lunes, septiembre 24, 2018

CADERNOS BERCIANOS, LÉXICO VIARIO.


CADERNOS BERCIANOS. LÉXICO DAS VÍAS DE COMUNICACIÓN.
polo coletivo cultural Fala Ceibe do Bierzo.

Coñecemos ben as vías de comunicación terrestres modernas. Salientamos as estradas, sexan locais, provinciais ou nacionais, por onde circulan os autos e camiois. De maior capacidade son as autoestradas con varios carrís. Nas ciudades e as vilas temos as rúas, as prazas, os cruzamentos, as ruelas,  as calexas e os calexos.

Nas localidades rurais do Bierzo occidental hai outras denominaciois das diversas vías de comunicación. Así xorden as corredoiras ou camins de carros, ademais das rodeiras. Tamén había camíns temporais cara ás terras de cultivo durante tempos de labranza ou colleita, eran coñecidos como carrieiras. Outros desta caracterización subían ata os agros temporais das searas e as bouzas. 


Os camíns rurais podían dirixirse a lugares moi concretos, casos dos muíños, as fontes, os lameiros, as brañas, as malladas, as airas, os batáns e mailas ferrerías. Os treitoiros estaban nas costas das montañas e servían para baixar os feixes de leña. Os soutos dos castañeiros e as carballeiras eran atravesados por camíns que facilitaban a súa explotación.  

Outros camíns históricos foron os carreteiros (de maragatos) e de ferradura. Os camíns coñecidos como dos galegos correspondían aos utilizados en tempos de sega cara a Castela polos naturais de Galiza. O camín real era o principal e atravesaba as localidades.

As altas serras montañosas podían ser atravesadas polos portos e as coladas. Recordemos que nas nosas brañas de Ancares, A Cabreira e Gistredo acudieron durante séculos os rebaños de ovellas meirinas de Castela e Estremadura. Estes animais movíanse polas cañadas, os cordeis e as veredas (tamén brea en dialectal). Case que todas as localidades bercianas tiñan gandos que se levaban mediante veceiras, polos camíns rurais, aos pradoiros comunais.


Camíns máis pequenos foron o camín peonil (existe o casarío de Peón xunto ao río Sil), o sendeiro, o vieiro, etc. Na toponimia berciana atopamos pousadeiros como lugares de descanso. Xorden tamén outros lugares de parada, como Paradasolana, Parandois, Paradadesouto, Soutoparada e Paradaseca.

Convén ter en conta os vellos camíns rurais que atravesaban as nosas serras da Enciña da Lastra, Os Cabalos, O Courel e Os Ancares. As pequenas vías de comunicación servían para unir as localidades de comarcas veciñas de Galiza e O Bierzo. Caso peculiar foi o territorio chamado O Marquesado de Valdeorras, baixo a dependencia señorial e comercial de Vilafranca. Tamén había camíns cun carácter relixioso polos que se facían as romarías ata os santuarios (Fornela, Burbia…) e as ermidas a onde viñan os galegos e os asturianos.


As vías de comunicación tiñan que pasar polos abundantes ríos da rexión do Bierzo. Velaí a presenza de grandes pontes de Ponferrada, Cacabelos e Vilafranca. Mais tamén existían outros máis pequenos, os pontelos de madeira, sobre os regueiros. O topónimo Toural dos Vaos fai referencia aos vaos que nos ríos Sil, Cúa e Burbia permitían o paso dos carros e dos gandos na estiaxe.

O Bierzo setembro de 2018.
Coletivo cultural Fala Ceibe do Bierzo.


http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es