FALA CEIBE CRÍTICA A PLATAFORMA GALICIANOMEADA.
O COLETIVO FALA
CEIBE DO BIERZO
CRITICA A
PLATAFORMA GALICIANOMEADA
POR ESQUECER A
TOPONIMIA BERCIANA.
O coletivo cultural Fala Ceibe do
Bierzo, de defesa do galego na bisbarra, quere denunciar a plataforma
Galicianomeada de recuperación da toponimia oral. Esta plataforma colaborativa,
de recollida de microtoponimia galega, está dirixida pola Xunta de Galicia e a
Real Academia Galega. Pois ben, esquécese a presenza da toponimia galega nos
territorios estremeiros do Eonavia, O Bierzo e As Portelas sanabresas. Incluso
empece engadir calquera achega toponímica que veña proposta desde estas tres
zonas periféricas.
No Bierzo levamos décadas de
reivindicación a prol da recuperación da nosa toponimia galega. Acotío temos
enfronte os atrancos políticos e xurídicos das instituciois de Castela e León.
E agora vemos que tamén instituciois públicas da Galiza tamén se opoñen á
recuperación da nosa toponimia galega do Bierzo. Resulta lamentable que dende
Galiza fixen un lindeiro político, entre comunidades autónomas veciñas, para
ignorar a toponimia berciana de hoxe. Recordemos que os Estatutos da Comunidad
autónoma de Galicia e da Real Academia Galega regulan parcialmente a proteción
do chamado galego exterior. Estamos convencidos que esta política lingüística é
claramente antigalega porque o galego histórico racha coa fronteira política
atual, e está moi presente nos tres territorios estremeiros anteditos.
Os bercianos ben sabemos da nosa
toponimia galega cando nos referimos aos nomes das vilas, aldeas, lugares,
barrios, freguesías, etc. Outro tanto acontece cando falamos dos antigos
poboamentos estacionais, brañas, alquerías, alzadas, malladas, cabanas, etc. Os
orónimos están presente nas serras, cordais, montes, collados, etc. A nosa hidronimia
amosa ríos, regatos, canles, encoros, regueiros, etc. A agronimia salienta as
searas, rozas, agras, bouzas, morteiras, etc. O imaxinario popular crea as
covas de mouros, castelos castros, etc. As formas do terreo fixan vales,
lombos, outeiros, chanos, etc. Mentres que a odonimia refírese aos vieiros,
corredoiras, rodeiras, calexas, etc.
A toponimia histórica berciana está
moi presente nos tumbos dos nosos mosteiros (Carracedo, S. Pedro de Montes,
Santo Andrés de Espiñareda…). Ademais temos os vellos protocolos notaríais, nos
que se delimitan as terras dos concellos rurais ou as leiras dos labregos. Hoxe
os mapas topográficos nacionais, do Instituto Xeográfico Nacional, recolle aínda
os topónimos galegos do Bierzo occidental. Os filólogos galegos, como Francisco
Fernández Rei e Ana Seco Orosa, estudaron a toponimia galega do Bierzo, outro
tanto acontece co asturiano Jesús García e García.
Segundo todo o dito, o coletivo Fala
Ceibe do Bierzo vai denunciar esta política lingüística toponímica, da
plataforma Galicianomeada, que esquece os tres territorios estremeiros. Por iso
remesaremos esta nosa denuncia escrita, ante a Xunta de Galicia e maila RAG,
ademais dos partidos políticos do Parlamento Galego. Pretendemos que se
presente unha proposición non de lei, ante o Parlamento Galego, para que se
debata sobre esta problemática toponímica dos tres territorios estremeiros. No
Bierzo temos claro que o noso galego non ten futuro fóra da comunidade galegofalante
do noroeste peninsular. Por iso non permitiremos que se nos afaste máis do seo
da dita comunidade galegofalante con políticas lingüísticas foráneas, ou
negando os nosos dereitos lingüísticos asoballados secularmente, caso do
dereito a conservar a nosa toponimia histórica.
Javier Lago
Mestre, voceiro de Fala Ceibe do Bierzo.
Tfno. 695344293.
O Bierzo, xaneiro de 2022.
0 Comments:
Publicar un comentario
<< Home