viernes, abril 06, 2007

CARTA AOS PARTIDOS DO CONGRESO DOS DEPUTADOS SOBRE O GALEGO D´O BIERZO


CARTA AOS PARTIDOS DO CONGRESO DOS DEPUTADOS
SOBRE AS DEMANDAS D´O BIERZO.

falaceibe@yahoo.es

A Asociación Cultural Fala Ceibe d´O Bierzo (http://www.falaceibe.tk/) remesa aos partidos políticos representados no Congreso dos Deputados (PSOE, PP, IU, CIU, PNV, BNG, ERC, Chunta Aragonesista e demais) este Informe con demandas d´O Bierzo, relacionadas coa reforma do Estatuto de Autonomía da Comunidade de Castela e León. Estas peticiois xa as enviamos no ano 2006 ás Cortes de Castela e León, durante a tramitación do proxecto de modificación do Estatuto de Autonomía, pero non foron incluídas no seu articulado. Agora contactamos cos partidos políticos do Congreso para que teñan conta das nosas demandas bercianas na dicha reforma estatutaria no Parlamento español.

1. MAIOR PROTECCIÓN DA LINGUA GALEGA D´O BIERZO.

1.1. O proxecto de Estatuto de Autonomía de Castela e León recoñece expresamente que "gozarán de respeto y protección la lengua gallega en los lugares en que habitualmente se utilice" (artículo 5.3). Este apartado coincide coa anterior reforma estatutaria de 1999 vixente, e que coidamos insuficiente para a protección legal do idioma galego que O Bierzo necesita.

1.2. O idioma galego existe n´O Bierzo, e tamén na comarca da Seabra (Zamora), dende a Idade Media, o cal ten pervivido ao longo da historia até a actualidade. Esta lingua é a propia do territorio occidental, por iso a utiliza a súa poboación e está moi presente na súa toponimia e cultura (literatura oral, música, festas, costumes, etc). Pero o apoio institucional que recibe este idioma é escaso. O galego estúdase como materia voluntaria nos centros escolares, nas etapas de infantil, primaria e secundaria. Pero o certo é que esta ensinanza en galego se executa, curso tras curso académico, con numerosos problemas e queixas da comunidade afectada, feitas moitas delas ante o Procurador do Común de Castilla e León -institución autonómica semellante ao Valedor do Pobo.

1.3. O idioma galego no noroeste peninsular ten unha continuidade territorial que sobarda a actual delimitación entre as distintas comunidades autónomas, casos de Galicia, Asturias e Castela e León. Neste sentido resulta ilóxico que os falantes dunha mesma lingua galega teñan recoñecidos dereitos lingüísticos ou non, segundo vivan en Galiza ou O Bierzo respectivamente. A non declaración de oficialidade do galego n´O Bierzo supón manter a discriminación xurídica, por tratar de xeito desigual aos falantes dunha mesma comunidade lingüística, dividida territorialmente entre Galiza, Asturias e Castela e León.

1.4. A falta de declaración de oficialidade do galego na Comunidade de Castela e León empece a súa utilización polas administraciois locais d´O Bierzo (Consello Comarcal, concellos e pedanías) e, polo tanto, dos cidadaos ante elas. Lembremos que a propia Lei de Bases do Réxime Local só permite o uso administrativo das linguas oficiais (artígo 14.2), impedindo a utilización normalizada do resto de linguas non oficiais, caso do galego n´O Bierzo na actualidade.

1.5. Por todo isto resulta de xustiza pedir un maior recoñemento legal no Estatuto de Autonomía de Castela e León. A mejor protección para o galego realizarase a través da declaración de oficialidade. Isto xa se ten feito coas linguas minoritarias doutras comunidades autónomas, nos seus propios Estatutos de Autonomía. Así acontece co eusquero en Nafarroa (artígo 9 da Lei Orgánica 13/1982, 10 de agosto) e o aranés en Catalunya (artígo 6.5 da Lei Orgánica 6/2006, 19 de julio). Estas dúas linguas non son maioritarias nas súas respectivas comunidades autónomas, tanto a nivel de estensión territorial coma de número de falantes, ao igual que o idioma galego en Castela e León, que só pervive n´O Bierzo e a comarca de Seabra.

1.6. No caso de que o acordo político para a reforma do Estatuto de Autonomía de Castela e León non acorde a declaración de oficialidade do galego, pedimos unha maior protección legal para este idioma mediante un novo artículo estatutario que inclúa o recoñecemento dos dereitos lingüísticos recollidos na Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias -ratificada polo Reino de España en 2001-. O contido desta Carta igualmente é aplicable ás linguas non oficiais, como sucede co galego de Castela e León, "España declara, aos mesmos efectos, que tamén se entenden por linguas rexionais ou minoritarias as que os Estatutos de Autonomía protexen e amparan nos territorios onde tradicionalmente se falan".


2. O RECOÑECEMENTO ESTATUTARIO D´O BIERZO.

2.1. O Bierzo é un territorio periférico, limítrofe con Galiza, coa cal comparte moitas características -xeografía, historia, lingua, cultura, tradiciois, etc- polo que ten unha idiosincrasia particular que o fai claramente diferente ao resto de comarcas da comunidade autónoma. Neste sentido o proxecto de Estatuto de Castela e León inclúe no seu Preámbulo unha referencia a esta especificidade territorial que comentamos, "reconoce la pluralidad y singularidad de sus territorios, entre los que se encuentran realidades como la Comarca de El Bierzo con una prolongada trayectoria institucional (...)".

2.2. Esta relevancia institucional d´O Bierzo é incuestionable para un territorio que dende finais do século XV se vén nominando como provincia. Proceso institucional que culminou coa creación da provincia de Vilafranca do Bierzo en 1822. Posteriormente, a reforma provincial de Javier de Burgos (1833) incorporou definitivamente este territorio á provincia de León. Na actualidade o recoñecemento institucional prodúcese a través do Consello Comarcal d´O Bierzo. Este Consello foi creado en 1991, e o seu pleno formano 37 concellos que representan a unha población de 135.000 habitantes. Resulta salientable que a categoría institucional d´O Bierzo se constata tamén por ser o único territorio de Castela e León que ten o recoñecemento xurídico de Comarca, mediante Lei 1/1991, de 14 de marzo.

2.3. O Consello Comarcal d´O Bierzo debe ter un maior recoñecemento legal e competencial para poder realizar as súas funciois. Entre éstas cabe sinalar "a política lingüística" para comezar a necesaria normalización social e administrativa do idioma galego, en colaboración con concellos e pedanías, xa que estas dúas administraciois locais carecen de medios humanos, materiais e económicos. A especificidade cultural e lingüística deste territorio periférico esixe unha maior capacidade institucional para o actual Consello Comarcal d´O Bierzo.

2.4. Por todo isto resulta axeitado pedir un maior recoñecemento institucional para O Bierzo na reforma do Estatuto de Castela e León, mediante a creación dun artículo específico. Algo semellante xa se ten feito co actual Estatut de Catalunya, onde xorde o recoñecemento de Arán como "entidade territorial singular", o que orixina "(...) unha particular proteccíón por medio dun régime xurídico especial". Cremos que O Bierzo tamén é merecedor dun tratamento legal diferenciado, por mor da súa variada caracterización territorial (histórica, orográfica, xeofuncional, lingüística, cultural, etc), no propio articulado do Estatuto de Castela e León.

Ponferrada, abril de 2007.
Tfno. 695344293.
http://www.blogoteca.com/obierzoxa
http://www.ciberirmandade.org/falaceive
http://www.falaceibe.tk

0 Comments:

Publicar un comentario

Links to this post:

Crear un enlace

<< Home