SEGREGACIÓN DO GALEGO NAS REDES SOCIAIS.
SEGREGACIÓN DO GALEGO NAS REDES SOCIAIS BERCIANAS,
por Xabier Lago Mestre.
falaceibe@yahoo.es
Os bercianos galego-falantes ben sabemos dos atrancos que hai para utilizar a nosa lingua galega nos medios de comunicación tradicionais, caso dos xornais, radios ou televisión local. Velaí a razón de que vexamos unha ventá aberta para exercer a nosa liberdade de expresión nas novas tecnoloxías da información. Este é o caso dos blogues individuais ou das actuais redes sociais de sona internacional. Pero non podemos negar que aínda hai resistencias por parte dalgúns internautas ao uso do galego na internet.
MEDOS AO GALEGO.
A presencia do idioma galego nos computadores persoais, a través dos perfís e grupos das redes socias, o primeiro que provoca é abraio xeneralizado entre os internautas. Por suposto falamos de redes sociais de temática berciana. Pero aínda así, que no Bierzo se fale galego non importa para algúns, hai que falar en castelán, para que nos entendamos todos segundo eles. Esta anécdota demostra o moito que asusta o plurilingüismo neste estado e no Bierzo.
Eses que rexeitan o uso do galego nas redes sociais bercianas demostran pouco respecto polos bercianos galego-falantes. Para eles segue a ser unha lingua de segunda categoría, cando non un dialecto local, cando non simplemente un chapurreau. Todo vale para desprestixicar a lingua galega da minoría asoballada.
Para algún, resulta unha afrenta que a minoría galega do Bierzo tome conciencia dos seus dereitos lingüísticos, do seu comunicativo, da súa capacidade de diálogo intercultural. O senso de superioridade lingüística prima, así como a xerarquización entre os falantes.
A seguridade lingüística para a maioría castelán non se pode cuestionar. Que ninguén altere o estatus de convivencia lingüística de hoxe porque pode molestar. A minoría ousa ter presencia física onde non ten invitación. Porque para falar galego no Bierzo primeiro hai que pedir permiso, por pura educación. Despois xa veremos o que deciden os que mandan.
Teimamos a que hai medo a dialogar cos galegofalantes do Bierzo. Quizais saiban razonar na súa lingua minoritaria. Cando se prolonga o debate nas redes sociais, e os opositores ven que non hai forma de derrotar intelectualmente aos galeguistas, comeza o nerviosismo alleo. Remata o debate dialéctico para pasar á ofensa (cansino, fariseo…), as malas interpretacióis (imposicióis, antiacadémicas…), saídas de tono e temática (política, antiacadémicas…) por outros regueiros, etc.
Resulta moi molesto ter que dialogar en distintas linguas, caso do galego e o castelán. A mente non o asimila con naturalidade. Ese outro non pode ser boa persoa se utiliza outra lingua, non me sinto cómodo no diálogo. Ademais, se hai que facer un esforzo suplementario de comprensión do galego ainda peor. Lo fácil é rexeitar a ese otro, noutra lingua, e punto.
PRESENCIA DOS VARIADOS PREXUÍZOS.
“O galego en Galicia” ou “galego fóra”, coméntannos os internautas. Non se quere recoñecer nin admitir que o idioma galego é tamén dos falantes do Bierzo occidental. Non se pode permitir que o galego sexa o outro idioma rexional porque isto cuestionaría os lindeiros históricos entre Galiza e O Bierzo. Quen polemiza sobre o lindeiro político-administrativo de hoxe é un antipatriota español e, polo tanto, un nacionalista galego revirado. Pouco ou nada significa que haxa galegofalantes no Bierzo ou que outros demanden a materia de galego no ensino regrado na nosa rexión. A frontera político-mental concreta territorios e as súas linguas respectivas.
Hai internautas que admiten o uso do galego na internet, agora ben, nun foro en galego. No Bierzo conviven varias linguas en contacto pero non, non poden os bercianos manifestarse na outra lingua minorizada porque molesta á vista e maila mente pechada. Isto ten moito de segregación lingüística e pouco de fomento da participación democrática. Parece ser que a democracia só se practica nas eleccióis pero non a vida cotiá.
A internet é un medio de comunicación moderno. ¿Qué pinta a lingua rural, tradicional, dos vellos, na arañeira do século XXI?... fóra xa. Hai que illar a lingua dos antergos ante a fortaleza do castelán: A lingua de todos e todas. Co permiso do inglés claro!. Por certo, eses críticos tampouco ven ben que se escriba en inglés, porque é un foro berciano, perdón, castellano, español a moita honra. Trátase dese patriotismo uniformista que remata coas diferencias culturais e lingüística do noso estado español.
O Bierzo, marzo de 2012
0 Comments:
Publicar un comentario
<< Home