O GALEGO DO BIERZO (IV) POR MARCELINO TABOADA.
O GALEGO NO BIERZO (IV)
por Marcelino Taboada.
Xa nunha área máis restrinxida e
específica, precisamente a que se vencella cun recanto máis ben cativo do eido
no que se conforma o galego oriental, cómpre debullar unha reflexión sobre as
condicións actuais nas que se atopan as variantes dialectais estremeiras,
irredentas e a súa problemática peculiar (nos territorios do Bierzo, Eo-Navia e
As Portelas). De feito, polo que respecta aos atrancos engadidos e de tipo
administrativo-burocrático, o conto a relatar é bastante diferente do da
Galicia estrita, nomeadamente complicado e singular, adobado supletoriamente
cuns apuntamentos non tendentes a encoraxar nin inducir carraxe a ninguén,
certamente: a presenza dunha conxuntura de carencias múltiples ‒ben sexa o obstáculo insuperable de
non poder obter o recoñecemento dunha cooficialide da lingua minorizada en
cuestión, ou a escaseza de textos que se refiran á realidade próxima, ou ben a
case inexistencia de publicacións e producións literarias ou de cariz cultural
sobranceiro, ou...‒ constitúese nun lastre difícil de contrarrestar, ao mesmo
tempo que un condicionante que é merecente de ser obxecto dunha consideración
preferente. Reincidindo, pois, neste apartado de imponderables a salvar
imaxinativamente, resulta conveniente salientar a deriva nociva ata niveis
desprezables das subvencións a conceder aos colectivos locais (que faise
patente coma unha nota estrutural permanente, que provoca a cotío un sentimento
de desacougo e unha invitación á indolencia e á preguiza). Esta falla de fornecemento
material ‒no seo das inexistentes aportacións públicas e tendo en conta a
omisión que esta actitude comporta no exercicio das súas atribucións (polo que
concirne ao desempeño das súas funcións obrigatorias polos xestores dos
organismos competentes)‒ xera unha parálese parcial, agochada, aínda que se
tente disimular con xestos altisonantes para a galería. Esta estratexia vai
ligada a un concepto preexistente e de pretensións elitistas, cuxa
xustificación redúcese á súa intervención en datas sinaladas e xornadas
conmemorativas e a subliñar, preceptivamente. Por outra banda, a fixación
obsesiva ‒e case exclusiva no dominio do ensino‒ converteuse, dende hai anos e
respecto ao que se poida lembrar cunha certa exactitude, nalgo semellante a un
troco de parabéns entre as autoridades presentes nos magnos convites. Ademais,
ao longo da dilatada traxectoria recente, este procedr serve a xeito de escusa
para non realizar outras tarefas nun senso máis inclusivo e extensivo. É dicir,
coido que a mobilización de xentes concienciadas de seu non teima na boa
dirección, pese a que contribúa ao prestixio imprescindible do idioma, ao
situar á marxe de amplos sectores da poboación adulta interesada. A mencionada
práctica de dedicación prioritaria ás actividades programadas de antemán, de
obrigado costume e cun carácter de lembranzas de persoeiros ou eventos a
remarcar, non permite diversificar o emprego dos escasos recursos orzamentarios
no resto de casos (o conxunto dos que non se inseren na ortodoxia implantada
con anterioridade e incontrovertible).
Desta maneira impídese que xurdan con
frecuencia ideas e, por conseguinte, o seu rexeitamento tácito funciona cunha
insistencia insultante (posto que nin tan sequera se contempla esa posibilidade
real). Desta guisa, artéllanse arreo
acontecementos anuais prefixados, presentacións de certames, mostras ou
exposicións rechamantes ‒acaídas só polo que atinxe a un espectro reducido, no
que se acolle unha minoría intelectual, dotada dun grao de cultura remarcable
ou de procedencia foránea‒, á vez que se van así decantando as iniciativas
adicionais a desenvolver, pouco a pouco, nunha leira plagada de rutina,
monotonía e esclerose paralizante. Nun marco cheo de tópicos, mailos grandes
fogos de artificio achegados para a ocasión, transfórmase preferentemente esta
visión estereotipada en axioma ou dogma
a observar, por mor desta devandita particular maneira de entender o idioma na
bisbarra vilafranquina e que alí se configura nunha compoñente fundamental dun
acaparamento impropio da lingua dos seus antergos (que motiva a maiores efectos
anquilosantes e un afastamento do popular e cualificado a título de rural ou
vulgar). Fraco favor nos fan estes “recuncadores” do alleo!, xa que esta
tentativa de avasalamento repercute negativamente nas posibilidades de
espallamento e nas opcións de enriquecemento, creando un sentimento de ledicia
só nos avantaxados (discriminando aos que non acadan a notabilidade requirida).
En definitiva, sen infravalorar o proxectado ata o de agora, unha mudanza constatable
‒no terreo da desexable apertura e variedade- adaptaría moito mellor outros
actos ás necesidades esquecidas e/ou accesorias a satisfacer en tódolos eidos.
APROFUNDINDO NA CRÍTICA
CONSTRUTIVA:
A causa da escolma insatisfactoria
nas decisións adoptadas (ás costas da meirande parte dos galegos e mailos
bercianos de idade madura), foméntanse unha morea de manifestacións de
autogabanza dos sempre protagonistas e, entón, as mostras de encallamento de
ideas e propostas concrétanse nunha sucesión de voltas, revoltas e volve a
principiar. Esta dinámica viciada provoca un feixe de desafeccións, a modo de
expoñentes dunha sensación inapreixable pero presente no ambiente social,
froito dunha indución ao abandono da xente de a pé, mestura de neglixencia,
incuria e molicie. Nesta atmosfera abafante, os homes e mulleres ‒provenientes
de alén dos Ancares, da rexión irmá‒ atopan un clima cidadán non favorecedor á
vida no seu idioma vernáculo, segundo a entendía a incomparable Rosalía (aquí,
o refrán “vivamos coma galegos” é unha entelequia mental ou ocorrencia
benintencionada). Esta actuación errada e non conforme ás arelas dos nosos
devanceiros, máxime cando procede dos dirixentes políticos galaicos, teima na
contra dun desenvolvemento integral da lingua precisamente subordinada (ou
propia nos seus lares enxebres, aínda que en risco de mingua ou degradación no
limiar). O enfoque co que se albisca o porvir, adicionalmente, non axuda nin
contribúe ren ao fin de implicar aos usuarios na exaltación e difusión dos
feitos históricos populares e pautas de comportamento antigo e de orixe
consuetudinario, crenzas ancestrais, tradicións enxebres, na promoción de
narracións de transmisión oral e tamén dos esquecidos faladoiros ou fiandóns. E
ilo acaece nuns momentos caracterizados por unha realidade ameazante e produto
da coincidencia simultánea dunha acumulación aleatoria de circunstancias
concordantes e perigosas, polo que atinxe á renovación e adaptación futura da
lingua ás novidades e trocos dabondo a piques de chegar (que demandan unha gran
flexibilidade e unha mentalidade sen prexuízos). Esta prevención atopa o seu
baseamento fáctico na perda xeralizada de falantes, constatada na actualidade
(e non compensada coa achega esporádica de neofalantes ou illados estudosos), a
xeito de adianto da xénese dun marco paulatinamente máis restrinxido e
limitado.
O contexto sociolóxico e demográfico, polo tanto, proxecta un
panorama preocupante: perspectiva que vai probablemente debuxar un deseño
futurista no interior dun cadro de trazos dubitativos. E aínda conviría
decatarse grandemente do que supón a principal alarma en grao sumo, seguindo
algunhas das últimas análises a partir de enquisas fiables e as demoledoras
conclusións prospectivas acadadas polos seus autores, é que adoita ser a nada
ilusionante avaliación dos prognósticos demoscópicos. Neste mesmo fío
discursivo deberíase abrollar decontado o xurdimento da conciencia dunha
situación amolante e que está a producir unha inquedanza crecente. Xusta e
exactamente por iso, fai falta urxentemente un plan ou programa que dea un pulo
ao uso cotián e corrente do transmitido polos nosos antergos e ao rescate das
tradicións seculares. Incidindo neste aspecto sustancial, no seo dunha boa
xeira ao obxecto de levar a termo propostas contrastadas, caben unha chea de
cavilacións do maxín (imaxinativas, aplicacións lúdico-festeiras, folclóricas
etc.), a elaboración dun calendario de celebracións, certames, fitos
gastronómicos, romarías, reunións estivais de tipo turístico e de lecer
(dedicadas aos emigrantes vacacionais) e xuntanzas diversas, a posta en valor
de tradicións, costumes relixiosas e lendarias, a recuperación do enxebre,
idiosincrático e local, das raíces labregas e a recopilación de escolmas de
lendas, narracións e contos populares, xogos e usos produtivos do tempo de
asueto, a plasmación de antoloxías por materias…
E, asemade, habería de dar azos aos
intelectuais que coadxuvan na causa do rexurdimento do antigo idioma berciano
nas zonas nas que resiste precariamente (vilarego, ancarés ou “chapurreao”,
consonte os seus trazos prístinos e peculiares de léxico e dicción) e dar un
forte pulo a certos colectivos e grupos que veñen desempeñando, ao longo dos
últimos anos, unha tarefa absolutamente valiosa e insubstituíble.
Marcelino
B. Taboada
http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es
0 Comments:
Publicar un comentario
<< Home