O GALEGO NO BIERZO ( 3ª PARTE) POR MARCELINO TABOADA.
O GALEGO NO BIERZO (III)
por Marcelino Taboada.
Na actualidade cóntanse no planeta
unhas 6.000 linguas vivas, o cal supón unha enorme riqueza cultural,
idiosincrática, de tradicións e costumes, de modos de vida e de diversidade e
transmisión oral noutros moitos eidos, que convén preservar e fornecer. Nelas
albíscase unha tendencia de mingua cara ao futuro, que nos levará ata a
persistencia efectiva ‒no remate deste mesmo século‒ da metade das hoxe en día
existentes. Unha mágoa que conduce a laiarse con posterioridade ás veces, sen
xeito de emenda a curto prazo nin arranxo ningún (cómpre pois, neste xusto
intre, lembrar as regras da dinámica das civilizacións e a súa loita arreo por
espallarse ‒ante todo introducindo neoloxismos, polo que concirne ás
principiais potencias industriais e comerciais‒ e ocupar o máximo espazo
posible, tamén no dominio lingüístico)!
Emporiso, polo que atinxe ao idioma
galego, a meirande parte dos entendidos amosan nas súas análises unha
perspectiva alentadora e, aínda máis, mesmo optimista. Para que se esqueza
definitivamente (nas súas constantes manifestacións e mostras acaíntes cara ao
mundo exterior) un idioma calquera, segundo as teorías filolóxicas e pescudas
sociolóxicas pertinentes e solventes, téñense que cumprir toda unha morea de
condicións adversas e sucedérense, entre outras contrariedades e atrancos
salientables, os seguintes factores de risco: escaso prestixio social, abandono
progresivo a prol de favorecer unha alternativa considerada mellor e máis
rendible social e economicamente dende puntos de vista diversos, unha tendencia
crecente e irreversible de postergación ‒ no que respecta á súa utilidade en
canto a sistema de comunicación‒ pola banda das vindeiras xeracións, incuria
con visos de permanencia na súa transposición escrita (e, asemade, no ámbito
correspondente ao tratamento oral), uso restrinxido nos terreos científico,
técnico, académico,… (o que conleva, a maiores e a longo prazo, unha ausencia
ou relaxación da normativa, un desleixo e desidia polo que fai á súa corrección
e unha transcrición constante con erros inescusables), desaparición de modelos
sobranceiros a imitar (nos medios públicos e privados, no sistema de relación,
no sector da burguesía e do poder gubernativo, na administración e na
burocracia,…) e unha repercusión nefasta da coñecida coma evolución regresiva
consonte a unha lei clásica de culturas en conflito. Así mesmo e sempre, esta
norma da lóxica ampárase entón nun contexto adecuado e, noutro fío prospectivo,
a súa vixencia encontraríase estreitamente vencellada coa modernidade. E
ademais (no caso das linguaxes minoritarias), debido a que a súa transmisión se
mantén transitando por un vieiro que vén de acadar un franco proceso de forte
aceleración regresiva (nomeadamente cando a súa aplicación non se compensa, no
senso inverso, mediante unha discriminación positiva ou a través dunha
necesaria protección e acougo do orixinario, enxebre ou máis ben... vernáculo),
o perigo de esquecemento medra ostensiblemente.
A un tempo, por se non foren dabondo
as fortalezas debulladas a modo de calidades do galego, é obrigado engadir uns
trazos que compoñen o deseño dun porvir prometedor no seo da mobilidade
característica do home tecnolóxico, espido e dixitalizado, na que se inseriría
a temática fundamental de progreso, máis aló dos indubidables avances no campo
que atangue a un aspecto sumamente radical o racial: a considerable amplitude
na área do enxebre, do singular e propio, do privativo e típico de seu (alén de
tópicos manidos e vetustos). É dicir, convén acoutar o ámbito de desenvolvemento
dos idiomas (tal e seren seres mutantes) por mor de atopar as adaptacións
precisas no seu caso, v.g: a inclusión recente no espazo lusófono (feito de
especial incidencia, transcendencia vital e potencial percorrido), a
normalización non acadada en plenitude, ata o de agora, pero en curso de
lograla (premisa que esixe sen demora un abano complexo de accións a levar a
cabo, p. ex.: discriminación positiva, achegas especiais ás Institucións
académicas e aos autores noveis e innovadores, estímulo a programas de
esparexemento divulgativo etc., que acollan simultaneamente as mudanzas na
actual etapa de eclosión de modas ou preferencias cambiantes da mocidade e da
infancia,…) e un fato de medidas e ideas ‒xunto ao aproveitamento de lerias ou
banalidades a piques de se converter en hábitos pasaxeiros‒ dirixidas ao
fomento de intercambios entre axentes culturais dinámicos e creativos
(traducións, doblaxes, convenios de colaboración no espectro asociativo e
cidadán etc.), ao obxecto de artellar un sistema de abordaxe con resultados cos
que poidamos nos aledar. Así e todo, nun contexto negativo e de signo
contrario, aínda se aprecian tentativas que pugnan na teima de reducir a
multiplicidade e variedade dos pobos, en xeral.
Non obstante, iso é rexeitado
polos seus destinatarios ‒agás unha minoría reaccionaria‒ dunha forma
recorrente e reivindicativa. Estas devanditas actitudes recíprocas se
significan alternativamente, e ante todo se subliñan, no momento da
concorrencia sincrónica dunha cantidade inxente de falantes dispares.
Preténdese tamén nesa conxuntura plasmar o afastamento, e incluso
enfrontamento, de xentes de rexións xeográficas diferenciais en contacto (a
arrepiante Torre de Babel). Esta patente pretensión estratéxica e de vocación
internacionalizadora ‒evidenciada de cando en vez‒ preséntase, mesmamente, a
título de desculpa: trataríase de xustificar a procura dunha imprescindible
universalidade homoxénea e beneficiosa estandarización que adoitan conter na
súa concreción as novas aportacións ciéntifico-técnicas e informáticas. Á
maneira de circunstancia coadxuvante, a celeridade no campo das interaccións
multifuncionais (que xa se adiviñan ao alcance, axiña, da xuventude e que están
a constituír o sinal distintivo do novo paradigma de relación global) agroman,
subrepticia e afoutamente, co gallo de crear unha sociedade baseada en
comportamentos semellantes: agardando desa guisa unha unicidade asoballadora,
que conformaría a expresión real dun mito utópico ou dunha panacea
irrealizable.
Marcelino B. Taboada
http://sites.google.com/site/obierzoxa
http://www.facebook.com/xabierlagomestre
www.twitter.com/obierzoxa
http://www.blogoteca.com/obierzoxa
http://obierzoceibe.wordpress.com
http://www.ciberirmandade.org/falaceive
www.ponferrada.org
www.partidodelbierzo.es
0 Comments:
Publicar un comentario
<< Home