miércoles, enero 21, 2015

ESTUDA GALEGO E PORTUGUÉS NA EOI DE PONFERRADA.


Estuda galego e portugués na Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada.
Matricúlate!

A EOI de Ponferrada fai un chamamento a novos alumnos e alumnas para que se inscriban no mes de febreiro no primeiro curso de galego e portugués, para non ser excluídos novamente ambos cursos o ano próximo.

Non pensan os nosos benqueridos gobernantes que se se cargan o primeiro curso automaticamente poñen en perigo os cursos futuros e o estudo da propia lingua no centro de ensino?

Denuncias a través do alumnado da escola, asociacións bercianas e plataformas galegas, manifestacións contrarias á supresión por parte de docentes, centros de ensino e xente solidaria, artigos de denuncia, mesmo unha carta no mesmísimo parlamento galego sobre a cuestión, parece non ser suficiente respaldo para garantir o estudo do galego e portugués nos centros de ensino público do Bierzo.


Unha vulneración de dereitos que non atende as oportunidades do territorio. O Bierzo está nunha situación inmellorable que lle permite nutrirse da fala galega, conferíndolle unha situación de vantaxe, alicerzada por unha historia, fala propia e identidade de seu.

As voces caladas / As voces silenciadas

O baliñas, o barburiña, o balseiro, o boteiro, o bullo, o cabezadeunto, a cagalleira, o calexo, a caraqueimada, a carqueixa, o faragullas, o galocheiro, o ninguén, a papuxa, a pixeta, o pombas, a truita, o viarolo, o xancarallán, o xota e mais o zambalúas, sen estudar galego na escola quedarán sen alcume, non serán chamados.

Chau, crucéin, escuitar, fiandón, montois, múito, viche, vrau, xurdeira, zarapallán, sen estudar galego na escola, serán palabras sen significado.


Frei Martiño Sarmiento,  Francisco Antonio Mende Novoa, Francisco de Llanos y Ovalle, José Bálgoma Suárez,Isidoro Andrés Ovalle, Antonio Fernández y Morales e moitos outros, sen estudar galego na escola, non serán lidos.

Será que os bercianos e bercianas non teñen dereito a estudar galego e portugués na Escola Oficial de Idiomas en Ponferrada?

Súmate ao galego e portugués no Bierzo.
Matricúlate!

http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es