PROTAGONISMO PROVINCIAL DE VILAFRANCA DO BIERZO.
O PROTAGONISMO PROVINCIAL DE VILAFRANCA DO BIERZO,
Por Javier Lago Mestre.
Vilafranca foi capital da provincia
berciana do Trienio liberal (1820-1823). Velaí que moitos reclamemos ao
concello da vila do Burbia un protagonismo especial nas celebraciois do 200
aniversario da provincia de Vilafranca. Sería lamentable que algúns queiran
retrasar os actos conmemorativos até fines do ano 2021 ou a principios do seguinte.
Este 2021 é o ano do provincialismo
berciano e non podemos desaproveitalo. O primeiro é facer publicidade deste
acontecemento histórico tan especial para que todos poidamos concienciarnos axeitadamente.
Neste senso propoñemos a colocación dunha pancarta referida á provincia de
Vilafranca na escalinata de San Nicolás, a vella sede provincial. Desta forma a
veciñanza saberá mellor desta celebración centenaria. Ademáis, aproveitando
este Xacobeo serían moitos os peregrinos que tamén saberían do noso feito
provincial.
Pola outra parte, o concello de
Vilafranca debería convocar un pleno para debater e aprobar unha moción sobre o
apoio político ao 200 aniversario provincial. Primeiro trátase de recoñecer a
importancia histórica e institucional da provincia de Vilafranca. Segundo, fixar
un compromiso común a prol de organizar actos conmemorativos. Entre estes
podemos abranguer actividades festivas, culturais e participativas.
Por suposto non pode faltar unha xornada
cultural para dar a coñecer os últimos estudos históricos sobre a provincia de
Vilafranca. Non hai mellor marco para elo que o teatro municipal. Tambén se podería
acompañar esta xornada cunha exposición de documentos históricos da época. Referímonos
a papeis do arquivo municipal, ademáis de exemplares antigos de xornais locais
que garda Santiago Castelao.
Todos sabemos das desputas
históricas entre Vilafranca e Ponferrada pola capitalidade provincial. Pois xa é
hora de recuperar a unión berciana entre as dúas antigas vilas. Propoñemos unha
marcha ciclista popular entre as dúas localidades para fortalecer a unión
simbólica. Neste sentido, Vilafranca faría ben en buscar unha irmandade
galegoberciana coas vilas do Barco de Valdeorras e maila Rúa. Ámbalas dúas
formaron parte da antiga provincia berciana. E de paso racharíase co actual illamento
de Vilafranca respeito a Galicia. Xa vai sendo hora de vindicar a nosa cultura secular
común (música, lingua, teatro, etc).
A mocidade berciana tamén debería
participar activamente. A convocatoria de concursos escolares (relato, fotos,
videos, poesía…) poderían atraer á xuventude. As redes sociais da internet son
o mellor medio de participación hoxe. A isto engadimos a proposta dun festival
de música étnica que atraería a miles de persoas.
As festas patronais de Vilafranca
non poden pasar por alto o 200 aniversario provincial. Mellores datas non hai
para a merecida homenaxe aos defensores da provincia histórica de Vilafranca.
Aínda non temos una escultura que lembre este acontecemento institucional
sobranceiro que foi a provincia para as xeraciois futuras. Se non hai cartos
pois apostamos pola cuestación popular dende xa. As festas do Cristo 2021 teñen
que ser máis populares ca nunca coa convocatoria dun grande desfile de pendois
das localidades da contorna e do Bierzo. Tampouco pode faltar unha recreación histórica
a cargo dos nosos Tiradores do Bierzo que ben poden recrear a defensa da
provincia liberal de Vilafranca ante o exército absolutista dos Cen mil fillos
de san Luís no parque da Alameda.
En fin, entre todos podemos facer
moitas cousiñas conmemorativas e aproveitar ben os poucos cartos municipais.
Convén ter máis vontade política e social para celebrar como se merece o 200
aniversario provincial berciano. Non podemos desaproveitar esta oportunidade
histórica de dar protagonismo a Vilafranca e ao Bierzo en Castela, León, Galiza
e España. Temos a ventá aberta do medios de comunicación, tradicionais e
dixitais, para acadar toda a publicidade mediática.
0 Comments:
Publicar un comentario
<< Home