viernes, diciembre 01, 2006

O GALEGO HISTÓRICO D´O BIERZO.

O GALEGO HISTÓRICO D´O BIERZO,
Por Xabier Lago Mestre.
obierzoxa@lycos.es

A presenza do galego n´O Bierzo está constatada dende a Idade Media. Na documentación conservada dos mosteiros bercianos de Sta. Mª de Carracedo, Santo Andrés de Espiñareda, Sta. Mª de Cruñego e San Francisco de Vilafranca atopamos multitude de referencias escritas en galego. Os ditos cenobios e os outros máis galegos (Samos, Celanova ou Sobrado) que tamén tiveron intereses territoriais n´O Bierzo, utilizaron con total normalidade esta lingua autóctona na súa actividade administrativa, tanto interna como externa. A pesar disto, salientamos que a meirande parte das relaciois sociais, agropecuarias e comerciais en xeral foron ágrafas, xa que a poboación labrega só usaba o galego oral, porque descoñecía a súa codificación escrita, polo que carecemos da correspondente constancia documental.

A documentación monástica ofrece unha variada información que pasamos a analizar. A diversidade lingüística constátase no uso dos dous idiomas territoriais d´O Bierzo, o galego e o leonés, ademais do latín que, a pesar do seu carácter relixioso e internacional (nas relaciois internas da Igrexa e co Papado), perde importancia local ante o xeneralizado protagonismo das ditas linguas romances, mentres que o castelao gaña progresiva presenza na escrita baixo o abeiro das instituciois da Coroa (caso dos privilexios reais outorgados aos cenobios). Pola outra banda, a tipoloxía documental abrangue trocos de terras, foros enfitéuticos, testamentos, cartas de poboamento, arrendos, doazois, vendas e demais. Toda esta documentación sérvenos para coñecermos mellor a cultura galego-berciana a través de aspectos tales como a toponimia, a relixiosidade, a ordenación agropecuaria (coutos, quiñones, searas, bouzas, viñas, casais, etc), a organización territorial (parroquias, concellos, vilas, lugares, tenencias, etc), sistema de medidas (moios, ferrados...), e demais.

A fin do século XV prodúcese unha serie de acontecementos condicionan a futura relación entre as diferentes linguas romances d´O Bierzo. A derrota do Conde de Lemos ante o exército dos Reis Católicos supón a perda das súas posesiois territoriais nesta rexión. A Coroa merca Ponferrada, establece nela o corriximento da vila e da Provincia d´O Bierzo, o que facilitaa chegada de oficiais de Castela. A isto engádese o establecemento da nobreza aliada da Coroa (os Pimentel e os Alba no marquesado de Vilafranca). A reforma monástica dos cenobios bercianos, dirixida dende Valladolid, determinou a castelanización da documentación interna. Neste sentido as Cortes de Toledo de 1480 fixaron a obriga de uso do idioma castelao polos escribaos, feito que significou o abandono definitivo do galego por parte destes oficiais.

Dende entón esta lingua d´O Bierzo deixou de ter manifestaciois escritas en calquera documentación pública ou privada. Pero isto non significou a desaparición deste idioma porque o galego oral seguiu moi vivo e xeneralizado no seo da poboación durante os séculos posteriores. Mediante a transmisión interxeracional conservamos lendas históricas como a que relata a toma romana de Monte Medulio, romance en galego, orixinario do século XIII, publicado en 1892, que comeza “Do foron homes, fillas e peculio? Intra nostras covas de Monte Medulio (...)”. Os propios peregrinos que atravesaron O Bierzo recoñeceron a presenza do galego, caso do coengo Bernardo de Aldrete (s. XVII), “los mas políticos hablan bien el castellano pero los no tanto i mugeres el leonés que tira al gallego; verdad es que la vecindad i los muchos que passan de Galicia son causa desto”.

No século XVIII salientamos o bieito Frei Martín Sarmiento, nado en Vilafranca en 1695, que estudou o galego d´O Bierzo, tanto a documentación medieval de San Pedro de Montes, da cal di “contiene muchas escrituras en lengua vulgar, casi todo gallego del siglo XIII (...)”, coma a toponimia e a botánica, “carqueyxa, llaman así, y pronuncian a la gallega, en Montes”, xa que aproveitou as súas viaxes pola nosa rexión para realizar esta erudita actividade pescudadoira. Entre o seu variado pensamento ilustrado, tamén destacou a súa preocupación pedagóxica en relación co ensino do galego, “¿Qué fatalidad es que al niño gallego se le enseñe una lengua ignota en lengua castellana, que no entiende? (...)”.

O noso patrimonio lingüístico galego-berciano, na Idade Moderna, tivo a súa manifestación máis rica a través da literatura oral, de carácter popular, contos, ditos, lendas, canciois e demais centraron o seu protagonismo especial nas familias, nos fiandois, nas troulas noitiñeiras, nas festas (os maios, os entroidos, as romarías...), traballos (muíñas, facendeiras, segas, colleitas, etc). O galego tamén foi o idioma comercial das vendas e trocos verbais que tiveron lugar nas nosas feiras e mercados (Corullón, Vilafranca, A Veiga de Valcarce, Borreis, A Ponte ou Cacabelos). Pero este idioma tamén tivo uso institucional nas xuntas veciñais, por moito que o castelán penetrase progresivamente nas vilas. Así o dereito consuetudinario rural foi todo en galego, a pesar de que as ordenanzas concellís conservadas estean en castelán, xa que nesta lingua eran finalmente aprobadas pola autoridade correspondente. Sen embargo, a utilización do castelao foi necesario ante as instituciois provinciais, as escolas, o Adiantamento leonés, o Bispado de Astorga ou os oficiais da Coroa de Castela.

No século XIX a influenza do romanticismo favorece a conciencia lingüística a prol do galego-berciano. A figura senlleira deste período é Antonio Fernádez y Morales. No seu libro “Ensayos poéticos en dialecto berciano” (1861) lemos que “este dialecto gallego era utilizado habitualmente por el pueblo llano en su trato diario, aunque no es desconocido ni desdeñado por las personas que forman la clase distinguida de la sociedad del Bierzo, por más que en sus relaciones y trato entre sí se sirvan exclusivamente del idioma castellano”. A súa obra xa se insire dentro do coñecido como Rexurdimento cultural de Galiza. Tamén temos a Francisco de Llano y Ovalle, autor vilafranquino de “Flores del Bierzo, lozanas y mustias” (1896), de cuxa obra comenta que “no está arreglada al dialecto gallego, sino a las variaciones que de él se halan en El Bierzo”.

Foi no derradeiro século do milenio pasado cando se produxo a meirande perda do galego n´O Bierzo. As medidas legais uniformizadoras en castelao do Estado, a primacía da economía capitalista fronte á labrega, a maior influencia da sociedade urbana sobre a rural, a xeneralización do sistema escolar monolingüe, o exército, as administraciois centralistas, a emigración e demais forzaron a perda progresiva do idioma galego-berciano. Como exemplo do esforzo pedagóxico pola castelanización escolar temos o libro de Emilio Álvarez, titulado “Los defectos del lenguaje en Galicia y en la provincia de León”. Sen embargo, seguimos tendo escritores interesados por dignificar a nosa lingua, casos do vilafranquino Ramón González-Alegre e do corullés Gilberto Núñez Ursinos, o cal amosa a súa preocupación social en “Déixame tamén a min escuitar, oilo aturuxo dos teus fillos que ben cedo emigraron (...)”.

Nas dúas décadas finais do século XX asistimos ao rexurdimento cultural galego n´O Bierzo. Dentro do proceso xeral de recuperación das diversas linguas peninsulares cabe incluír a nosa peculiar mobilización galego-berciana, que ben podemos concretar nos seguintes fitos: pedagóxico (revista A Curuxa de Corullón), cultural (Escola de Gaitas de Vilafranca, Os Carocos de Valboa, Fala Ceibe de Ponferrada...), investigador (Instituto de Estudios Bercianos), teatral (Vagalume de Viladepaos), musical (Amancio Prada, bandas de gaitas...), literario (Aquilino Poncelas, Eduardo Fra...) e demais. A isto engadimos o establecemento do Estado de Dereito que recoñeceu os dereitos lingüísticos aos falantes das lingua minoritarias de España; dinámica que afectou ao propio Estatuto de Autonomía de Castela e León (1999), que xa menciona expresamente o galego no seu articulado, o que permitíu a oferta voluntaria deste idioma nos centros escolares do Bierzo dende o ano 2002.

Ponferrada, decembro de 2006.

Xabier Lago Mestre, Pte. Asociación cultural Fala Ceibe d´O Bierzo.
http://www.blogoteca.com/obierzoxa
http://www.ciberirmandade.org/falaceive
http://www.falaceibe.tk
http://bergidense.blogspot.com