lunes, septiembre 20, 2010

ARQUITECTURA RURAL DO BIERZO OCCIDENTAL (1º PARTE)


ARQUITECTURA RURAL DO BIERZO OCCIDENTAL (1ª PARTE),
Por Xabier Lago Mestre, do colectivo cultural Fala Ceibe do Bierzo.



Pretendemos facer unha pescuda, rápida e breve, na arquitectura rural da zona occidental da rexión do Bierzo. A novidade deste estudo é que recupera a terminoloxía popular na súa lingua galega propia. Sería de interese que estas pequeñas achegas sobre patrimonio rural servisen para valoralo máis de cara á súa recuperación. Tamén queremos que esta aproximación á terminoloxía arquitectónica rural teña utilidade pedagóxica nos colexios e institutos do Bierzo onde se estuda idioma galego.

AS PALLOZAS.
Construción rural que compartía vivenda para os humanos e os animais. Comprendía unha complexa armazón de madeira (cumio, anguilón, terrancha, estriqueira, gorrilleira, fallao, gorrión, tixeira, canteaos, tercia, ripias, soleira, cañizo…). O teito estaba cuberto de palla de centeo, traballo feito polos teitadores. Por debaixo do colmo colocábase opcionalmente unha capa de bouza, pequenos ramallos de xesta. O colmo vexetal ten problemas de conservación, ao podrecer ou por ser fácil combustible para os fogos. Razois que favoreceron a súa evolución cara á presencia de teitos de lousa ou a moderna e antiestética uralita.

Os muros poden ser de granito. Os chacotes son anacos de pedra sen labrar, froito dos fragmentos de rochas, que poden ser fácilmente manexados polo canteiro. Tamén se poden utilizar croios dos ríos ou glaciares nas zonas de alta montaña.


Ao redor do lar aparecen distintos espazos. Os cuartos son apousentos de pequeñas dimensióis, pechados con taboados. Xunta ao forno están os requeixos, departamentos para colocar a leña ou a cortellos para os cuxos, porcos ou ovellas.


Segundo un inventario realizado pola empresa Sercam, feito a fines do 2005, para a Junta deeito Castela e León, quedan en Ancares 42 pallozas, en Valboa 36, en Valcarce 27, en Barxas 8 e 39 en Fornela. O descenso progresivo deste tipo de construccióis débese ao progreso económico e técnico, á escaseza de colmo con centeo, pero tamén ás normas municipais que na década dos cinquenta que gravaron cun tributo este tipo de vivendas.


AS CASAS DE TEITO E OS PALLEIROS.
As casas de teito son edificios cubertos por lousa ou xisto, rocha que ao ser arrancada rompe en láminas planas de pouca espesura. As lousas caracterízanse pola súa impermeabilidade, compacidade, resistencia, durabilidade e abundancia nas canteiras da rexión berciana. Importancia ten a colocación e a fixación das lousas. Menor importancia ten as casas de tella. As casas de teito rectangulares parecen ser unha evolución das pallozas con formas arredondas.

Os palleiros están separados das vivendas familiares. Teñen teito de palla, feito con colmos ou maízos. Constrúesen en terreos desnivelados, de xeito que o carro poida descargar a palla ou herba pola parte alta do camino, a través dun ventanu ou boqueta, porta angosta.
O estudo feito pola empresa Soercam recolle 15 palleiros en Ancares, en Valboa (1 casa de teito e 1 palleiro), en Valcarce (2 casas de teito), en Barxas (1 casa de teito) e en Fornela (26 palleiros). A arquitectura de colmo sitúase nas zonas montañoss de maior altitude.


AS CASAS SERRANAS CON CORREDOR.
A planta baixa ou terrea abrangue espacios para gardacarros, apeiros de labranza e cadras dos animais (a besta, os porcos, as ovellas, afastados por taboados). Mentres que debaixo do corredor era o lugar da leñeira, con combustible de madeira ou uces, ou poleiro para galiñas.


No primeiro andar, atopamos o corredor, e dende el pasamos ao cuarto-dormitorio, a cociña, maila despensa e pequenos cuartos separados por tabiques de táboas con leitos de maiores e mocidade. No faiado, situado entre os cuartos e o lousado da cuberta, no que se gardan as patacas, o millo ou pequenos aveños domésticos.


Presentan escaleira exterior ou patín, feito de pedra ou lousas sen pasamáns, para subir ao andar superior. Mediante o patín accédese á porta da vivenda, directamente ou mediante unha plataforma chamada patamal.


Xorde o corredor frontal de madeira. O corredor está apoiado na prolongación de trabes que sosteñen o taboado do andar ou no patín de seu, e cuberto pola prolongación do tellado. O corredor pode funcionar como acceso do exterior ao interior da casa, dando paso aos cuartos. Os corredores poden ser abertos ou pechados, segundo ascendemos nas serras, aparecendo tabicados por taboados exteriores. O dito corredor evolucionou en solaira ou terraza-balcón orientado ao mediodía, e tamén cara á galería acristalada nas vilas e ciudades.

O corredor ten diversas utilidades. Serve para tender as roupas, nel maduran as mazarocas de millo, secan as fabas, secan os cabazos e toman o sol os vellos no inverno e demais. As solainas evolucionan en galerías acristaladas, características do noroeste peninsular.


Os muros das casas labregas teñen portas, ventas e bufardas (máis pequeñas cas ventas). As portas de entrada presenta unha pedra elevada sobre o chan, para evitar a entrada das augas. Nas xambas compostas por agullas ou tranqueiros. A porta de acceso consta de dúas follas; a inferior está sempre pechada e ten un buraco chamado gateira, e maia parte superior, aberta todo o día, para facilitar a entrada da luz e a ventilación do interior da vivenda. Pode haber outras portas, caso da que dá ás cortes dos animais, de maiores dimensióis, estando sempre pechada agás cando se pretende sacar ou gardar o carro. Outra porta pode dar saída á horta ou cortiña.


No interior da casa serrana atopamos os elementos divisorios horizontais que fixan os niveis da edificación. A armazón é de madeira de carballo ou castiñeiro, con trabes rectangulares que cubren entre os muros. Sobre os trabes xorden os pontóns e finalmente se sitúan os taboleiros máis pequenos. Cos elementos de división verticais tratouse, primeramente, de diferenciar os espazos da familia e dos animais, mediante un sinxelo taboado de táboas colocadas verticalmente, que evolucionaron aos tabiques. Pero o mellor descubrimento foi a pallabarro. Con este sistema construtivo ergueronse tabiques interiores e paramentos interiores en corredores. A pallabarro era un paramento de táboas estreitas e delgadas de madeira, chamadas fitoiras. Estas ensamblábanse oblicuamente e os espazos entre fitoira e fitoira trenzábanse (lamprea). As paredes recebábanse con cal ou sábrego. Coa posterior aparición do ladrillo desapareceu o sistema de pallabarro.


O Bierzo, setembro de 2010.