POLA NOVA IRMANDADE GALEGO-BERCIANA.
POLA NOVA
IRMANDADE GALEGO-BERCIANA.
Por Javier Lago
Mestre, do colectivo cultural Fala Ceibe do Bierzo.
Neste 2021 O Bierzo celebra o 200
aniversario da creación da provincia de Vilafranca. Institución provincial que
estivo integrada por varias bisbarras, entre elas Valdeorras, Laciana, A
Cabreira e O Bierzo. Cremos que é unha oportunidade histórica para reforzar os
vincallos históricos e territoriais entre zonas veciñas.
Antes de continuar convén recuperar
un chisco da historia desa provincia de Vilafranca. Durante o chamado Trienio
liberal (1821-1823) continuaron as reformas liberais principiadas coa
Constitución de 1812. Tratábase de derrubar o sistema absolutista do chamado
Antigo Réxime. Velaí as reformas institucionais como a supresión dos reinos,
señoríos, reximentos locais, etc. Para a execución das novas políticas liberais
foi fundamental a reordenación territorial.
Tratábase de organizar o territorio
peninsular con criterios uniformistas e centralistas. Os antigos reinos
quedaron divididos en novas provincias baixo o control das capitais urbanas.
Cada provincia estaba gobernada por unha deputación (cun número fixo de
deputados) e un xefe político, ámbolos dous quedaban sometidos aos gobernos
centrais madrileños.
Desde 1486, e ao longo de toda a Idade
Moderna, O Bierzo tivo certo recoñecemento territorial e institucional mediante
a súa propia provincia. Co dito Trienio liberal, tras complexos debates
políticos, creouse a nova provincia liberal de Vilafranca. Como resultaba de
pequeña estensión territorial, foron anexionadas a ela as bisbarras de
Valdeorras e Laciana. Incluso o deputado Antonio Valcarce propuxo a integración
doutras zonas galegas, casos Quiroga, Trives e O Bolo. Pequenas vilas formaron
parte de esta provincia: O Barco, Bembibre, Villablino, Toreno, Ponferrada e
Vilafranca.
Mais o certo foi que non todos os
concellos de Valdeorras apoiaron a dita segregación territorial de Galiza. Por
iso se alegaron as difíciles comunicaciois co Bierzo polas montañas e ribeiras
fluviais en inverno. Tamén rexeitaron a lonxanía da Chancelería de Valladolid
fronte a proximidade da Audiencia da Coruña. Ademais preocupaba a escasa
presenza das localidades de Galiza na provincia berciana a nivel de
representación territorial e política. Como dato curioso, o deputado galego,
Xosé Moscoso, espetou as diferenzas entre Galiza e O Bierzo, pois o que
principalmente distingue as provincias é o dialecto que se fala en cada unha
delas (octubre de 1821).
En
fin, o dito 200 aniversario da provincia de Vilafranca debería ser aproveitado para
estreitar os vincallos históricos, territoriais e culturais entre Galiza e O
Bierzo. Neste senso, queremos facer algunhas propostas de colaboración
interterritorial. Primeiro, fixar irmanamentos locais entre as vilas da Rúa, O
Barco e Vilafranca. A celebración das respectivas festas patronais podería
aproveitarse para realizaren eses actos institucionais de irmanamento.
Pola
outra banda, o Consello comarcal do Bierzo representa os intereses políticos e
institucionais dos bercianos e das bercianas. Ademais, este ente territorial é
continuador da traxectoria institucional da provincia de Vilafranca. Logo
debería comandar un achegamento ao Parlamento galego como representante
político da Galiza. Non hai mellor razón que aproveitar este provincialismo
histórico para fixar una nova cooperación interinstitucional. Por exemplo, a Xunta
de Galicia, o Parlamento de Galicia e o Consello comarcal ben poden asinar un
protocolo de colaboración en materia cultural e lingüística.
No
século XXI O Bierzo debe rachar con esta raia que nos afasta territorial e
políticamente de Galiza. Porque ser rexión berciana, periférica de Castela e
León, non é una vantaxe, logo compensemos o illamento cun achegamento a Galiza.
Tanto Valdeorras coma O Bierzo temos que loitar xuntos contra esas dinámicas políticas
que nos deixan fóra das mellores comunicaciois (estradas, ferrocarril,
internet…). Non resulta lóxico que Valdeorras non se poida aproveitar máis
dos servizos sanitarios de Ponferrada por
unha obriga legal de ir para o lonxano Ourense. A rexión montañosa do Sileste
merece outra ordenación territorial para a prestación de servizos públicos
axeitados. No fondo só pedimos que nos deixen vivir dignamente na nosa terra e
que desboten tanto atranco político dos que mandan.
O Bierzo, febreiro de 2021.
0 Comments:
Publicar un comentario
<< Home