jueves, septiembre 27, 2018

CADERNOS BERCIANOS LÉXICO DO POBOAMENTO NO BIERZO



CADERNOS BERCIANOS, LÉXICO DO POBOAMENTO.
polo Coletivo cultural Fala Ceibe do Bierzo.
falaceibe@yahoo.es

Durante o período da cultura castrexa a rexión do Bierzo tivo multitude de castros onde se asentaron as pequenas comunidades humanas. Na toponimia conservamos castros, coroas, castelos ou covas mouras. As referencias a eses castros chegaron ata a actualidade nos casos de Castropodame, Castroquilame, Castropetre, Robledo de Sobrecastro ou Castrillo de Cabreira.

  Na Idade Media as localidades bercianas teñen sido estudadas polo miúdo nos traballos de Mercedes Durany e Carmen Rodríguez. Elas dúas pescudan nas explotaciois agrarias, coñecidas como casais, granxas, solares, prazas, igrexas, cortes, cañamas ou vilas. O desenvolvemento agrario e gandeiro fíxo evolucionar esas explotaciois a outros núcleos de poboación. Así temos os lugares, os vicos-barrios, as vilas-aldea e as grandes vilas de carácter urbano. Como exemplos de vilas-aldea, Vilela, Vilagroi, Vilafeile, Vilasinde ou Vilarbón, moi diferentes das grandes vilas.


Os poderes medievais, é dicir, os bispados, os mosteiros, os señoríos laicos e a Coroa tamén fomentaron os novos poboamentos. Para iso concederon foros colectivos aos outros poboadores. Estes foron os casos de Vilafranca do Bierzo ou Ponferrada. Pequenos poboamentos son as quintarías ou quintas (existe Quintela de Valboa) que semellan facer mención ao pago dos quintos dos productos agrarios. 

Os señoríos estableceron castelos para exercer o seu poder sobre os vasalos. Lembremos os castelos de Ulver, Fresnedelo, Autares e mailos dous da Cabreira (en Truitas e Odollo). Na baixa idade Media atopamos outros tantos en Vilafranca Corullón, Sarracín, Lusío, Bembibre, Ponferrada ou Cornatelo. 


CASTELO BERCIANO DE CORNATELO.

Novos poboamentos aparecen nos casos de Villanueva de Valdueza, Vilanova do Cúa, Villanueva de Bembibre, Vilanova de Valboa e Vilanova de Santalla. Noutras localidades os poboadores son estranxeiros, en Valdefrancos ou Vilafranca do Bierzo. 

As pequenas localidades medraron con novos barrios. Mosteirós conta con tres barrios (Carballal, Lombaixo e Aira do Chao). Cabanas Raras tivo numerosos barrios, A Malladina, A Venta, O Teso, A Auga, A Devesa, Sta. Ana, Os Rubios, Abaixo, etc. O concello de Benuza posúe 11 barrios e 9 ten Castroquilame.    


As grandes vilas representan señoríos colectivos cun territorio dependente (alfoz ou jurisdicción) de decenas de aldeas. Así acontece con Vilafranca, Ponferrada e Bembibre. Esas aldeas teñen unha subordinación fiscal, comercial e militar da súa vila capital. A isto engadimos a xerarquía derivada da capital señorial, no marquesado de Vilafranca, no condado de Lemos ou no condado de Alba de Liste.

Das explotaciois gandeiras derivaron pequenos núcleos de poboación. Foron temporais a maioría, caso das brañas. Aínda existen A Braña de Valcarce, As Brañas de Susañe ou Brañuelas. Outras referencias gandeiras son as cabanas, tivemos as desaparecidas Cabanas do Fabeiro (na devesa entre Ponferrada e Carracedo) e as Cabanas do Portiel de Don Fernando (hoxe Cabanas Raras). Referencias gandeiras estacionais foron as alquerías, alzadas e malladas.

A revolución liberal do século XIX rematou co réxime señorial. Desapareceron os señoríos e creáronse os concellos constitucionais, aproveitando as grandes vilas señoriais. Os concellos rurais desputaron pola capitalidade. Os Gobernos centrais xerarquizaron as localidades, quitando poder aos concellos tradicionais e establecendo un número mínimo de veciños para os concellos constitucionais. No censo de 1857 clasifícanse os chamados pobos, de menor a maior, en casaríos, aldeas, lugares, vilas e cidades. As pequenas localidades loitaron por acadar máis poder político e así conseguiron o recoñecemento institucional das pedanías (1924).


MAPA DA PEDANIA DE CABANAS RARAS.

No século XX, o desenvolvemento económico capitalista na rexión do Bierzo trouxo un crecemento para as localidades mineiras, por mor da inmigración, casos de Fabeiro, Toreno, Ponferrada, Bembibre, etc. Incluso tiveron que crearse barriadas mineiras, espontáneas ou organizadas polas empresas. Tamén xurdiron desputas entre algunhas localidades pola capitalidade municipal, casos de Parandois e Toural dos Vaos ou Congosto e S. Miguel de las Dueñas. Na segunda metade do século XX, ante o crecemento dos servizos urbanos, apareceron as urbanizaciois e os polígonos industriais.

WWW.OBIERZOCEIBE.BLOGSPOT.COM
O Bierzo, setembro de 2018.

http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es