UN NOVO CONVENIO ENTRE JUNTA E COMARCA DO BIERZO.
NOVO CONVENIO ENTRE JUNTA E COMARCA,
Por Xabier Lago Mestre.
Por fin a Junta de Castela e León e o Consello comarcal do Bierzo asinaron un novo convenio marco para establecer as relaciois entre ámbalas dúas instituciois. Por desgraza a Lei da Comarca de 1991 fixou un Consello Comarcal mui dependente, tanto a nivel competencial coma financeiro. Isto provoca que cada catro anos haxa que revisar as relaciois interinstitucionais. Este carto convenio terá unha vixencia até o ano 2029.
Por suposto, resulta fundamental o protagonismo da Junta de Castela e León na creación da Comarca do Bierzo, foi ela quen presentou o proxeto de lei ante as Cortes autonómicas. E maila Junta é quen facilita os cartos públicos para o funcionamento da institución comarcal. Non podemos pasar por alto esta dependencia institucional do poder político de Valladolid, fixado así no contido da Lei da Comarca de 1991. Ademais a propia lexislación local estatal restrinxe gravemente a capacidade financeira das comarcas. Logo a Comarca do Bierzo está atrapada na rede da lexislación estatal e autonómica que constrinxe o seu ativismo administativo e político.
Velaí a importancia de concretar as relaciois financeiras entre Junta autonómica e Comarca do Bierzo. Por suposto, fíxanse uns compromisos xerais e outros sectoriais que oxalá poidan levarse a cabo, aínda que xa sabemos da debilidade dos compromisos en precampaña eleitoral e durante as conxunturas políticas das lexislaturas. Estas sempre mui condicionadas polos pactos entre os partidos gobernantes. Intentaremos ser optimistas até o ano 2029.
Neste tema dos compromisos políticos non resulta lóxico que a Comarca do Bierzo non posúa aínda unha sede estable e que teña que pagar aluguer pola sede provisoria de hoxe no parque da Provincia do Bierzo de Ponferrada. Xa está ben de esperar unha sede digna e axeitada!. Cumprirá a Junta de Castela e León co eterno compromiso de financiamento da dita sede?.
Por suposto que a Comarca do Bierzo segue sen poder desenvolver as súas competencias plenamente. Tanto a dita Junta coma a Deputación leonesa son ben reticentes a delegar no Consello Comarcal a xestión das que consideran as súas competencias. Os poderes institucionais foráneos ven unha ameaza de perda competencial. A descentralización só ten valor cando beneficia ás ditas Junta e á Deputación. Por iso o principio de administración máis próximo aos cidadaos segue sen executarse no caso do Bierzo. Nosa rexión é periférica da comunidade autónoma, ben lonxe da chaira castelaoleonesa e afastada por montañas. Todo o mundo estende esta situación xeográfica singular menos os políticos foráneos que non queren descentralizar para facilitar o aceso dos bercianos ás administraciois.
Como exemplo do descrito e denunciado temos a falla de delegación en materia cultural. No Bierzo hai unha comunidade galegofalante que necesita que se fomente o uso do seu idioma para acada unha normalización lingüística. Sen embargo, tanto a Junta de Castela e León coma a Deputación leonesa atesouran a competencia cultural e son elas as que determinan o destino da nosa lingua galega, cunha restritiva política cultural cara ao idioama galego. Esas dúas administraciois foráneas toman as decisiois políticas e soltan os cartos públicos cando les petan, sempre migallas para o galego. Isto é un abuso institucional que discrimina aos galegofalantes. Lamentable a falta de conciencia política do que debe ser o fomento da cultura berciana tradicional. Será que a defesa do galego do Bierzo non lles dá votos aínda?.
A seguir con este tema cultural, o Conselh Generau d´Arán asina periódicamente un convenio coa Deputació de Lleida para o fomento do idioma aranés. Con total normalidade, a institución que fala aranés xestiona a política cultural, non así dende a cidade de Lleida. Todo o contrario fai o Instituto Leonés de Cultura co galego do Bierzo. Os que non falan este idioma, desde a sede a Deputación, queren condicionar noso destino cultural ano tras ano coas súas escasas subvenciois. Eses políticos leoneses teñen máis faciana ca lombo!.
Voltamos ao tema das competencias comarcais para salientar a importancia de competencias delegadas. Son os casos do servizo de asistencia aos pequenos concellos rurais (SAM), a xestión do medio natural cos labores silvícolas, o apoio á terceira idade e infancia, a xestión dos fondos da transición enerxética dos municipios mineiros, centro de atención a drogodependentes, medidas para favorecer o emprendimento, inserción de discapacitados, etc. Son centos os bercianos silentes que se teñen beneficiado destes variados servizos públicos da Comarca. Recordamos tamén o Banco de Terras que trata de favorecer a explotación de terras agrícolas abandonadas, ademais do servizo de pequenas obras das pedanías.
A Comarca do Bierzo aposta pola representación turística propia dende o século pasado. Non pode faltar a nosa presenza nas grandes feiras de Fitur Madrid e Intur Valladolid. Fruito desta promoción turística temos a chega de milleiros de turistas á nosa rexíón. Porque acadamos unha marca de calidade turística sen igual, ben recoñecida en Catela e León e España. Estamos seguros de que este valor turístico berciano singular non sería tal cunha dependencia promocional só dende León e maila súa Deputación.
Por suposto que o dito Convenio marco de colaboración institucional deixa muitos temas sobranceiros sen tratar. Casos da dita pomoción do idioma galego, recollida común de lixo, tratamento de residuos sólidos, parques de bombeiros, xestión urbanística, etc. Non podemos entender que non se trate sobre a creación dun Centro cultural berciano que abrangue un museo etnográfico e arquivo histórico en Vilafranca do Bierzo. Por certo, hogano, en 2026 celebramos o 35 aniversario da creación da Comarca do Bierzo. Bon cabodeano para reclamar a reforma da Lei da Comarca d 1991. Deixamos dúas propostas para engadir ao texto estatutario. Trátase de reclamar a iniciativa lexislativa ante as Cortes autonómicas, coma xa existe popular e concellil, e ten a Val d´Arán. E tamén a capacidade de relaciois exteriores, caso de Galicia coas políticas culturais e lingüísticas. Oxalá a conxuntura política, tralas eleciois autonómicas do vindeiro marzo, sexa favorable para conceder ao Bierzo o que ben nos merecemos.
O Bierzo, xaneiro de 2026.
.jpg)

.jpg)



0 Comments:
Publicar un comentario
<< Home