LEONESISMO ANTIBERCIANO.
LEONESISMO ANTIBERCIANO,
Por Javier Lago Mestre.
autor libro El Bierzo provincial.
De cando en vez o leonesismo
político sorprende de novo cos seus ataques ideolóxicos. Nesta ocasión publicita nas redes un cartaz, divulgado
en redes sociais. Trátase dun mapa de España onde xorden dous xogos de garras
que ameazan desde Castela e Galiza o seu país leonés. No seu correspondente
texto lemos: “Gallegos y castellanos, quitad vuestras sucias garras del País
leonés (novembro de 2002). Todo isto parece que vén a conto dunha carta ao
director, publicada nun xornal coruñes. Neste escrito un lector pide un
referéndum en El Bierzo para saber si quieren ser gallegos.
Todo
isto demostra a mestura de temor e incompresión que hai en León sobre a
problemática territorial do Bierzo. Así os primeiros debates descentralizadores
no Bierzo foron atacados desde León. O partido Unión leonesista (UNLE) declarou
que se trataba de “desmembrar la provincia de León en detrimento del leonesismo
integrador” (1988). Neste contexto ben lembramos cando se aprobou a Lei rexional
da Comarca do Bierzo (1991). O presidente da Deputación leonesa declarou que
iso suporía “la traición a la provincia y de movimiento secesionista por parte
de El Bierzo” (2002). A inclusión do concello de Palacios do Sil no Consello
comarcal berciano provocou a repulsa dun membro da Academia da Lengua
asturiana, “sueño paranoico del nacionalismo gallego de convertir El Bierzo en
quinta provincia gallega” (2006).
Tamén
o recoñecemento legal do idioma galego no Bierzo enfureceu aos leonesistas. En
1994, o presidente da Casa de León en Madrid, conde de Gaviria, dixo que “andan
intentando separar El Bierzo de León”. Anos máis tarde, o secretario de Conceyu
Xoven, aliado do partido, Unión del pueblo leonés, enchía os xornais de falsas declaraciois
antibercianas contra o galego, “expansionismo galleguista” ou “obligatoriedad de
la materia de gallego” (1999). Chegando este grupo político até o ponto extremo
de criticar ao presidente do dito Consello comarcal por falar en galego nun
acto público (2006).
Maís
forte foi o caso doutro alto político da Unión del Pueblo leonés, Melchor
Moreno, quen ameazou con loitar por eliminar o idioma galego da Lei orgánica
que aprobou o Estatuto de autonomía de Castela e León. Incluso engadiu, nas
súas declaraciois xornalísticas, que “el gallego no es una lengua propia de El
Bierzo” (2005). Segundo este político, pretendía con todo elo defender os
dialectos bercianos fronte ao idioma galego.
Os
leonesismos político e cultural sempre trataron de atacar a lingua galega, como
foránea á realidade cultural do Bierzo. Fronte a ela, propoñen os chamados
dialectos leoneses, confusas falas concretadas no berciano, cabreirés,
pachuezo, etc. Por iso, se hai que recoñecer o galego no Bierzo, para eles será
mellor a denominación galegoleonés. A antropóloga Concha Casado Lobato defendía
a variedade galegoleonesa, que non debería ser alterada pola normativización
galegueira. Esta mestura de linguas veciñas responde a unha ideoloxía política
e cultural fomentada desde máis aló dos porto de Foncebadón.
Os
centros filóloxicos, academias lingüísticas e universidades consensúan o
recoñecemento do idioma galego no Bierzo. Mais os partidos leonesistas van por
outro vieiro ideolóxico. Hai que manter como sexa a unidade do presunto País
leonés. Nada de perigosas segregaciois territoriais (¿provincia ou
descentralización berciana?), nin de linguas foráneas que poidan esnaquizar
máis a comunidade leonesa. Elaboran un discurso historiográfico que se
fundamenta na idealización da vella unidade do reino medieval. Todo serve para
esta nova linguaxe política que pretende o enfrontamento coas instituciois da
Comunidade de Castela e León.
Un
dos problemas do leonesismo político é O Bierzo. A única Comarca xurídica
recoñecida, tanto polas Cortes rexionais coma polas Cortes estatais, mediante
Lei orgánica. Territorio estremeiro que desexa máis descentralización fronte a
Castela e León. Ademais, O Bierzo ten falantes galegos que reclamamos o
recoñecemento de dereitos lingüísticos, individuais e colectivos. En fin, dúas
cuestiois de difícil solución para os políticos de León e Castela, que non
entenden ou non queren asimilar a pluralidade territorial e cultural. Hai unha
estratexia política clarexa, profundar no uniformismo social para controlar
mellor aos cidadáns.
O Bierzo, decembro de 2022.
0 Comments:
Publicar un comentario
<< Home