miércoles, agosto 08, 2018

OS CADERNOS BERCIANOS. LÉXICO AGRARIO.


OS CADERNOS BERCIANOS. LEXICO AGRARIO.
Coletivo cultural Fala Ceibe do Bierzo.
falaceibe@yahoo.es

Queremos recuperar neste traballo o noso vocabulalrio tradicional berciano, referido á temática agraria. Son moitas as localidades do Bierzo que conservan na súa toponimia menor moitas das palabras que aquí presentamos  e que son descoñecidas para as novas xeracioes.

AS TERRAS DE LABRADÍO.

As terras de labradío eran as preparadas para os cultivos de cereais (centeo, trigo, maínzo, cebada, etc). Atopamos as variadas denominacioes de LEIRO, EIRO ou EIRÍN. Referímonos a pequenos predios (parcelas en castelán) por razón do minifundismo agrario tradicional e maila peculiar orografía montañosa. Cando esas terras están en barbeito se denominan POULOS, POULAS ou POULELLO.  A súa diferenza en masculino e feminino é un indicativo de menor ou maior tamaño respectivamente.  



Outros predios de labradío son as CORTIÑAS ou CORTIÑEIROS. Estas herdades están preto das localidades e xeralmente están pechadas por sebes vexetais ou cercas de pedra. As cortiñas destínanse ao cultivo de legumes, hortalizas, verduras, árbores frutais ou cereais. Deriva das anteriores a CORTÍA e maila HORTA pegadas tamén ás vivendas e de curta estensión. Se as hortas tiñan frutais eran coñecidos como PUMARES. No Bierzo temos a localidade de Horta, perto de Vilela. Á saída das localidades podía existir o EIXIDO, como terras de cultivo para cereal pechado con marcos ou testigas. 

OS MONTES COMUNAIS.

Os terreos gañados ao monte, mediante a queima da matoeira, chamábanse BOUZAS, ROZAS, ROZADA, SERNAS, SEARA ou ESTIVADAS. Este conxunto de terras repartíase entre os veciños mediante QUIÑÓNS, LOTES, SUERTES ou SORTES. Os terrenos agrarios continuos e postos ao mesmo tempo en laboura (explotación) denominábanse  AGRAS, AGROS ou AGRELO que ás veces non tiñan divisioes físicas visibeis. OS ARROUTOS son terras de comunal que tenen a súa orixe no monte partido.


Contorna de Lago de Carucedo.

As terras agrarias teñen diversas denominacioes segundo os seus tamaños. Así, en Ancares atopamos LORO e LORALLO para os predios estreitos e longos. Tamén existen as TALLOS para terras de monte, cortadas e separadas, que se partillan aos labregos. As TRAVESAS son predios longos e situados de forma perpendicular á inclinación do terreo. Soen estar en pendente e trabállanse de xeito transversal. No Bierzo temos as localidades de  Villar de Traviesas e Robredo de Traviesas (Noceda), así como Trabadelo de Valcarce, que se refire a terrenos chans. 

Divisioes de terras son os TALLOS, LATAS, CADROS, RECHAVE. Distinta tipología dos predios agrícolas segundo as súa morfoloxía. Os TALLOS son leiros retangulares con pendente que se traballa de xeito oblicuo á inclinación do terreo. As LATAS existen en terreos máis chans. Os CADROS con esta forma e os RECHAVES son mestura dos anteriores modelos. Estas dúas denominacioes son propias das zonas do Courel e serra dos Cabalos. A CHOUSA ou CHOUSO representa a terra de labor cercada e de pouca estensión.


Casarío da Valiña xunta o río Sil no Bierzo ocidental

Outras terras agrarias eran os LIÑARES onde se cultivaba liño. Esta materia téxtil servía para facer por exemplo ciertas prendas de vestir ou sacos. Tamén existían OS MACEIROS (maizales), cereal traído de América e que entrou no Bierzo dende Galiza. Os censos fiscais do século XVIII refírense aos FERRADAIS que eran terras de boa produción.  O NABAL é un terreo cultivado con nabos. Nos altos CHANOS ou CHAOS atopamos as CAMPAS, para cereais ou pastos. En terras de pasto máis altas están os BUSTELOS e as BRAÑAS.

O Bierzo, xullo de 2018.
www.facebook.com/javierlagomestre
www.obierzoceibe.blogspot.com

http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es