O BIERZO TAMÉN RECLAMA O NOSO GALEGO.
O
BIERZO TAMÉN EN GALEGO.
Por
Xabier Lago Mestre.
Non se
pode negar que hai moito descoñecemento sobre a reivindicación do
galego nos territorios estremeiros. Neste caso, dende o coletivo
cultural Fala Ceibe do Bierzo, queremos informar do que reivindicamos
na nosa rexión. Concretamente, fixarémonos na estratexia empregada
coa última campaña a prol da presenza do galego no Consello
comarcal do Bierzo.
O
Consello Comarcal é a institución de goberno na rexión do Bierzo.
Foi creado no ano 1991 por lei autonómica. O dito Consello colabora
con tódolos concellos e mailas pedanías. Até hoxe o galego non ten
presenza no labor político do Consello por iso a nosa campaña
vindicativa. Cando se consiga o uso parcial do galego polo Consello,
o noso idioma terá unha visibilidade e un prestixio especial para o
resto de entes locais.
Hai
anos que andamos detrás do Consello Comarcal para que o idioma
galego teña uso institucional mais até hoxe só temos as súas
promesas. O Consello comenta que hai unha proposta de convenio de
colaboración coa Xunta de Galicia para o fomento do galego no
Bierzo. Chegou a hora de presionar máis. Por iso principiamos unha
campaña ante os medios de comunicación para reclamar que no portal
dixital do Consello apareza o galego xa.
A NOVA
CAMPAÑA RECLAMATIVA.
Por
suposto, na nosa reivindicación tivemos moi en conta a lexislación
lingüística. Así contamos coa Constitución, o Estatuto de
Autonomía de Castela e León (art. 5.3), Carta europea de linguas
rexionais e minoritarias, Ley autonómica de creación do Consello
comarcal do Bierzo (1991) e diversas sentenzas sobre o eusquera en
Trebiño. Sen embargo, cremos que a presión mediática foi máis
forte e convincente ca xurídica ante a caste política resistente.
A
nosa campaña tivo grande repercusión mediática en León, O Bierzo
e Galiza. Case que tódolos xornais, en papel e dixitais, fixéronse
eco da nosa demanda lingüística. Isto foi abraiante! Quizais tiña
axudado o contexto de combate político das vindeiras elecioes locais
do ano 2019. O importante é que a nosa mensaxe sobre o galego
chegou a moitos leitores e ouvintes.
Antes
de seguir convén facer un apuntamento interesante. No Bierzo ben
sabemos que a minoría galegofalante sofre continuas discriminacioes
lingüísticas ante a maioría castelán. Os poderes políticos,
institucionais, económicos e informativos marcan as regras do xogo.
Tras longas reclamacioes acadamos pequenas concesioes porque
avanzamos paseniño ante a cadencia que nos impón o poder castelán.
RESULTADOS
DA REIVINDICACIÓN.
Trala
dita campaña mediática polo uso do galego no Consello Comarcal
chegan os resultados. A presión mediática e dos falantes, mediante
a remesa de cartas ao dito Consello, foi importante segundo nos
contaron. Incluso o chamado Procurador do Común de Castela e León
(Valedor do Pobo rexional) abriu un expediente informativo tralas
demandas.
O
Consello Comarcal semella reacionar ante a presión social. Así
acadamos xa un pequeño acordo verbal. Este coletivo Fala Ceibe
remesará varias series de léxico galegoberciano para que sexan
publicitadas no portal dixital do Consello. Traballaremos de balde
para facilitar a presenza imediata do galego. Xa non haberá que
agardar máis para que se traduza parte do portal dixital comarcal ao
galego dende Galiza. Esperamos que o noso traballo altruista sirva
para que o Consello cumpra finalmente co prometido connosco.
Resulta
de grande importancia que o galego teña presenza no portal dixital
do Consello Comarcal. Así o galego consegue un protagonismo
institucional e visibilidade social. A chave está en demandar que o
galego nesta insltitución non caia no formalismo xurídico con
meras traducioes dos contidos atuais en castelán. Procuraremos que o
galego no susodito portal sexa algo vivo e prático para os
galegofalantes. Esta luita non será doada porque os políticos de
turno de seguro que tratarán todo o contrario, que teña mínima
presenza sen eficacia xurídica.
O
Consello Comarcal é a máis importante institución territorial do
Bierzo. Mais hai outros entes locais, casos dos concellos e pedanías
(xuntas veciñais nas localidades). Non é que o Consello Comarcal
teña moitos cartos nin competencias mais menos teñen os concellos
rurais e pedanías. Por iso resulta fundamental que o Consello axude
no fomento do galego ao resto das institucioes locais bercianas.
Non
podemos permitir que este novo galego institucional sirva só aos
políticos para asinar convenios de colaboración e contratos
administrativos que procuran gastos sen eficacia xurídica para os
galegofalantes. Porque hai uns dereitos lingüísticos que agardan
ser recoñecidos aos bercianos e as bercianas. No futuro utópico non
poderá haber diferenzas entre os falantes galegos da Galiza
administrativa e do Bierzo estremeiro.
O
Bierzo, xullo de 2018
www.facebook.com/javierlagomestre
http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es
0 Comments:
Publicar un comentario
<< Home