SOCIOLINGÜÍSTICA DA RESISTENCIA GALEGA NO BIERZO (3ª PARTE)
SOCIOLINGUÍSTICA DA RESISTENCIA GALEGA NO BIERZO (3ª PARTE),
por Javier Lago Mestre,
autor libro El Bierzo provincial.
A TERRITORIALIZACIÓN.
A
rexión do Bierzo amosa varias linguas en contacto. Referímonos ao galego,
leonés e castelán. O territorio occidental é galegofalante. Desde hai tempo os
filólogos procuran concretar a fronteira entre o galego e mailo leonés (A. Seco
Orosa, J. García y García, etc). Pola outra banda, o leonesismo político e
cultural defenden o considerado territorio da súa lingua leonesa e das súas
falas (berciano, galegoleonés, cabreirés, patsuezo, etc). O certo é que o
galego no Bierzo medra territorialmente através do ensino nos centros
escolares, coa audiencia da RTVG e coa dixitalización.
A
problemática territorial ten unha derivada coa recuperación da toponimia en
galego. Non será doado superar as dinámicas seculares da castelanización
toponímica. Haberá que investigar a toponimia tradicional con enquisas veciñais
e estudos históricos dos censos fiscais, padróns, catastros, etc.
IDENTIDADE E SIMBOLISMO.
No
Bierzo hai unha forte identidade territorial colectiva que se reafirma fronte
ás identidads veciñas (Galiza, León ou Castela). A nivel lingüístico, unha
derivada disto é a defensa do concepto imaxinario colectivo chamado dialecto
berciano. A lingua galega, paseniño, vai sendo asimilada como parte da complexa
identidade cultural do Bierzo. Resulta importante traballar nesta relación
entre lingua galega e bercianismo. Simbólicamente e mentalmente podemos
traballar máis a linguaxe visual. Son os casos dos usos da bandeira Cruceira ou
dos mapas do Bierzo en contextos galegueiros. Cómpre atopar outros nexos entre
sinais de identidade (bandeira, cores, idioma…) capaces de crear nova conciencia
colectiva berciana.
A
lingua galega ten un recoñecemento político e legal no Estatuto de autonomía de
Castela e León (1999) e maila Lei da Comarca do Bierzo (2010). Son avances na
identificación social entre o galego e O Bierzo. Outro tanto pode acontecer
coas tradiciois en galego, con resposta social, os maios, o entroido, os
magostos, festas patronais, romarías, etc. Sería interesante o recoñecemento
social e político do Día do galego no Bierzo (9 de marzo).
Unha
dinámica necesaria da minoría galegofalante do Bierzo é a de reforzar a unión
reivindicativa. As relaciois de poder esixen de amosarmos unha organización
galegueira duradoira. Convén acadar lexitimidade vindicativa e representación pública
na negociación ante as administraciois públicas. Habería que facilitar a unión
dos diversos colectivos con actividades comúns (xuntas, xornadas, concursos, xornais,
web, etc) de cara a acadar unha voz unitaria en certos temas. Neste senso
Vilafranca debería de ter un Centro da memoria galegueira, para contar coa súa
biblioteca, xornadas, museo, exposiciois, etc.
AS ADMINISTRACIOIS PÚBLICAS.
A
lingua galega no Bierzo necesita un uso administrativo que favoreza a súa
normalización. No ensino público o galego xa está presente desde 2001. Para
acadar isto houbo antes que negociar a aprobación de resoluciois políticas, no
Congreso dos deputados (1997) e nas Cortes de Castela e León (2000), a prol do
ensino do galego no Bierzo. Hoxe hai carencias pola falta de recoñecemento da
obriga de ofertar o ensino do galego en tódolos centros escolares do Bierzo
occidental (casos da Veiga de Valcarce, Quilous, Carracedelo, Fabeiro, etc).
O
Consello comarcal do Bierzo segue sen admitir o uso administrativo parcial do
galego. Intentouse este recoñecemento no regulamento orgánico, mais non foi
aprobado (2020). Moi importante sería a creación dun servizo lingüístico no
dito Consello comarcal. Este servizo podería asesorar aos concellos e xuntas
veciñais no uso administrativo do galego.
Hai
outras administraciois públicas que no futuro deberían permitir o uso parcial
do galego. Referímonos á Deputación leonesa, na súa delegación berciana, ou as
propias Cortes de Castela e León ou o Procurador do Común. Nesta dinámica
pasiva non se entende que a Cátedra de estudos leoneses (Universidade de León),
o Instituto leonés de cultura (Deputación leonesa) e mailo Instituto de cultura
de Castela e León (Burgos) pasen da nosa lingua galega, cando son entes públicos
pagados por cartos de todos. Velaí a necesidade de sinar protocolos de colaboración
interadministrativos coa Xunta de Galicia para executar estas demandas
lingüísticas. O obxectivo final ten de ser o recoñecemento de oficialidade para
o galego do Bierzo, no Estatuto de autonomía de Castela e León, o que obrigaría
ao uso administrativo deste idioma.
O BIERZO, NOVEMBRO DE 2022.
0 Comments:
Publicar un comentario
<< Home