jueves, julio 22, 2010

ANDAINA POR DRAGONTE E MORAL DE VALCARCE.


ANDAINA POR DRAGONTE E MORAL DE VALCARCE,
Por Xabier Lago Mestre, do colectivo Fala Ceibe do Bierzo.



O tren rexional a Galiza agarda na deserta estación de Ponferrada. Partimos por fin ás sete da mañá, veloces pasamos polos apeadeiros de Devesas, Posada e Viladepaos. Ao pouco tempo chegamos a Toural dos Vaos, somos os únicos que baixamos. Nas súas rúas hai restos da festa, en honra do seu patrón S. Cristobal, voces da mocidade bebedoira e da música alta dos baretos. Pero non temos tempo para desfrutala porque queda moito percorrido. Por diante atopamos a fábrica de Cosmos que ya non parece botar aqueles polvos que cubrían toda a vila.


Á saída de Toural xorden os topónimos As Peneliñas e A Poula, de clara referencia de galega-berciana. Consultamos mapas e sinais e chega a confusión. Xorden Parandones e Perandones. Quizais esa señora nos poida clarexar este tema lingüístico. ¿Cómo se chama este pobo?... preguntamos. Respostando ela que “pois como pon o sinal de máis adiante”. Semella claro que a oficialidade das institucióis marca a diferencia lingüística nesta contorna. Por certo, o sinal de tráfico menciona Parandones, nada de Parandois, que resulta moi paleto.


Outra sinal indica Otero, ¿Outeiro?, nun desvío á esquerda, arrodeado de viñas. Xa entramos no silente Perandois. Nun poste xorde unha convocatoria do concello. As xuntas veciñais aínda conservan o seu dereito consuetudiarnio. Nas viñas atopamos a labregos sulfatando en prevención de posibles enfermedades. Baixamos a Vilela pero non entramos nel, atopamos unha placa aferruxada que pon “calle corredoira”, polo menos se mantén a denominación en galego, agardemos que por moito tempo máis. A dita corredoira era un camín carretal que lindaba cos diversos leiros, agora abandonados ou estragados ante o polígono industrial.


Vilela, durante a Idade Media, dependía do mosteiro de Samos. Así, nun documento do rei Juan I, datado no 1380, ordénase aos nobres que marchen dos coutos de Vilela, Vila de Paos, Valcarce, Quiroga e demáis, despois do pedimento de Samos ante as Cortes de Soria dese ano. Esta relación señorial con Galiza puido favorecer o mantemento do seu nome galego, fronte á castelanización da cercana Vilafranca do Bierzo.


Tomamos o desvío para Horta, onde nos reciben os cans. Cruzamos o río Burbia pola ponte, e principiamos a suba de Corullón, soutos a esqueda agatuñan a montaña. A tentación da andaina pinta en colorado polas tentadoiras cereixas, qué dozes e ricas que están!. Atravesamos a vila pola rúa do Barco. Xa sabemos, daquela, da presenza de moitos valdeorreses por mor das feiras de Vilafranca. Ante a Casa do Concello, aproveitamos a ocasión para deixar cartas vindicativas para os dous partidos estatais. Dende o seu balcón, a bandeira do Bierzo ondea polo vento para dicirmos deica outra.


Saíndo, a igrexa de S. Miguel, que recorda tanto o románico galego, ben merece a nosa foto dixital. Abaixo, a veiga do Burbia está ben aproveitada, con sucesivos e ordenados hortos. Avanzamos polo casarío de S. Xoán, cuxo regato fai de líndeiro co concello veciño de Vilafranca. A vila do marquesado está a tiro de pedra pero, por desgraza, só temos a súa femosa vista, porque principiamos a dura costa cara a Dragonte, a 5 quilómetros. Mentres agatuñamos a montaña, lembramos a forma de subir e baixar estas costas con carros de bois. No primeiro caso, poñendo dous parellas de bois diante (chamábase acuartar), no caso contrario, cando se poñen os animais por detrás, para frear o descenso (recuarta). Eiquí enriba, o Cerro de anguía, e despois o Chao de Castro. No fondo do val, o regato S. Xoán, enfronte, na ladeira oposta, vemos a corredoira cara a Vilagroi. Dende logo, vaia traballo comunal dos concellos, mediante facendeira, para construir estes camiños carretais. Á dereita, viñas, a máis de 900 metros de altitude, no lado oposto, soutos ben coidados.


Chegamos a Dragonte que anda de festas en honra da Virxe do Carmen (16 de xullo). Comentamos que esta aldea pertencía á Colexiata de Vilafranca. O seu casarío abraia porque os novos respectan a arquitectura tradicional. Mentres facemos fotos, escoitamos falar en francés. Dende logo, os seus emigrantes non esquecen a súa orixe berciana. No medio da aldea, unha fonte de fresca auga e adornada con floridos xeranios, o mellor descanso para o fatigoso corpo. Vemos unha placa adicada a Apolinar Gómez Silva, por facer a estrada ata Vilafranca. Máis adiante, cando saímos de Dragonte, entendemos a importancia da estrada, agora camiñamos sobre a terra da corredoira. Paseniño avanzamos enchendo a vista cos topónimos, O Souto Novo, Rego do Lameiro, O Millo, O Cruceiro, Val de S. Pedro… mentres arrodemaos A Coroa, onde quizais haxa un castro debaixo dos séculos.

Por fin saltamos de val, xa vemos o propio do regueiro Moral. Por mor disto, lembramos as verbas do cura de Moral, Francisco Antonio González, en agosto de 1771, que dicía que “todos estos ríos no tienen más nombre que les dan los lugares por donde pasan (…)”. En referencia á capacidade que tiña cadanseu concello para determinar o seu espazo toponímico. Que fermosura de vistas!. Dende o alto, fotos para a panorámica xeral, con Moral en primeiro plano, e detrás Vilar de Corrais, máis aló Soutoparada. A nosa corredoira continúa en O Portelo para Cadafresnas, Corrais, Penacaira, Mosteiros… pero tomamos o desvío, en baixada, para o val de Moral.


Esta zona berciana tivo unha especificidade eclesiástica. Referímonos a que a meirande parte dos pobos pertenceron ao Bispado de Lugo, mentres que Trabadelo, Soutoparada e Parada de Souto dependían do Arzobispado de Santiago. O concordato de 1953 posibilitou a cesión destas parroquias de Lugo para o Bispado de Astorga, concretado no Decreto de 5 de agosto de 1955. Así perdimos outro vincallo con Galiza.


Deixamos os recordos históricos para seguir baixando paseniño cara ao leito do río. As Rozadas representan o traballo comunal no aproveitamento do monte. A Rucha, Regueiral, O Lameirón, A Labiada, Os Chaos… son testemuños da conquista do terrádego polas aldeas do val. En cada recodo da estrada rural atopamos valiñas, onde caen regatos entre soutos ou pradoiros. Chegamos a Parada de Souto. Curiosamente seu sinal de tráfico está castelanizada, pero totalmente arrodeada de castiñeiros ¿por qué será?. O pobo está en pleno souto, cheo de árbores centenarias e restos de grandes troncos queimados. No barrio de abaixo xorde un potro de madeira para a ferraxe dos animais. Máis adiante outra obra comunal, trátase dunha verea moi pendente, labrada entre afiadas lousas, que só poderían agatuñar as persoas e as mellores cabalerías.


Na chamada Ribeira únense as estradas que avanzan polas dúas ladeiras opostas do val, a que vén de Vilar de Corrais e Soutoparada, e que percorremos dende hai quilómetros, de Moral e Parada de Souto. Vemos na ladeira oposta A Bouza, terreo destinado ao aproveitamento comunal do monte, e a Rebordela, no alto está o Pico do Arandal, a Campa do Pereito e O Teso. Xa ben abrigados pola sombra da chopeira, o val ábrese para recibir o Valcarce e Trabadelo.


Trabadelo ben merece unha parada, como a que facían os seitadores lugueses que ían camiño dos campos de Castela. Seitadores que logo remataban o seu outro treito en Ponferrada ou Molinaseca. Dende Trabadelo sae unha estrada cara a Pradela e unha corredoira para Paradela. Nosoutros non temos tempo para máis. Despois do acougo seguimos á procura de Perexe. Mentres camiñamos vemos, pola nosa dereita, as feridas de formigón e ferro na serra da Escrita por mor da autoestrada á Coruña. Tamén lemos continuos lemas galegueiros, “O Bierzo sen León”, “O Bierzo galego” e demais pintados no murelo que protexe os peregrinos dos perigos da vella estrada nacional VI, e nas columnas que sosteñen a autoestrada.


Perexe xa está aquí, con sinais de tráfico que loitan pola denominación definitiva, pintadas e repintadas en galego e mailo castelán. Este pobo foi dependente do hospital do Cebreiro. Os peregrinos que suben desexan falar… “¿que, de volta?”, outros “¿canto queda para A Veiga de Valcarce?”. Xa estamos moi cansos de tanta andaina, os nosos pés xa gritan de dor, non aturan máis. Polo lento camiñar non damos chegado á capital do marquesado. Por fin, ábrese o Valcarce, para casar co río Burbia, e nosotros ben que o agradecemos. Uns pasos máis ata a fonte de auga fresca, debaixo de San Nicolás. A descansarrr… desfrrrutando de Vilafranca, e despois á Pedreira, para coller o bus de Ponferrada. Que por hoxe xa está ben!.


O Bierzo, xullo de 2010.
www.obierzoceibe.blogspot.com
http://www.blogoteca.com/obierzoxa




Etiquetas: , , , , , ,

0 Comments:

Publicar un comentario

Links to this post:

Crear un enlace

<< Home