martes, abril 04, 2006

O BIERZO NO ESTATUTO DE AUTONOMÍA DE GALICIA

POR UN MAIOR RECOÑECEMENTO DO GALEGO
PERIFÉRICO NO ESTATUTO DE AUTONOMÍA DE GALICIA
falaceibe@yahoo.es

A Asociación Cultural Fala Ceibe do Bierzo (www.falaceibe.tk), de defensa da cultura e maila lingua galegas, diríxese á Comisión parlamentaria de reforma do Estatuto de Autonomía de Galicia para pedirlle un maior compromiso político coa protección da lingua galega dos 4 territorios periféricos de: Navia-Eo, O Bierzo, As Portelas sanabresas e Val de Ellas cacereño. Actualmente este compromiso institucional coa promoción do galego do Este realízase polo mandato normativo fixado na Lei Galega de Normalización Lingüística, “(...) protexe-la lingua galega falada en territorios limítrofes coa Comunidade Autónoma” (artígo 21.2). Esta declaración resulta escasa para levar a cabo a plena normalización lingüística nos ditos territorios. O mantemento de esta lingua minoritaria é difícil na Comunidade Autónoma de Castela e León, xa que aínda non se ten recoñecido como idioma oficial, o que provoca desigualdade xurídica que favorece un contexto xeneralizado de discriminación cultural.

Fala Ceibe pide un maior recoñecemento do galego limítrofe no propio Estatuto de Autonomía de Galicia. Hai que erguer o rango xurídico de protección do galego periférico, mediante un novo artigo estatutario, para implicar máis ás instituciois da Comunidade Autónoma de Galicia (Xunta de Galicia, Consello da Cultura Galega, Universidades, medios de comunicación e demais) co mantemento e o fomento deste idioma minoritario nos territorios viciños.

Fala Ceibe lembra que a poboación autóctona dos 4 territorios limítrofes non pode asumir todo o protagonismo na conservación do galego, porque somos minorías lingüísticas divididas en varias Comunidades Autónomas e baixo administraciois públicas escasamente interesadas polo noso desenvolvemento etnocultural. A Comunidade Autónoma de Galicia debe comprometerse activamente coa defensa e o fomento da lingua galega nestes territorios viciños, aínda que os actuais límites político-administrativos que nos afastan empecen unha intervención directa.

Fala Ceibe insta a que se superen os lindeiros político-administrativos entre as Comunidades Autónomas de Galicia e Castela e León, mediante a sinatura de convenios de colaboración coas instituciois de O Bierzo (Consello Comarcal, concellos, universidade, asociaciois culturais e demais). Os eidos de actuación destes convenios a prol do idioma galego son variados: ensino, administraciois locais, turismo, medios de comunicación, actividades culturais, etcétera.

Fala Ceibe pide que se diferencie claramente no propio Estatuto de Autonomía de Galicia, cos seus respectivos artigos, dous tipos de intervenciois públicas que se fagan en materia lingüística. Trátase de distinguir o fomento do “galego estremeiro”, nos ditos 4 territorios periféricos, do ensino do “galego exterior”que se instrumentaliza a través dos Centros Galicia das comunidades emigrantes e dos leitorados de galego nas universidades de fóra de Galicia. Esta distinción estatutaria solicitada débese facer tamén efectiva nas propias leis galegas de Normalización Lingüística (Lei 3/1983, de 15 de xuño, Título V. Promoción do galego exterior) e de recoñecemento de Galeguidade (Lei 4/1983, de 15 de xuño). A variada problemática da normalización idiomática que precisa o “galego estremeiro” pouca relación ten coa sinxela promoción cultural concretada no “galego exterior”. Ademais non resulta axeitado demandar a esixencia legal de “recoñecemento de galeguidade” ás catro comunidades etnoculturais limítrofes que compartimos a mesma historia, tradiciois e lingua galegas dende a Idade Media.

Xabier Lago Mestre, Presidente de Fala Ceibe do Bierzo
http://obierzoceibe.blogspot.com
Ponferrada, abril de 2006.

3 Comments:

Anonymous Anónimo said...

agora só falta que o Parlamento galego teña conta destes pedimentos e que non pase dos bercianos e das bercianas. Porque como galegos tamén temos moito que dicir aos políticos do Parlamento Galego. Esperemos que contacten connosco para saber máis polo miúdo das nosas demandas e da nosa problemática territorial e política. Apertas.

12:24 a. m.  
Anonymous Anónimo said...

As vezes a ignorancia junguida à xenofóbia fai que as gentes esqueça que O Berço, Galiza é desde a sua origem. Que foi o rei Fernando de Aragom quem segregou o País Berçiano do velho reinho de Galiza. E as falas nom sabem de raias administrativas, só sabem ser veiculos de liberdade.

8:49 a. m.  
Anonymous Anónimo said...

Deixar-nos em paz aos eo-naviegos, preocupar-vos pelo vosso. Os eo-naviegos estamos muito orgulhosos de ser asturianos, e nem galegos nem bercianos tem nada que dizer em nosso nome e sem nosso consentimento.

11:29 a. m.  

Publicar un comentario

<< Home