A EVOLUCIÓN URBANA DE PONFERRADA
A EVOLUCIÓN URBANA DE PONFERRADA,
Por Xabier Lago Mestre.
Soprende que a cidade de Ponferrada teña tan grande desenvolvemento urbano estando tan alonxada das capitais provinciais (León, Lugo, Ourense, etc). Quizais este afastamento dos ditos centros de poder axudase ao desenvolvemento da capital berciana. Aínda que a grande despexe foi por mor da implantación do capitalismo industrial no século XX que favoreceu a chega de miles de emigrantes traballadores.
Mais vaiamos por partes. Na Idade Media sabemos dun núcleo urbano entorno ao vello castelo templario e logo da fortaleza. Houbo numerosos señores da vila que se aproveitaron dos seus vasalos ponferradinos, mediante a recadación de impostos, penas xudiciais e servizos persoais (cavas do foxo, reconstrución do castelo, recrutamentos militares, etc). Ademais disto, o concello de Ponferrada tiña xurisdición sobre certas aldeas da súa contorna (alfoz). Por iso, os veciños desas localidades debían de axudar á conservación da cerca da vila, a cambio de conseguir eses habitantes foráneos a proteción trala cerca en caso de ataques exteriores. Neste período a construción da ponte de portas de ferro, polo bispo Osmundo, foi fundamental para o desvío do Camiño de Santiago, dende santo Tomás das Olas para Ponferrada.
Feito salientable foi a derrota do conde de Lemos, señor da vila, polos Reis Católicos, os cais mercan Ponferrada en 1486. Dende esta data a Coroa establece a capitalidade da nova provincia do Bierzo, establece o seu correximento, concede ferias e mercados, fixa a tesourería de rentas, etc. Importante foi o desenvolvemento urbano da zona intramuros a nivel urbanísttico durante a Idade Moderna, casonas, empedrado de rúas e prazas, torre do reloxo, igrexa maior, etc. Mais a vila vai a medrar paseniño polos barrios de san Andrés co seu hospital e santa Marta (zona plantío de árbores) e A Poboa no arrabalde.
Os mercados e feiras axudaron ao desenvolvemento económico de Ponferrada. Tiveron gran importancia en xeral por mor das mercas estacionais dos seitadoes galegos retornados e as compras e vendas de gando por parte de castelaos e galegos, respeitivamente. As prazas do Mercado e das Eras foron os centros comerciais, seguidos por outras rúas coma Carnecerías, Aceiterías, Reloxo e Rañadeiro, nesta última houbo grande cantidade de vendedores de produtos artesanais (curtidos, textis, ferro…). A zona gandeira do Moclín quedouse pequena, por iso leváronse os muitos gandos á ermida de san Antonio. A agricultura de autoconsumo abastecíase nas ribeiras dos ríos Sil e Boeza coas tabladas de ortas.
Como xa dixemos, o desenvolvemento económico capitalista do Bierzo chegou coa mineiría, industría, enerxéticas, etc. O novo sistema económico rexional precisa dun centro de poder centralizado e xerarquizado en Ponferrada (bancos, administración, comercio, transportes, etc). A concentración industrial, mineira e transportes favorece a oferta de numerosos empregos. Veñen muitos traballadores galegos, andaluces, asturianos, portugueses, etc. Hai pois unha grande necesidade de vivendas para a nova veciñanza. A ampliación do barrio antigo da Poboa vai para diante a mediados de século XX. Son as novas zonas de Lazúrtegui (antes os mesonres), san Pedro (mercado e igrexa), Navaliegos (vivendas sindicais, 1957), estación (Renfe), MSP (vivendas oficiais e obreiros, economato) e san Ignacio (igrexa e colexio). Aínda así, a falta de vivendas obriga a construir nos barrios periféricos, a saber, Catroventos, Fontesnovas, Flores do Sil, La Placa (cargadeiros de carbón e fábricas), Compostilla (poboamento de Endesa)…
Na segunda metade do século XX teñen lugar grandes mudanzas. Entre elas a emigación do rural berciano, despoboación das zonas montañosas, crises enerxética e mineira, etc. O medre da cidade de Ponferrada xa non é tan grande mais o sector servicios e os polígonos industriais tiran da economía urbana. O novo urbanismo concéntrase no polígono das hortas que ía para campus universitario e quedou en zona cultural (colexios) e vivendas. Outras novas zonas enriba foron o Plantio, co hospital primeiro e logo co campus universitario, ademais do Carme xa sen o seu vello cemiterio. O atrativo do turismo está a potenciar a hostaleria e a restauración de Ponferrada, coma centro de partida de variadas rotas, casos das Médulas, Tebaida berciana, deporte de montaña e o futuro Ponfeblino será a guinda.
Xa no século XXI hai que salientar a importancia do novo barrio da Rosaleda, nas terras expropiadas para a fracasada siderurxia de comezos do século XX. Anexas foron as instalaciois deportivas do Toralín. Mais non se pode olvidar o novo gran centro comercial deste barrio. Concentrar a meirande oferta comercial nun só lugar transformou as compras e o lecer dos ponferradinos. Máis aló, esta influenza comercial chega a tódolos bercianos e muitos valdeorreses como ben sabemos todos. Agora ben, estas novas relaciois urbanas, cun grande centro comercial, seguindo o exemplo norteamericano, ten unhas graves consecuencias.
Como era de esperar houbo unha influenza negativa do grande centro comercial do barrio da Rosaleda. Conseguiu unha concentración comercial que debilitou a outras zonas urbanas, casos da alta e baixa. No centro tiveron que pechar a persiana muitos comercios, por xubilación, falta de relevo e competencia. O certo é que para os usuarios o novo centro comercial ten un atrativo especial que chama, tanto para comprar, aproveitar o lecer, pasear, mirar ou socializarse nun lugar de encontro ao que todos van. En fin, que alí tes de todo o que poidas desexar, a modernidade ao alcance da mao.
Xa ninguén se recorda cando a burquesía ponferradina decimonónica facía o paseo domingueiro entre a praza do mercado ou da igrexa maior até o parque do Plantío. Logo viñeron os tempos en que as familias obreiras facían o percorrido festivo entre as estaciois do ferrocarril, vendo saír e chegar con comboios, para logo ir ás rúas comerciais e bares da Poboa. No século XXI, se queres vida social tes que deslocalizarte para o centro comercial do barrio da Rosaleda. De tódolos xeitos, todo pode mudar, a internet está a potenciar o comercio eletrónico e quen sabe se ese centro comercial pode perder os futuros usuarios que prefiran mercar dende a súa casa coa máxima comodidade e privacidade.
.jpg)
.jpg)

.jpg)


0 Comments:
Publicar un comentario
<< Home