OS LIMITES PROVINCIAIS DO BIERZO.
OS LÍMITES PROVINCIAIS DO BIERZO,
Por Xabier Lago Mestre.
A rexión do Bierzo ten uns
límites xeográficos bastante clarexos. Polo oeste as serras dos Ancares, do
Courel e dos Cabalos, polo sur as serras da Enciña da Lastra e montes Aquilanos,
polo leste os montes de Foncebadón e Manzanal, e finalmente, polo norte, a
serra de Gistredo. Estes fitos orográficos serven para diferenciarmos das
rexiois veciñas, casos de Asturias, León e Galicia. Mais tamén hai de ter en
conta os lindeiros políticos e históricos que delimitaron O Bierzo.
Concretamente hoxe, fixarémonos nos que estableceron as distintas provincias
bercianas.
Comezamos
coa provincia berciana de 1486 que crearon os chamados Reis católicos. Por mor
dos censos fiscais da Idade moderna (séculos XVI ao XVIII) coñecemos ben eses
lindeiros administrativos da nosa institución provincial. A dita provincia do
Antigo réxime tiña como novidades a inclusión da xurisdición de Lucillo, sita
na Somoza maragata, no val do río Duerna. Ademais, integraba a comarca da
Cabreira (Alta e Baixa, coas terras de Lousada e Ribeira) que formaban parte do
marquesado de Vilafranca do Bierzo. Na dita Cabreira restan os concellos
galegos de de Lardeira co seu barrio de Camporedondo e Casaio. Fóra desta
provincia quedaban os dous concellos de Ribas do Sil (Páramo e Palacios), que
se integraban no condado de Luna. Pola outra banda, na meirindade de Aguiar
estaban varios concellos galegos (Porto e Real, san Vicente de Leira, Oulego…,
coñecidos popularmente en Valdeorras coma O Marquesado). Fóra permanecían
Laciana e Saliente e mailos barrios (do concello dos Cilleros).
Os
debates políticos sobre a creación da nova provincia do Bierzo foron moi
interesantes no Trienio Liberal (1820-23). Os cales tiveron grande repercusión
nas Cortes, nos territorios enredados (O Bierzo, Valdeorras, Lugo e León),
ademais dos medios de comunicación madrileños. Por suposto, non imos entrar na
pescuda destes debates que xa se analizan detidamente en varios libros e
artigos históricos. Soamente dicir que o Decreto de LIX das Cortes, de 27 de
xaneiro de 1822, fixa legalmente a provincia de Vilafranca do Bierzo. Engadimos
que tamén se estableceron 13 distritos militares en España, o 2º distrito
abranguía as provincias da Coruña, Lugo, Ourense, Vigo e Vilafranca do Bierzo.
Os
límites políticos desta provincia de Vilafranca incorporan novos territorios
veciños, respeito a outra anterior provincia histórica de 1486. Así polo norte
xorden no Bierzo os concellos de
Palacios e Páramo do Sil. Polo leste, anexiona localidades da Silva e
Montealegre (Manzanal), ademais do territorio até a Cruz de Ferro, e tamén Pobradura
da Serra. No lado oeste, integra a conca do río Visuña con Hórreos e A Seara
(Lugo). E do sur, toma as comarcas de A Carballeda e Valdeorras, delimitadas
pola serra do Eixe, que se prolonga até buscar a ponte da Cigarrosa (Petín)
para cruzar o río Sil. Daquí procura a serra de Cereixido que sube para o monte
Montouto e serra dos Cabalos que empecha o noso val do río Selmo.
Non
podemos pasar por alto que nos debates territoriais, pola formación da
provincia de Vilafranca do Bierzo, houbo resistencias das localidades de
Valdeorras. Os concellos do chamado
marquesado de Valdeorras (da antiga meirindade de Aguiar) pediron a súa
integración en Ourense (abril de 1821). Pola outra banda, A Rúa e Freixido
propuxeron establecer os novos límites provinciais do Bierzo na ponte da
Cigarrosa (decembro de 1821). Mentres O Barco de Valdeorras presentou un
Memorial (setembro de 1821) contra a “mutilación del partido de Valdeorras,
desmembra las comarcas de siete ayuntamientos”. O deputado Antonio Valcarce
demandou a anexión ao Bierzo do val de Quiroga e comarcas de Trives e O Bolo,
mentres que o deputado Peñafiel incluso pedía a comarca de Conso (outubro de
1821).
Para
delimitar mellor as provincias de León, Vilafranca e Ourense formouse unha
Comisión territorial, reunida o 31 de agosto d 1822, para tomar acordos consensuados.
Velaí a decisión de que Laciana se integrase na nova provincia de Vilafranca,
“Laciana al Bierzo”, sendo o seu límite o santuario de Carrasconte, que o
separa da Babia leonesa. Polo que se refire a Galicia, amplíase a provincia
berciana por comarcas veciñas. Este é o caso do val do río Soldón, lindeiro con
Quiroga (Lugo), “hasta buscar el nacimiento del río Soldón, marcha por el curso
de este río hasta su confluencia con el Sil”. Así, quedan para no Bierzo as
localidades de Outeiro, Vilarmel ou Montefurado (da famosa montaña romana).
Depois este límite fluvial procura a desembocadura do río Bibei. Deiquí, sube o
lindeiro ribeiro polo val do Bibei até a localidade do Vao. Logo restan no
Bierzo Larouco e mailo santuario das Ermidas. Menciónase a localidade de Buxán,
onde deixa o río Bibei para virar ao leste na procura do Alto do Covelo e o
pico san Bernabé. Esta serra segue por “los altos de sobre Ramilo”, segundo o
documento consultado, que abrangue Alto Chanca, A Fraga das Galiñas, A Pedra do
Coello, Ladeira Cortiñas e Pedro do Lombo.
A
comentada serra divide as comarcas da Veiga (ao norte) e de Viana (ao sur). Queremos
insistir en que as terras do Bolo e da Veiga serían pois da provincia berciana. O
noso lindeiro montaños chega á provincia de Zamora, onde xira para o norte,
polas serras de Porto e Calva, na procura de Pena Trevinca (2.127 m.). Deste
punto segue a serra da Cabreira baixa.
Trala
creación da provincia de León, en 1833, comeza a mutilación da provincia
histórica do Bierzo. Formanse dous partidos xudiciais (Vilafranca e
Ponferrrada). Mais tamén xorde o novo partido administrativo do Bierzo que
perde os concellos de Palacios e Villablino. Ademais, o chamado Marquesado,
formado por concellos galegos da vella meirindade de Aguiar pasan para Ourense,
con Valdeorras e A Carballeda, ademais dos vales de Soldón e Visuña para Lugo.
Houbo que agardar até o ano 1991 para artellar territorialmente de novo a
Comarca do Bierzo. Este territorio máis periférico, alonxado e illado por
montañas merece ben recuperar a institución provincial histórica cun
desenvolvemento endóxeno diferenciado, fronte ao centralismo metropolitano e
capitalista que nos ameaza neste século XXI.
O Bierzo, maio de 2024.
0 Comments:
Publicar un comentario
<< Home