sábado, septiembre 22, 2018

LÉXICO SOBRE O ARBOREDO BERCIANO.l


CADERNOS BERCIANOS. LÉXICO DO ARBOREDO.
Coletivo cultural Fala Ceibe do Bierzo.
falaceibe@yahoo.es

O patrimonio arbóreo do Bierzo sempre foi fundamental para a existencia dos bercianos. Os diversos árbores tiveron un aproveitamento peculiar que paga a pena coñecer polo miúdo. 

O TEIXO sempre tivo un forte compoñente simbólico. Representaba a eternidade e por iso xurdía nos cemiterios e santuarios. Lembremos o caso do teixo de S. Cristóbal de Valdueza.  No Bierzo salientamos os teixedos de Burbia e Cantexeira. Incluso dá nome a varias localidades como Teixedo de Ancares ou Teixeira da Somoza. A súa dura madeira servía para facer armas e ferramentas. As pólas (ramaxe)  utilizábanse no Domingo de Ramos. A toxicidade do teixo aproveitábase como veleno.

O CASTAÑEIRO é fundamental na economía rural. A toponimia berciana fálanos da súa abundancia, Castañoso, Castañeiras, Turienzo Castañero, etc. Ten múltiples funciois: alimentación das persoas e dos animais, a cortiza resulta medicinal, a madeira para mobles e vigas, das pólas faise cestería, etc. Os soutos de castiros xorden á esgalla, Soutoparada, Soutogaioso ou Paradadesouto. A explotación destes soutos estaba ben regulada polos concellos rurais mediante as ordenanzas consuetudinarias.


A FAIA non é abundante no Bierzo. O faixal de Busmaior destaca sobre o resto pola súa beleza outonal. Antigamente producía oleo para guisar tralo tratamento nos muíños. O seu froito tamén servía para a alimentación das piaras de porcos mediante monteiría. Moitos arados e xugos foron feitos con esta madeira.

AS ENCIÑAS tiveron as súas amplas devesas. Salientamos a devesa do Fabeiro en S. Pedro de Devesas ou a serra da Enciña da Lastra. Tamén se coñece no Bierzo como xardón ou carrasca. As súas landras, pólas e follas alimentaron durante séculos aos animais. Outros aproveitamenos foron a madeira, a forraxe e as leñas de grande poder calorífico. Esta árbore tamén tivo un forte poder simbólico. Relixioso nos casos da Virxe da Enciña. Foi o lugar das xuntas dos concellos rurais.

A SOBREIRA (alcornoque) é unha árbore de orixe mediterránea. As sucesivas landras serven para alimento do gando, caso dos gochos. O gando vacún tamén se aproveitaba das follas e landras. Non podemos esquecer a elaboración ancestral do carbón vexetal. A cortiza desta árbore servía para facer trobos de colmeas de abellas gardados nos cortíns ou alvarizas.


O CARBALLO presentábase en formaciois de carballeiras. Os seus aproveitamentos foron variados: as piaras de porcos comían as landras, o carbón vexetal, as leñas para as lareiras, a cortiza e mailas pólas eran utilizadas como curtentes para os coiros, a forraxe de inverno para o gando caprino, a boa madeira para a construcción de casas, etc.

A NOGUEIRA coñecese no Bierzo tamén como cuncheira, nocedal ou noceda. Na toponimia temos Noceda do Bierzo ou Noceda da Cabreira. A súa madeira ten moita sona na carpinteiría e resiste ben os ataques dos insectos e fungos. As noces posúen gran recoñecemento alimentario con rico valor graso cardiovascular. O seu oleo facíase nos muíños. As ordenanzas concellís fixaron a obriga de prantar nogueiras polos veciños.


O FREIXO forma conxuntos de freixedos. Na toponimia berciana temos Fresnedo e Fresnedelo. A súa madeira é moi apreciada para facer mobles, escaleiras, ferramentas agrícolas, carros e xugos, etc. As follas foron aproveitadas para a forraxe invernal do gando caprino. Do seu froito xorde o oleo. Coas follas pódense facer colorantes verde e azul. Por mor do dereito de pozneira os veciños podían aproveitar a árbore e froitos mentres o chan era de propiedade comunal.

O Bierzo, setembro de 2018.
www.facebook.com/javierlagomestre

http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es