sábado, marzo 11, 2023

O GALEGO NO BIERZO. AS ADMINISTRACIOIS PÚBLICAS.



GALEGO NO BIERZO.  AS ADMINISTRACIOIS PÚBLICAS.

por Xabier Lago Mestre, autor do libro EL BIERZO PROVINCIAL. 

            A lingua galega no Bierzo necesita un uso administrativo que favoreza a súa normalización. No ensino público o galego xa está presente desde 2001. Para acadar isto houbo antes que negociar a aprobación de resoluciois políticas, no Congreso dos deputados (1997) e nas Cortes de Castela e León (2000), a prol do ensino do galego no Bierzo. Hoxe hai carencias pola falta de recoñecemento da obriga de ofertar o ensino do galego en tódolos centros escolares do Bierzo occidental (casos da Veiga de Valcarce, Quilous, Carracedelo, Fabeiro, etc).

            O Consello comarcal do Bierzo segue sen admitir o uso administrativo parcial do galego. Intentouse este recoñecemento no regulamento orgánico, mais non foi aprobado (2020). Moi importante sería a creación dun servizo lingüístico no dito Consello comarcal. Este servizo podería asesorar aos concellos e xuntas veciñais no uso administrativo do galego.

            Hai outras administraciois públicas que no futuro deberían permitir o uso parcial do galego. Referímonos á Deputación leonesa, na súa delegación berciana, ou as propias Cortes de Castela e León ou o Procurador do Común. Nesta dinámica pasiva non se entende que a Cátedra de estudos leoneses (Universidade de León), o Instituto leonés de cultura (Deputación leonesa) e mailo Instituto de cultura de Castela e León (Burgos) pasen da nosa lingua galega, cando son entes públicos pagados por cartos de todos. Velaí a necesidade de sinar protocolos de colaboración interadministrativos coa Xunta de Galicia para executar estas demandas lingüísticas. O obxectivo final ten de ser o recoñecemento de oficialidade para o galego do Bierzo, no Estatuto de autonomía de Castela e León, o que obrigaría ao uso administrativo deste idioma.        



AS ACTIVIDADES ECONÓMICAS.

            As empresas privadas procuran os beneficios económicos. A falta de uso do galego polas empresas demostra que non recadan cartos co seu uso. Temos o exemplo dos medios de comunicación tradicionais (radios, tv, xornais e dixitais) que son reticentes a permitir o uso do galego. Quizais tamén cavilen en que non hai demanda desas informaciois galegueiras. A nosa alternativa está en internet, co uso do galego en redes sociais, páxinas web, blogues, etc. 

            Hai outras actividades comerciais que comezan a ter presente o galego de xeito parcial. Temos os casos de certos comercios con títulos en galego (bares, tendas…), ou incluso a oferta de certos productos (agrarios como mel, viños, castañas, etc). Outro sector é o artesanato (cestería, madeira, etc), baseado nos oficios tradicionais. A nivel turístico, a presenza do galego no Bierzo pode favorecer as relaciois con Galiza en zonas veciñas coma Os Ancares, O Courel, complexo aurífero das Médulas, Camiños de Santiago e Inverno, Gran senda do río Sil, etc. A cultura galega común pode favorecer a chegada de turistas de Galiza e ser máis aproveitado polas empresas do Bierzo (restauración, hoteis, transportes, etc).



A CODA.

            Partimos de que somos unha minoría cultural asoballada pola aculturización que provoca a maioría castelá. Agora ben, en poucos anos temos feitos varios avances (ensino, recoñecemento legal, prestixio social, etc), e hai posibilidades de acadar futuros obxectivos reivindicativos (novos falantes, dixitalización, oficialidade, uso administrativo, etc). Sen embargo, nos podemos esquecer os atrancos como a despoboación das zonas rurais, o envellecemento dos falantes, o afastamento do resto da comunidade galega do noroeste peninsular, etc.

            De cara ao futuro temos que tomar conciencia da necesidade de modernizar o idioma galego para adaptalo á dixitalización e mailo medio urbano que concentrará a maior poboación no século XXI. Hai unha clara ameaza da cultura tradicional galega do mundo rural, por mor do despoboamento e desenvolvemento da economía capitalista (explotación da terra, auga, subsolo, ventos, etc).

            Resulta fundamental o apoio que atopemos na Galiza administrativa. Os tres territorios estremeiros dependemos das dinámicas culturais, lingüísticas, dixitais e políticas que tomen os poderes da Galiza. Desde O Bierzo hai que bater contra o illamento forzado pola fronteira administrativa. Velaí outro xeito de resistencia política que procura vincallos con partidos, propios e foráneos.   

            Pola outra banda, haberá que mirar para o portugués e o brasileiro, polo que representan nos niveis demográfico, territorial e dixital. En relación aos neofalantes, temos que saber vender unha lingua moderna, funcional e internacional, moi capaz de axudarlles no seu progreso educativo e profesional.  



http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es