sábado, mayo 27, 2006

O PROCESO RECLAMADOR DE FALA CEIBE DO BIERZO (1998-2006)

FALA CEIBE: O PROCESO RECLAMADOR NO BIERZO (1998-2006).
Secretaría de comunicación de Fala ceibe.
falaceibe@yahoo.es

A Asociación cultural Fala Ceibe naceu en 1998 como reacción á negación por parte da Dirección Provincial de Educación de León a permitir o ensino da materia de galego no Instituto Álvaro de Mendaña de Ponferrada. Este feito antigalego permitiu tomar conciencia da necesidade que había de autoorganizarse para defender os nosos dereitos lingüísticos. Pola outra banda, Fala Ceibe concentrou as súas actividades reivindicativas en Ponferrada, intentábase así abrir unha nova fronte galeguista, distinta á tradicional que representaba o eixe Corullón-Vilafranca, e deste xeito contaxiar culturalmente ao resto da rexión berciana. Sabiamos ben que a proxección reclamativa dende Ponferrada demostraríase máis eficaz para a difusión ideolóxica, tanto no territorios comarcal e provincial coma nas Comunidades Autónomas de Castela e León e Galicia.

Fala Ceibe tivo como señeiro obxectivo conseguir o ensino da nosa lingua galega nos centros escolares do Bierzo. Así, ante la demanda social de aprendizaxe de galego, non satisfeita pola administración daquela, a nosa asociación tivo que impartir clases desta materia (2000 e 2001). Lembramos que durante algúns cursos xa ofertara galego no colexio da Ponte Domingo Flórez. Pero houbo que presionar moito ás administraciois, primerio á estatal e logo á autonómica, para finalmente lograr que a Xunta de Galicia e a Junta de Castela e León sinasen o necesario Acordo de Colaboración para o ensino do galego no Bierzo (Vilafranca, 18 de xullo de 2001). Este convenio regulou dun xeito parcial a aprendizaxe da nosa lingua propia nos centros escolares. Curso tras curso novos colexios de Corullón, Vilafranca, Cacabelos, Carucedo, Toural dos Vaos, Toural de Meraio, A Ponte Domingo Flórez, Camponaraia e Ponferrada (A Placa, V. García Yebra, Compostilla-Compostela, IES Europa e Escola Oficial de Idiomas). Pero aínda resta moito por facer, quedan os colexios da Veiga de Valcarce, Carracedelo, Quilós, Columbrianos... en cuxas poboaciois facemos campañas (O galego na EOI... 2002, Non che mordas a lingua... Corre a voz... 2003, Cada curso somos máis... Non cales nunca máis... 2003, Enrédate en galego... A eleccion de futuro... A qué esperas... 2004), buzoneos de carácter anual para concienciar sobre a necesidade de ofertar galego nos seus centros. Tamén temos que resolver o problema da inclusión neste programa de ensino galego no Bierzo aos colexios de carácter privado.

Fala Ceibe pretende acadar unha posición de vangarda dentro do movemento reclamativo comarcal, así como ostentar certa representatividade da comunidade galegofalante do Bierzo. Cando non chegamos a pactos co resto de colectivos galeguistas, Fala Ceibe tirou para diante soa. Este foi o caso da nosa iniciativa polo recoñecemento do galego no Estatuto de Autonomía de Castela e León (acadado a fines do 1998), que necesitou dos contactos con partidos estatais e cos nacionalistas galegos. Outros colectivos que non nos apoiaron por tal actitude política, logo tiveron que aceptar o noso acerto e ben que se aproveitaron dos nosos resultados finais. Esta diferencia estratéxica está condicionada pola necesidade que outros grupos culturais teñen de estar a ben co poder que lles subvenciona as súas actividades, cando non lles paga os soldos.

Fala Ceibe é unha organización valente e loitadora que procura a defensa dos dereitos culturais dos galego-falantes do Bierzo. O noso debate autónomo permítenos non depender ideoloxicamente das directrices que emanan dos centros de poder político e académico de dentro ou de fóra do Bierzo, ao contrario que acontece con outros colectivos. Exemplo disto foron as desputas polo uso das normativas lingüísticas do galego que tamén nos afectaron (2005). A resposta de Fala Ceibe foi respectar estatutariamente esta liberdade de expresión plenamente, e por iso discrepamos das imposiciois que outros grupos impoñen. Esta concepción aberta da reclamación permite o establecemento de negociaciois estratéxicas con todos, por principio non estamos pechados a ninguén. A nosa principal arma é o diálogo, e non rexeitamos o cara a cara cos que nos consideran erroneamente como perigosos por cuestionar as conservadoras estruturas políticas, territoriais, culturais, etc establecidas polos diversos poderes dominantes. Por esta forma de pensar somos considerados radicais pero non nos importa porque coñecemos ben cal é o noso papel na vangarda reivindicativa no Bierzo.

Fala Ceibe quere dar resposta ás necesidades culturais da comunidade galegofalante do Bierzo. Velaí a oferta anual de actos culturais, entre eles logramos consolidar a celebración do Día das Letras Galegas, que agora é celebrado tamén por outros colectivos culturais no Bierzo. Aproveitando esta data cultural sobranceira, cada maio facemos doazón de libros galegos ás bibliotecas escolares e municipais, organizamos conferencias sobre o personeiro homenaxeado, presentamos novidades editoriais (editorial Biblos, proxectamos películas en galego (2003 e 2004), concedemos os premios escolares (Frei Martín Sarmiento, 2002), realizamos recitais poéticos, sesiois de contacontos, actuaciois musicais e demais.

Fala Ceibe sufre como o resto da comunidade galegofalante do Bierzo a falta de medios de comunicación que permitan a plena liberdade de expresión en galego. Razón pola cal tivemos que crear outros medios alternativos para poder difundir a nosa mensaxe galego-berciana. Froito deste esforzo son as revistas Porcoespiño (2000) e Berro do Leste (2005). Pero o grande pulo comunicacional conseguímolos na internet coa consolidadción da nosa web (www.falaceibe.tk). Deste xeito podemos expresarnos directamente en galego e dar a coñecer os nosos pequenos traballos de investigación histórica, filolóxica, xurídica, etnolóxica e demais. Este labor pescudador serve para que a comunidade galego-falante do Bierzo tome máis conciencia da súa importancia como grupo etnocultural diferenciado dentro da Comunidade Autónomade Castela e León. Fala Ceibe tamén cumpre dende o comezo un salientable papel como colectivo galego-berciano que subministra información periódica aos diversos medios de comunicación de Castela-León e Galiza.

Fala Ceibe demostra continuamente a súa posición de vangarda no Bierzo cando reclama a defensa dos dereitos culturais asoballados ante os defensores do pobo (Defensor do Pobo estal, Valedor do Pobo galego e Procurador do Común de Castela e León), os foros políticos (Europarlamento en 2001, Cortes Xerais e Parlamentos autonómicos de Galiza e Castela-León) e as administraciois (Junta de Castela-León, Xunta de Galicia, Consello Comarcal e mailos concellos bercianos.

Fala Ceibe tamén realiza numerosas campañas relacionadas coa defensa e a promoción da nosa lingua galega. Son os casos das actuais que pretenden un maior recoñecemento do noso idioma propio (O galego, idioma cooficial... 2003) nos Estatutos de Autonomía de Castelá-León e no Estatuto Comarcal do Bierzo. Outras campañas tiveron relación co uso do galego nas administraciois locais (Os concellos bercianos bilingües xa... 2004), así como a recuperación da toponimia galego-berciana (A toponimia en galego... 2003). Tampouco podemos esquecer a que diriximos ao sector comercial (En galego vendes máis... 2004), a que pretendía concienciar aos medios de comunicación bercianos no uso do galego (Liberdade de expresión en galego... 2004) ou a recollida de sinaturas para que a CRTVG informase máis sobre a nosa problemática cultural (2005). Estas campañas repetímolas periodicamente mediante a edición de folletos, os correspondentes buzoneos e mailas pegadas de cartelería polos pobos do Bierzo.

Ponferrada, maio de 2006.

2 Comments:

Blogger Xabier Lago Mestre said...

hay que seguir dando guerra en el Bierzo en defensa de nuestra cultura gallega asoballada por León y Castilla.

4:58 a. m.  
Anonymous Anónimo said...

fala ceibe demostra desde 1998 que está loitando como os que máis polos dereitos dos galego-falantes das comarcas galegas de O Bierzo e das Portelas da alta Seabra.
Seguro que conseguiremos elevar o prestixio destas comunidades galegas de Castelae León

4:45 a. m.  

Publicar un comentario

<< Home