martes, febrero 16, 2021

POLO DEBATE POLÍTICO GALEGO-BERCIANO.



O DEBATE POLÍTICO GALEGO-BERCIANO,

Polo colectivo Fala Ceibe do Bierzo.

            No Parlamento de Galicia vai ter lugar a vindeira semana un debate dunha proposición non de lei (PNL), presentada por el BNG, relacionada coa bisbarra do Bierzo. Esta proposta de resolución ten varios contidos, como a referencia á posibilidade de recuperar a provincia do Bierzo, á valoración da integración do Bierzo na Galiza e á formación dun foro estable de diálogo entre Galiza e O Bierzo.

            Primeiro cómpre lembraros que O Bierzo conmemora o 200 aniversario da súa provincia de Vilafranca, creada durante o Trienio liberal (1820-1823). Esta provincia integrou a bisbarra de Valdeorras e val do Visuña (Lugo). Sen embargo, O Bierzo xa fora provincia antes, durante a Idade Moderna, trala creación desta institución polos Reis Católicos (1486), despois de derrotar ao rebelde conde de Lemos e segregar os seus territorios orientais. Ademais, a reivindicación provincial berciana ten un carácter histórico que non rematou coas novas provincias de 1833 e que chega até a actualidade.

A dita conmemoración provincial berciana de hoxe serve para debater sobre a reorganización territorial. Referímonos a unha ampla zona periférica que abrangue O Bierzo, Laciana, Valdeorras e as serras orientais de Lugo. A orografía montañosa empece as boas comunicaciois. Os lindeiros políticos son atrancos ao seu desenvolvemento económico. A mancomundiade de Valdeorras fracasou en 2003, e mailas fundaciois comarcais (Valdeorras, Courel, Ancares…) extinguíronse (2011). Así pois, segue a desarticulación institucional onde só perviven pequenos concellos rurais. Só O Bierzo conseguíu o recoñecemento comarcal, por lei autonómica de 1991, e aínda reivindica máis autogoberno.



Unha posibilidade é a recuperación da provincia do Bierzo que supón outra articulación territorial alternativa á comarcal. Non se pode negar que o recoñecemento provincial traería novos investimentos públicos. Ademais, esta nova institución provincial adaptaríase á chamada área funcional de Ponferrada que exerce a súa influencia económica sobre Valdeorras, Laciana e este de Lugo. Cómpre articular este amplo territorio con novas comunicaciois e servizos sanitarios, escolares, culturais, etc.

O Bierzo non pode estar máis tempo illado por ser periferia da Comunidade autónoma de Castela e León. Hai que trocar de dinámica territorial cun achegamento a Galiza. A creación dun foro interinstitucional é fundamental para debater sobre a procura de soluciois. Hai moito que traballar nas materias comúns (comunicaciois, medio ambiente, sanitarias, turismo, etc). Non se pode admitir que os lindeiros políticos rematen coas estradas, esnaquicen os parques naturais, dividan a lingua galega, impidan os traslados sanitarios, etc.  

Pola outra banda, no Bierzo aínda seguimos a reivindicar o recoñecemento dos nosos dereitos lingüísticos a falarmos galego. Esta irmandade cultural secular non se pode rachar polas políticas uniformizadoras castelás que nos asoballan. Galiza non pode esquecer as bisbarras galegofalantes do Eonavia, O Bierzo e Seabra. Está en xogo o destino da única comunidade lingüística do noroeste peninsular. Todos xuntos temos a obriga de manter o noso patrimonio idiomático común para as novas xeraciois.



No Bierzo somos moitos os que nos sentimos tamén galegos con fachenda. As enquisas sociolóxicas sempre recollen importantes porcentaxes de bercianos que apoian a súa quinta provincia galega. Por suposto que a normativa constitucional impón un procedemento legal moi difícil para calquera reforma provincial, mediante aprobación por lei orgánica. Incluso haxa que agardar mellores conxunturas políticas, caso da segregación da provincia de León de Castela e León, para reclamar tamén a anexión territorial do Bierzo. Mais a reivindicación provincial segue viva despois de rematar coa provincia do Bierzo en 1833, por algo será!.

Por todo o comentado, agardamos con ilusión que o vindeiro debate político no Parlamento galego sexa receptivo á problemática territorial do Bierzo. Porque necesitamos apoio da Galiza para ter un maior desenvolvemento territorial. Non podemos seguir illados na periferia de Castela e León. Queremos ser protagonistas do noso futuro cun maior poder institucional propio, caso da reclamación provincial.

 


O Bierzo, 16 de febreiro de 2021.

www.obierzoceibe.blogspot.com

 




http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es