lunes, diciembre 04, 2006

PROTESTA ANTE O ESCASO RECOÑECEMENTO DO GALEGO

PROTESTA ANTE O ESCASO RECOÑECEMENTO DO GALEGO
NO ESTATUTO DE AUTONOMÍA DE CASTELA E LEÓN.
falaceibe@yahoo.es

A Asociación Cultural Fala Ceibe do Bierzo (www.falaceibe.tk) denuncia que o proxecto de Estatuto de Autonomía de Castela e León, aprobado o 29 de novembro, polas Cortes rexionais, non medrou o recoñecemento xurídico do idioma galego. Así pois mantense en dito proxecto o mesmo texto do actual Estatuto de Autonomía de 1999, "gozarán de respecto e protección a lingua galega nos lugares en que habitualmente se utilice" (novo artigo 5.3). Sen embargo, intrudúcese a seguinte novidade "o leonés será obxecto de protección específica por parte das instituciois polo seu particular valor dentro do patrimonio lingüístico da comunidade. A súa protección, uso e protección será obxecto de regulación" (artigo 5.2). Non se comprende esta distinta regulación estatutaria que se fai coas dúas linguas minoritarias de Castela e León.

¿Por qué o leonés vai ser obxecto de regulación xurídica e mailo galego non?. Os galego-falantes dAs Portelas da Alta Seabra e d´O Bierzo tamén temos todo o dereito a que se regule legalmente os noso idioma propio, para que se formalice xurídicamente a súa protección, uso e promoción. Esiximos pois unha protección igualitaria para estes dous idiomas minorizados no proxecto de Estatuto de Autonomía de Castela e León, de non o facer, teráse esta intervención política das Cortes rexionais como discriminatoria co idioma galego e coa súa comunidade lingüística. Lembremos que o propio proxecto de Estatuto recoñece, como obxectivo das políticas públicas (artigo 16.23), "a non discriminación e o respecto dos distintos colectivos étnicos, culturais e relixiosos en Castela e León, con especial atención á comunidade xitana, fomentando o entendemento mutuo e as relaciois interculturais". Polo tanto, a comunidade galego-falante, ao abeiro deste descrito apartado, paga a pena tamén a non discriminación cultural respecto a outros colectivos.

Fala Ceibe do Bierzo pretende que este proxecto de Estatuto de Autonomía de Castela e León, cando principie a tramitación nas Cortes Xerais, sexa obxecto da necesaria reforma. Neste sentido, tanto o Ministro de Administraciois Públicas, Jordi Sevilla, coma o Presidente do Senado, Javier Rojo (en Valladolid e Palencia respectivamente, o 30 de novembro), xa se amosaron favoráveis á reforma estatutaria nas Cortes Xerais. Tamén na anterior reforma do Estatuto de Autonomía, a fins de 1998, os parlamentarios do Congreso incluíron o recoñecemento do galego no proxecto de lei orgánica, mentres que no seu anterior tramitación, nas Cortes de Castela e León, negáronnos tal recoñecemento. Por iso confiamos de novo en que a maior pluralidade política, presente nas Cortes Xerais, servirá para debater máis profundamente sobre a pluralidade lingüística de Castela e León, e a necesidade dun mallor recoñecemento xurídico desta diversidade cultural no Estatuto de Autonomía.

Cando se inicie a tramitación parlamentaria do proxecto de Estatuto de Autonomía de Castela e León nas Cortes Xerais, Fala Ceibe do Bierzo contactará cos partidos políticos presentes nestas Cámaras (PP; PSOE, BNG, IU, ERC, CHUNTA aragonesista e demáis) para informarlles axeitadamente da peculiar problemática cultural da comunidade lingüística galego-falante d´O Bierzo e As Portelas de Seabra. Pretendemos que os partidos reformen o actual proxecto de Estatuto de Autonomía para evitar a xerarquización entre os idiomas da Comunidade Autónoma e calquera discriminación lingüística. E a mellor forma de protexer o noso idioma galego é a través da declaración de oficialidade no comentado Estatuto de Autonomía, da mesma maneira que xa se fixo con outros idiomas minoritarios, casos do éusquero na Comunidade Foral de Nafarroa e mailo aranés no Estatut de Catalunya.

Ponferrada, decembro de 2006.

Xabier Lago Mestre, Pte de Fala Ceibe do Bierzo

http://www.blogoteca.com/obierzoxa
http://www.ciberirmandade.org/falaceive
http://www.falaceibe.tk
http://bergidense.blogspot.com

2 Comments:

Anonymous Anónimo said...

defendendo o galego do Bierzo por enriba dos políticos de castela e León que nos asoballan a cotío.

4:55 a. m.  
Anonymous Anónimo said...

ben polo acordo entre o partido do Bierzo e os partidos nacionalistas durante a xuntanza que tivo lugar en Compostela esta pasada fin de semana. Así avanzamos...

3:49 a. m.  

Publicar un comentario

<< Home