NOVO DÍA DA LINGUA GALEGA NO BIERZO 2022.
NOVO DÍA DA
LINGUA GALEGA NO BIERZO.
Por Javier Lago
Mestre.
Cada 9 de marzo
celebramos o Día da nosa lingua galega no Bierzo. Dita data concorda co
nacemento de frei Martín Samiento en 1795, persoeiro tan vencellado coa nosa
rexión. Hogano, ademais ten lugar o 250 aniversario do seu pasamento en 1772.
Este erudito relixioso dignificou o noso idioma e defendeu o seu ensino entre a
mocidade.
Por suposto, aproveitamos esta data
tan sinalada para reivindicar un maior apoio para a nosa lingua galega no Bierzo.
Restan colexios do ocidente rexional que non ofertan este idioma de xeito
voluntario, as administraciois locais seguen sen usar o galego, os medios de
comunicación non permiten este idioma, etc. E as vindeiras Cortes de Castela e
León deberían elaborar unha Lei de linguas minorizadas para a protección do
leonés, galego e eusquera de Trebiño.
Pola outra banda, o Instituto de
Estudios Bercianos está a recompilar o patrimonio inmaterial dos chamados amplos
Ancares bercianos que abrangue os concellos de Vilafranca, Candín e Peranzais.
Esta iniciativa trata de recoller caracteres culturais tais coma danzas,
romarías, magostos, entroidos, cancioneiros, formas alimentares, artes
populares, técnicas constructivas, artesanato, relixiosidade, ordenación territorial,
literatura oral, etc. Sería de interese ter en conta o dereito consuetudinario
(normas comunitarias rurais) coma concellos, veceiras de gando, morteiras,
facendeiras, searas, agras, montes comunais, etc.
Non podemos pasar por alto que esta
comentada ampla cultura rural está inserida nun complexo idiomático que non
pode ser esquecido. A lingua galega está moi presente nesta zona. Queremos dicir que esta cultura inmaterial se
desenvolove históricamente através do noso idioma galego. Arrincar determinados
aspectos culturais galegobercianos para potencialos hoxe dentro da cultura
castelá non parece un acerto, senón todo o contrario, unha clara
aculturización.
A campaña Bierzo Inmaterial non
semella un bo comezo. Esta novidade racha coa nosa toponimia tradicional, El
Bierzo/O Bierzo. Vemos o mal principio co exemplo do Instituto de Estudios
Bercianos que ignora o noso artigo determinado. Isto é respeito pola toponimia
berciana?. Semella máis unha nova castelanización. Nula sensibilidade polo
bilingüismo rexional. Moito dubidamos que coa nova investigación poidamos ver a
recuperación dos outros topónimos (Teixeo, A Somoza, Vilarbón, Veigueliña,
Vilar de Aceiro, etc).
Agardamos que a futura plataforma
dixital que se anuncia polo IEB chegará a recoñecer que se fala galego aínda.
Non se pode despoxar do idioma galego tradicional a este territorio periférico
e aos seus falantes. Tampouco se debe minimizar esta importancia lingüística
con devaluadas denominaciois (chapurreao, berciano, galegoleonés, fala ancaresa,
etc).
Intentan os investigadores revalorizar O
Bierzo inmaterial mais non se pode agochar a presenza da lingua galega que
vencella todo ese patrimonio cultural. Por iso agardamos que sexan capaces de
reestructurar o seu traballo pescudador. Porque a proteción dunha lingua é algo
máis que recompilar un léxico tradicional ou toponímico, hai tamén formas
gramáticais, morfosintaxe, fonética, sociolingüística, etc. Oxalá estes breves
apuntamentos eviten unha nova descontextualización cultural propia das
dinámicas antibilingües.
O Bierzo marzo
de 2022.
0 Comments:
Publicar un comentario
<< Home