martes, agosto 14, 2018

O LÉXICO GANDEIRO DA REXIÓN DO BIERZO.



OS CADERNOS BERCIANOS. LÉXICO GANDEIRO.


Antigamente utilizàbase a expresión a FACENDA para designar a totalidade do patrimonio gandeiro familiar.  A tenencia de gando maior (bois, vacas, cabalos…) era fundamental para a veciñanza berciana, caso do traballo agrario e mailos transportes. Pola outra banda, tamén existía o complemento do gando menor (cochos, cabras, ovellas…) que tiña máis valor comercial e alimentario.

No sistema comunal berciano participaba activamente o gando. Así acontecía coas chamadas VECEIRAS de gando. Tratábase da formación de fatos de animais de xeito comunal. Os rabaños de ovellas e cabras, así como as piaras de cochos unían todos os animais da localidade. Eses fatos eran conducidos por un PRIGUEIRO, contratado polos propietarios do gando para ir á procura dos PACEDEIROS. Tamén os propios veciños podían facerse cargo dos rabaños comunais por un tempo determinado chamado FERIDO.



AS MEIRIÑAS DE CASTELA.

Os gandos, menores e maiores, levábanse aos mellores PASTEIROS que estaban lonxe das localidades. Os lugares privilexiados para o pasto eran coñecidos como BRAÑAS, ALZADAS e MALLADAS. A importancia destas brañas foi tal que durante séculos acudiron a elas rabaños MEIRIÑOS até as serras de Ancares, Cabreira e Gistreo. Os gandeiros foráneos pagaban o correspondente arrendamento de pastos durante os meses de verán, o que reportaba ingresos para as localidades bercianas.

Os ditos antigos rabaños meiriños viñan pola rota Vizana dende Castela e Estremadura. Para chegar ao Bierzo utilizaban as súas vías de comunicación chamadas CANADAS, CORDEIS e VEREAS. Mais coa chegada do ferrocarril a Astorga, os rabaños utilizaron este medio de transporte. Os gandeiros meiriños defendían os seus privilexios mediante o Real Consello de la Mesta. 



OS VAQUEIROS DA ALZADA.

Na provincia histórica do Bierzo tamén había emigracións gandeiras estacionais (VAQUEIROS DA ALZADA). Referímonos a localidades que tiñan BRAÑAS e ALZADAS onde acudían cos seus gandos, desde o mes de abril a outubro, para aproveitar os mellores pastos de altura. O caso máis coñecido é o de Aira da Pedra que tiña a braña de Campo de Agua. Nos meses estivais toda a veciñanza subía á braña para vivir durante os meses estivais. A importancia de Campo de Agua constátase na celebración da festa de S. Bartolo e a ROMARÍA de Veiga do Olmo, incluso tivo varios barrios (ROBLEDO E BUSTELO).  

Os termos relacionados coas explotacións gandeiras son numerosos. Temos ademais CORRAIS, CORTE, SESTEIROS, ALQUEIRAS, AGOSTADEIROS, etc. Incluso hai localidades bercianas que teñen a súa orixe en léxico gandeiro, en CABAÑAS DE DORNILA, CABAÑAS DO FABEIRO e CABAÑAS RARAS.



Incluímos outras explotacións de animais coma os CORTÍNS que gardaban os TROBOS e COLMEAS de abellas dos lambóns osos. Ademais, os coñecidos CORTELLOS, CORRALÓNS (en Balouta) e BARDAS (en Ancares)  servían para cazar aos abundantes lobos.

O Bierzo, xullo de 2018.


http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es