sábado, noviembre 21, 2009

REFRANEIRO LABREGO DA REXIÓN BERCIANA (2ª PARTE)


REFRANEIRO LABREGO DA REXIÓN BERCIANA (2ª PARTE),

por Xabier Lago Mestre, colectivo Fala Ceibe do Bierzo.


REFRANEIRO DO MES DE ABRIL:
“En abril augas mil, pero que caiban todas nun barril” (pola xusta caída de augas).
“Se queres ovellas mil, rapa en abril; se queres ovellas catro, rapa en marzo”.
“Cando entra o sol en Aries, crecen os días e múdanse os aires”.
“En abril augas mil” (O Bierzo é un país moi chuvioso).
“Choiva para vos todo o ano, e para min en abril e maio” (malos desexos para os demais).
“Entroido o sol, Pascua o tizón”.
“Se queres ter bon millo, por San Marcos (28 de abril) nin nacido nin no saco.
“Mañás de abril, deixa de máis durmir” (polas mañás de moita chuvia).
“Se o cuco canta o vinte de abril, é que está enfermo ou vai morrer”.
“Pascuas marcíais, fames e mortandades”.


REFRAIS DO MES DE MAIO:
“Corre maio polo pan, e detrás vén S. Xoán, e detrás Santa Mariña para segar a gabeliña”
“Polo San Matías (14 de maio), igualan as noites cos días”.
“En maio quima a vella o tallo” (tronco de partir leña).
“Pascuas marcíais, famentas ou mortais”.
“Chova en maio, anque non chova en todo o ano”.
“Maio granaio, xuño segaio e xullo maiaio” (referencias mensuais ao gran, á sega e á maia).


REFRAIS DE XUÑO.
“En San Xoán as dez con día dan” (porque escurece máis tarde).
“Augas de San Xoán (24 de xuño), quitan viño e non dan pan”.
“San Antoño (13 de xuño), San Antoñin, garda o nos rebañín”.
“Ata san Antón, Pascuas son”
“Por S. Xoán (24 de xuño) a sardiña molla o pan” (pola abundancia deste peixe na alimentación).


REFRAIS DO MES DE XULLO.
“Por Santiago (25 de xullo) pinta o vago” (porque xa hai froitos maduros).
“Por Santiago fai o segado, para ti e para o gando”.


REFRANEIRO DO MES DE AGOSTO.
“Se non chove en agosto, non hai magosto” (as choivas boas para os castiñeiros).
“Agosto fina o rostro”.
“Por Santa Mariña (14 de agosto) vai ver a túa viña, e se mal a atopas, mal a vendimarás”.
“En agosto secan os montes e en setembro secan as fontes”.
“Por San Lorenzo (10 de agosto) recóllese o orégano para que non arda a casa”.
“Por San Bartolo (24 de agosto) planta o repolo”.
“O que non mallou que mallara, que agosto xa pasou, auga para os nabos”.


REFRAIS DO MES DE SETEMBRO:
“Pasada la Encina (8 de setembro), o inverso xa está enriba”.
“San Miguel (29 de setembro), ponme a alma no peso do ben”.
“En setembro, sembra e cobre”.


REFRAIS BERCIANOS DO MES DE OUTUBRO:
“Por San Simón (28 de outubro) quita os bois do timón”.
“Xa chega san Simón co seu varalón (vento forte)”.
“Polo San Lucas (18 de outubro) mata o teu porco e baña a túa cuba”.
“Hasme vir á cava, e einche dar da barbada (parte do cerdo)”


REFRAIS DO MES DE NOVEMBRO:
“O mes de novembro é o mes de tres irmaus: mocos, tos e friu nas maos”.
“Polos Santos, neve nos altos e por S. Andrés (30 de novembro) na porta a verás” (primeiro a neve chega ás montañas e logo baixa de altitude ata os pobos).
“Se queres fino allo, seméntao por San Martiño (11 de novembro)”.
“Por San Andrés corderiños tres”.
“Por San Andrés, o viño novo feito é” (chegada do viño).
“Polo San Martiño (11 de novembro) faise o magosto con castañas asadas e viño ou mosto”.
“Ben boa vida pasa o porco e máis dorme no cortello”.
“O que non mata porquín non ten lacón nin toucín”.
“Alegría, alégrote que anda o rabo da porca no pote”.
“Polo San Andrés (30 de novembro) mata o teu porco como o teis”.


REFRANEIRO BERCIANO DE DECEMBRO.
“Santa Lucía (13 de decembro) saca da noite e mete no día”.
“Pola Santa Lucía mengua a noite e crece o día”.
“Teme máis á veciña, cá neve macelina”.

BIBLIOGRAFÍA.
Manuel Gutiérrez Tuñón: “Refranes galaico bercianos”, en Estudios Bercianos, IEB, 1990.
Santiago Castelao Diñeiro: Refraneiro berciano, Lancia, 1991.
Dieguez Ayerbe: Etnografía y folklore de las comarcas leonesas. El Bierzo. 1884.
Manuel Rodríguez y Rodríguez: Etnografía y folklore del Bierzo Oeste-Suroeste.


O Bierzo, novembro de 2009.

http://www.blogoteca.com/obierzoxa
http://www.ciberirmandade.org/falaceive


0 Comments:

Publicar un comentario

Links to this post:

Crear un enlace

<< Home