coruña establece unha ponencia que debate sobre a
mancomunidade galega. No seu seo denúnciase a segregación territorial galega,
que los partidos de Villafranca y
Ponferrada que desde remotos tiempos formaron parte de este antigua reino (La
Provincia, 1924). Mais a ditadura de Primo de Rivera pasou da
descentralización.
O galeguismo político afrontou a
problemática territorial ante a reforma estatutaria. Alexandre Bòveda achega ao
debate lingüístico, nas Asturias
oucidentás de fala galega, ou no Bierzo leonés, tamén case totalmente de fala
galega. Máis contundente foi Afonso Castelao cando escribe, con todo é doado esperar que O Bierzo e
demais comarcas limítrofes de Ourense e Lugo, se incorporen ao seo da súa
nación natural, e que o tempo –gran curandeiro dos erros históricos- posibilite
a reconstrucción total da nosa unidade (Sempre en Galiza). No Estatuto
galego de 1931 quedou recollida a anexión territorial no seu artigo 2.
Que
o novo Día da Patria Galega sirva para recoñecer aos que compartimos
galeguidade desde lonxe. Referímonos á Galiza exterior (emigración) e á Galiza
estremeira das tres bisbarras de Eonavia, O Bierzo e A Seabra. Porque está en
xogo a nosa galeguidade futura, cultural, lingüística e territorial, ante tanto
colonialismo castelán acotío. Galiza ten unha grande responsabilidade política
co futuro dos seus irmaos estremeiros.
O Bierzo, xullo de 2022.
0 Comments:
Publicar un comentario
<< Home