miércoles, febrero 11, 2015

FESTAS DE FEBREIRO NA REXIÓN BERCIANA


FESTAS DE FEBREIRO NA REXIÓN DO BIERZO, 

por Xabier Lago Mestre.
falaceibe@yahoo.es

FESTA DAS CANDELAS OU CANDEAS.

O mes de febreiro comeza con dúas festas de moita sona que parten moi xuntiñas. As Candelas ou Candeloria o día 2 e San Brais o 3. As Candelas no Bierzo celébranse nos pobos de Campo, en Ponferrada, con procesión ata a ermida. Tamén en Toreno, Campelo, Canedo, Sésamo, Vilaverde dos Cestos, Hervededo, Corullón, Priaranza, Lillo do Bierzo, Naraiola, Suertes de Ancares, Sortes de Ancares, Burbia,Viloria, etc. No caso de Burbia celebran a festa das Fachizas. Trátase de longas antorchas de varios metros que acenden na noite e moven facendo figuras luminosas de moito interese estético.

En Cacabelos celebran esta festa tan popular no santuario das Angustias. No seu recinto bendícense os pans con diversas formas  e que teñen sona de durar moito tempo en bo estado. Os fieis entran na igrexa cos velas acendidas en sinal de purificación.  Lembramos neste punto que as mulleres recén paridas non podían ir a misa durante un período de 40 días ata conseguir su purificación interior. Tras ese tempo volvían á igrexa cunha vela acendida como símbolo de purificación acadada.

LITERATURA ORAL BERCIANA SOBRE AS CANDEAS.
  
O refraneiro berciano nos acorda: “Anque a Candelaria (2 de febreiro) chore, que deixe de chorar, a metade de inverno está por pasar”, “Vimos das Candelas e imos para o San Blas (3 de febrero), aproveitaros mociñas que festiñas non hai máis” (en Cuaresma non hai festas), "Cando a Candeloria ri o inverno vén aí, cando a Candeloria chora o inverno xa vai fóra, e anque ría ou anque chove, aínda quedan corenta días de mala sona". "Polas Candeas, quel chores, quel deixes de chorar, medio inverno fóra". E por último, "xunto ao santo que non suda, sancristan que estornuda" en referencia aos nosos santos de inverno.



FESTA DE SAN BRAIS-BLAS NO BIERZO.

San Brais é o protetor da gorxa, enfermidade destes tempos de invernía, por iso os seus fieis lle levan caramelos e doces para que os bendiga como sanadores. Salientamos como pobos festeiros os de Carucedo, Fabeiro con procesión incluída, Vilaverde da Abadía, Biobra en Valdeorras, na ermida de Cerezal de Tremor, Oteiro de Naraguantes, S. Pedro de Paradela e demais. En Vilafranca, no barrio do Castelo, hai fogueira e fan chourizada e panceta, a música parte da Escola de Gaitas. No caso do pobo de Campo de Ponferrada celebran as dúas festividades, Candeas e San Brais, de xeito sucesivo con dúas procesiois dende a ermida á igrexa. 

REFRANEIRO BERCIANO DO SANTIÑO BRAIS.

Como refraneiro berciano de San Brais temos: "por S. Brais unha hora máis", "por  S. Brais os teus allos sementarás", "por S. Brais a cigoña verás", "Mociños a S. Brais que festas non veñen máis" (pola cercanía da Semana Santa), "Polo s. Brais (3 de febreiro), hora e media máis" (por Manuel Rodríguez y Rodríguez). Ademais o dito "que san Brais te libre do mal da gorxa e de todo mal". Outra máis, "Cando como o repolo, as espiñas se me atrancan. A miña mai sempre me di: San Blas bendito te valga". benvido sexa o noso santo da gorxa!.

OUTRAS FESTAS DO MES DE FEBREIRO.

Santa Apolonia (8 de febreiro) en Igueña e S. Pedro Castañero.  Santa Dorotea (5 de febreiro) en Campo de Martín Moro el Toledano. . Na festa das Águedas (5 de febreiro) as mulleres toman o goberno colectivo nalgúns pobos.  A igrexa católico intenta revitalizar esta festa invocando as bondades de Santa Agueda nas enfermidades femininas coma o cancro de peitos.  En Ponferrada hai misas ese día na igrexa de San Andrés en honra da Águeda. 

Na comarca de Valdeorras temos San Francisco Blanco (5 de febreiro) en Outarelo de Valdeorras. A esta romaría acudían moitos dos seus devotos para remediar as dores de cabeza. A xente mercaba roscas doces que pasaban por diante do santo para curar males  físicos e psíquicos. Acudían devotos de moitos pobos da contorna, incluso no Barco pechaban os comercios ao medio día para acudir á citada romaría. Segundo nos contan, nos pradoiros ao redor da igrexa ateigábanse de romeiros que daban boa conta dos xantares e merendas. Tampouco faltaba a pulpeira de turno.  



O VARIADO ENTROIDO BERCIANO.

    No século XXI destacan os carnavais nas vilas, casos de Ponferrada, Vilafranca, Fabeiro, Bembibre, Cacabelos, Camponaraia, A Veiga de Espiñareda, Carracedelo, Toural dos Vaos, O Barco de Valdeorras, etc. Nestas vilas hai grandes e populosos desfiles, tanto  de neniñas coma de mozos e mozas, con grandes premios para comparsas, mellores traxes e carrozas. Curiosidades do entroido berciano son: o sábado de Piñata, despois do mércores relixioso de cinza, onde continúa a festa carnavalesca, e maila Tarasca, máscara fea que dá medo aos pequerechos. O martes de entroido é o derradeiro día en que se come botelo, porque despois chega a Cuaresma coa abstinencia das carnes.

OS ENTROIDO NOS ANCARES.

Mais nos pobos é onde estiveron os vellos entroidos. O antroido de Ancares era costume facer brincadeiras (bromas), así facían a mula cun disfrace que corría polos calexos e daba patadas aos viciños. Incluso os mozos e mozas podían ir ata pobos viciños, Sortes, Espiñareda ou Sorbeira para compartilo carnaval (J.R. Fernández González, Etnografía del Valle de Ancares, 1978). En Burbia tamén estaban os chamados Maranfallos vestidos de roupas vellas. Pola outra banda, en Moreda tiña lugar o desfile dos chamados Maragatos con refaixos de mulleres de la, con cada perna dunha cor. Ademais levaban caretas de cartón e perseguían ás mozas. Neste pobo había dous personaxes, A Frasca con cencerros que ciscaba cinza e A Xoroba con apéndice de palla. O chamado Domingo do Galo había pedimento de agasallos polas casas e corríase un galo polo rueiro. Coas viandas e cartos recollidos, ademais do galo, facíase o xantar comunal. En Suertes-Sortes disfrázanse de mula e vaca dous mozos que perseguen aos viciños e danlles cun mazo. 

Traemos eiquí un texto que recolle correlo entroido nos Ancares bercianos. "Alguis andaban armados con paus ou xostras e, como se de visiois se tratara, presentábanse onde un nun intre e comenzaban a repartir estacazos por entre mediasda xente (...)". Ademais recollemos outra referencia ao costume de botar lume polas ladeiras, "Unhos despregábanse polo abesedo casfrachas encesas, e outros, provistos con potes e cestos cheos de puxa, subían ladeira arriba e botábanos ardendo, deixando no sou rinchar un rastro de moxenas ó xeito dunha estera de meteorito (...)" (tomado de Aquilino Poncelas, O mestro púxose louco, 1995). Ademais, en San Pedro de Olleros había tres máscaras: a vaca, o touro e a mula que paseaban polo rueiro do pobo, coma homenaxe aos nosos animais.



OUTROS ENTROIDOS NA MONTAÑA BERCIANA.

No pobo da Baña na Cabreira tiñan máscaras con cara de cervo.  E en Igueña vestíanse con cara de maruxo ou maruxa. Mentres que a vaca foira xurdía en Noceda acompañadas dos Zarramacos vestidos con roupas vellas e percorrían o rueiro pedindo cartos polas casas (Joaquín Alonso González, "Bestiario popular: fantasía y creencia sobre los animales enla comarca del Bierzos", rvta. Studia Zamorensia, 1997). En Losada os mozos mollan ás mozas con auga con xeringas de salqueiro. Pola banda de Pobladura de las Regueras, unha moza vístese de home e un mozo de embarazada, en clara desputa entre sexos. En Robledo de Traviesas os disfrazados van polos pobos da contorna (Berciego, Trasmundo, Vilaverde e Vilar de Traviesas). En Palacios de Compludo os mozos botan fariña e auga ás mozas. Mentres en Salientes un mozo disfrázase de pastor en representación graciosa. Noutros pobos mineiros non falta o disfraz de mineiros tiznados de negro.

O ENTROIDO RURAL DE OENCIA.

En Oencia fórmanse grupos de Carantoños que teñen o chamado Requito ou xorobado cun saco de pele de cabra recheo de lá ou palla por xoroba. Os carantoños tralo baile coas mozas perseguen aos non disfrazados, acoso que só para cando toca a gaita. Tamén existía a Pellica de pele de coello rechea de trapos para pegar á xente. Os días máis festivaleiros eran o domingo e martes de entroido. Os xoves os mozos visten roupas vellas e fain ruído toda a noite. Preside o percorrido un neniño ou neniña vestido de branco que espanta os espiritos malignos e as ánimas. Ao final había cea con degustación dos produtos do gocho doados, licores  e viño. Remataban a cantar "come coiro, que se acaba o antroido". Ademais erguían o chamado Pau de antroido cun moneco que logo queimaban  (Javier Lerarte, Las peregrinas cosas del camino. Historias, leyendas y curiosidades del Camino de Santiago. 1999).  En Lusío elevábase un mástil na praza cun moneco de palla no alto que representaba unha persoa vella. A noite de carnaval préndese ese moneco para rematar co vello.

O antroido en Sobrado consistía na batalla das fachas (o martes). Os casados representan o Ben mentres que os mozos representan o Mal. Os casados portan xostras de encino acendidos e mailos mozos solteiros cos seus fachos de palla. Hai xostradas mútuas para apagar aos contrarios e gañarlles. Tamén había un árbitro que pon orde e castigos aos infratores. A contenda ten lugar no barrio da Veiga, o martes de carnaval ás 16 horas, e trala liorta hai xantar de tódolos combatentes que pagan os perdedores. No entroido en Vilarrubín izaban o Pau do Meco, viga cun moneco revestido de farrapos e colgado polo colo. O pau quedaba exposto durante 10 días ata o martes de entroido, os trtatantes de madeira facían propostas de compra do alto pau. Coa súa venda pagábase ao gaiteiro e mailo xantar popular. O meco baixábase e queimábase o martes. Para máis información ver Manuel Rodríguez e Rodríguez, Etnografía y folklore del Bierzo Oeste- Suroeste.    

TRADICIÓN ORAL SOBRE O ENTROIDO BERCIANO.

Temos este refrán "Entroido ao sol, Pascua ao tizón" (Se fai calor no entroido haberá friaxe na Pascua). Ademais desta canción de Quintela de Oencia, "Ei vén, ei vén, ei vén o carnaval, tan bonito como era, e deixárono escapar" (Xosé Lois Foxo, Cancioneiro de Oencia e contorna, 2013).



FESTAS GASTRONÓMICAS DE FEBREIRO.

Salientamos como festas gastronómicas deste mes o Botillo de Bembibre. No entroido hai numerosos pobos que festexan xantares populares, caso da festa do cabrito en Vilalino de Conso. En bisbarras viciñas máis lonxanas temos Navia de Suarna coa festa da Androlla e Vilanova de Trives coa do chourizo. Os pobos rematan cos derradeiros embutidos porque logo comeza a abstinencia prepcetiva propia da Coresma católica.

OUTROS ENTROIDOS DE BISBARRAS VICIÑAS.
Aproveitamos para facer unha pequena homenaxe ao entroido da Galiza. Destacan os Boteiros e foliós con bombos de Viana do Bolo nos sucesivos dias da colga do Lardeiro (moneco masculino), xoves de compadres, colga da Lardeira (moneco feminino), xoves de comadres, domingo gordo, luns dos nenos, e martes de fariña presididos polos chamados boteiros. En Vilariño de Conso ten os xoves de comadres e compadres, nos cales fabrican os monecos do Lardeiro e Lardeira respectivamente. Estes monecos representan os sexos contrarios e son amosados de xeito burlesco polo rueiro. O martes de entroido hai xantar popular do cabrito e despois se queiman os ditos Lardeiro e Lardeira. E podemos seguir baixando para A Gudiña, Riós co seu Vellarrón e Madama. Os cigarrón en Verín coas súas máscaras cos debuxos de lobos e zorros. Para ver os peliqueiros hai que viaxar a Laza. Tamén hai entroidos tradicionais cos seus Folios en Rubiá, Manzaneda, Pobra de Trives e na Ribeira Sacra.



Non podemos pasar por alto nesta homenaxe ao entroido do noroeste peninsular  os carnavais de Zamora. Entre eles o Tafarrón de Pozuelo de Tábara, A Visparra de San Martín de Castañeda, O Zangarron de Sanzoles, A Filandorra de Ferreras de Arriba, O Zangarrón de Montamarta, Os carochos de Riofrío de Aliste, Os Diablos de Sarracín de Aliste, A Obisparra de Pobladura de Aliste, A vaca bayona de Almeida de Sayago, Os cencerrones de Abejera, etc. 



  Máis ao sul temos Portugal cos Carochos de Costantin, Chocalheiros de Bemposta, Belho de Valle do Porco, Diabos de Vinhais, festo dos rapazes de Aveleda, Caretosde Podence e o entroido de Macedo de Cavaleiros.

O Bierzo, febreiro de 2015.

http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es