A PERSECUCIÓN LINGÜÍSTICA FRANQUISTA NO BIERZO.
A PERSECUCIÓN LINGÜÍSTICA
FRANQUISTA,
Por Javier Lago Mestre,
autor do libro El Bierzo
provincial.
Vén de publicarse a Lei de Memoria
democrática que pretende a restauración da dignidade dos represariados polo
franquismo. Nestas liñas queremos salientar un aspecto concreto desta Lei moi
novidoso, o que incide na persecución das linguas rexionais. No dito texto fálase
das víctimas protexidas, entre elas xorden as persoas e tamén os grupos sociais.
Concretamente, as persoas represariadas
ou perseguidas polo uso ou difusión su lingua propia (art. 3.1.j).
Pola
outra banda, hai unha mención tamén ás comunidades lingüísticas, consideraranse
victimas as comunidades, as linguas e as culturas vasca, catalá e galega, nos seus eidos
lingüísticos, cuxos falantes foron perseguidos por facer uso destas (art.3.6).
Posteriormente, amplíanse as culturas a protexer, recoñecese a política de persecución e represión contra as linguas, as
culturas catalana, galega, vasca, aragonesa, ocitana e asturiana perpetradas
polo réxime dictatorial franquista durante o período de guerra, así como nas
décadas posteriores de dictadura (art. 4.4).
No
caso da lingua galega, abrangue as comunidades periféricas do Eonavia, O Bierzo
e As Portelas de Seabra. Lembremos que para O Bierzo, o propio Estatuto de
autonomía de Castela e León xa recoñece expresamente o idioma galego, gozará de respeito e proteción a lingua
galega nos lugares en que habitualmente se utilice (art. 5.3). Igualmente,
na Lei de creación da Comarca do Bierzo xorde ese recoñecemento expreso do
idioma galego. Velaí que na dita Lei da Memoria democrática non hai unha
referencia directa ao leonés.
Outro
artigo da Lei de Memoria democrática refírese ás consecuencias da persecución
idiomática franquista na sociolingüística de hoxe, avalidación exhaustiva e profunda da represión e persecución cultural e
lingüística do franquismo, así como dos efeitos sobre a realidade
sociolingüística do Estado, cuxos contidos e conclusiois serán divulgados
através de acciois específicas (art.48.4).
No
Bierzo do período franquista houbo medo a usar o galego. Lembremos que había
unha lexislación estatal que perseguía o seu uso público, baixo penas de
multas. Na veciña Galiza houbo numerosos exemplos desas multas polo uso social
do idioma galego. Segundo as autoridades as sanciois se basearon en causas políticas
e separatistas. Neste senso, circularon polas cidades galegas panfletos
ameazantes, Hable bien, sea Patriota, no
sea bárbaro, Arriba España.
Por
suposto, o galego foi usado nos eidos privado, familiar, veciñal, fregués,
rural, feiral, etc. Mais quedou fóra dos ámbitos públicos, concellos, igrexa,
escola, etc. controlados polos poderes políticos. Foron moitos os que sufriron
nas escolas franquistas a represión por falar en galego, ou deixar escapar unha
palabra, verbo, expresión ou dito no idioma proscrito. Os mestres sempre dicían
que nos corrixían para falar un bo castelán e poder medrar profesionalmente. A
aberrante situación chegou até tal punto que se podía aprender un idioma
estranxeiro, caso do francés, mentres que desbotaban da escola o galego
tradicional do Bierzo.
A
castelanización acelerouse co novo pulo político franquista, rachando co
recoñecemento da pluralidade lingüística anterior coa República. A toponimia
berciana continuou castelanizándose paseniño, cos nomes de concellos, barrios, de
persoas, etc. Incluso a microtoponimia (vales, regueiros, pagos, montañas…)
tamén quedou ameazada através dos censos fiscais, catastros, protocolos
notaríais, nomenclátor, etc. Moi lonxe xa quedaba a toponimia galega dos tumbos
monásticos de Carracedo, santo Andrés de Espiñareda e san Pedro de Montes, ou
dos arquivos dos concellos rurais.
Ignorar
o idioma galego do Bierzo polo poder político, durante o franquismo, non deixa
de ser unha forma de represión. Lingua tradicional que tivo unha continuidade
interxeracional, só esgazada pola emigración económica da segunda metade do
século XX. Consecuencia da persecución cultural e política, o galego só se
mantivo oralmente, con escasa representación escrita. Algúns intelectuais da
época amosaron o seu interese polo galego. Lembremos aos bercianos Valentín
García Yebra (1945), Gilberto Núñez Ursinos, Antonio Pereira, etc. O
recoñecemento lingüístico foráneo polo noso galego estivo presente con Luís Carretero
(1952), Dámaso Alonso (1945), Camilo José Cela (1962), Álvaro Ruibal (1970),
etc.
Dese
longo período político e cultural tan negativo sufrimos hoxe as consecuencias.
Varias xeraciois sociais actuais fachendean desa mentalidade uniformizadora e
monolingüe que desprestixia as linguas minorizadas do Estado, caso do galego do
Bierzo. De tódolos xeitos, estamos a avanzar, porque cada día asúmese máis que
tamén falamos galego. Atrás restan eses preconceitos prexuizosos de chapurreao,
dialecto berciano ou fala galegoleonesa. Resulta importante esta clarificación
terminolóxica para ter claro o que somos e que falamos o idioma galego coma na
Galiza.
O Bierzo, outubro de 2022.
0 Comments:
Publicar un comentario
<< Home