miércoles, abril 19, 2006

A PROVINCIA DO BIERZO NO SÉCULO XV.

A PROVINCIA DO BIERZO NO SÉCULO XV,
Xabier Lago Mestre.
A fins do século XV o conde de Lemos, Rodrigo, que tiña parte dos seus territorios no Bierzo, rebelouse contra os Reis Católicos. O condado de Lemos presentaba problemas sucesorios, e os Reis Católicos tomaron partido polos outros pretendentes, aliados da casa dos Pimentel de Benavente, inimigos estes dos condes galegos de Lemos. Rodrigo encastelouse e resistiu en Ponferrada, mentres que os Reis organizaron un exército castelao contra el que, tralas escaramuzas e negociaciois, conseguiu tomar o castelo e maila vila.
O pacto entre os Reis Católicos e o derrotado conde de Lemos determinou a perda de todas as súas posesiois no Bierzo, as cales pasaron a formar parte do novo marquesado de Vilafranca, que quedaba en mans dos que preitearon pola herdanza do condado de Lemos e que se aliaron matrimonialmente coa casa de Benavente. Consecuencia dese pacto foi tamén a compra da vila de Ponferrada polos Reis. Difícil é substraer esta intervención da Coroa de Castela contra o conde de Lemos da política real de sometemento da nobreza galega levantisca (ejemplo de Pardo de Cela, conde Camiña e demais).
Trala adquisición mercantil da vila de Ponferrada polos Reis, estes deron certos beneficios á poboación, casos da concesión de mercado (1487) e da creación dun hospital. Hai tamén que salientar o establecemento do Corrixidor, figura chave na historia posterior da vila e da comarca. Este foi o máximo representante da Coroa no Bierzo, controlou ao rexemento ponferradino e executou a política real en toda a comarca, a pesar de ser esta maioritariamente territorio de carácter señorial. Como ben sabemos a xustiza real estaba por enriba da señorial, e cando alguén recorría pola primeira era o Corrixidor de Ponferrada o encargado de facer as investigaciois necesarias ou de aplicar as resoluciois.
Dende o comezo o Corrixidor de Ponferrada aparece tamén como da Provincia do Bierzo. Para a Coroa de Castela, O Bierzo estaba claramente delimitado a nivel territorial, e aproveitase a súa autodefinición histórica para diferencialo doutros territorios veciños dende o primeiro momento. Agora ben ¿a qué reino pertencía O Bierzo, a León ou a Galiza?. A resposta está nun privilexio emitido dos Reis Católicos en Medina del Campo (1489). Nel faise referencia ao pobo de Acebo, sito nas montañas que nos afastan de León e Castela, e textualmente lemos “por cuanto nos somos informados que en el camino Real que es entre el lugar de Acebo y el hospital de Fuencebadón que son en el Puerto de Rabanal de la entrada del reino de Galicia, a causa de la mucha nieve que en el dicho Puerto cae (...)”.

0 Comments:

Publicar un comentario

Links to this post:

Crear un enlace

<< Home