RESPOSTA DE FALA CEIBE AO V INFORME SOBRE CARTA EUROPEA DAS LINGUAS
RESPOSTA
DE FALA CEIBE DO BIERZO
AO V
INFORME SOBRE O CUMPRIMENTO
DA
CARTA EUROPEA DE LENGUAS REXIONAIS
POLO
REINO DE ESPAÑA.
O
coletivo cultural Fala Ceibe do Bierzo ten sido convidado pola Mesa de
Normalización Lingüística de Galiza para elaborar un informe sobre a execución
da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias na Comunidade Autónoma de
Castela e León polo que se refire á lingua galega.
O
primeiro dicir que a lingua galega se fala en dous territorios, a saber, As
Portelas da Alta Seabra de Zamora e na parte ocidental da rexión do Bierzo.
Ante a falla de enquisas sociolingüísticas axeitadas descoñecemos o número
total de falantes de ámbolos dous territorios, manéxanse 5.000 e 30.000
falantes respetivamente.
A
seguir analizaremos as carencias na proteción do galego, por parte das
distintas administraciois públicas, nos
distintos eidos lingüísticos.
O ENSINO.
Desde
o curso 2001 se pode estudar galego, de xeito voluntario, nos centos escolares
do Bierzo ocidental e das Portelas de Zamora. Sen embargo, ainda hoxe hai
graves carencias na execución do ensino do galego. Así, hai centros escolares
rurales, na zona galegofalante do Bierzo ocidental, que non ofertan aulas de
lingua galega. Son os casos da Veiga de Valcarce, Carracedelo, Viladepaos,
Quilous ou Fabeiro.
Nuns
casos a Junta de Castela e León alega que non hai ningunha demanda do galego
pola comunidade escolar, noutros que non hai alunado suficiente para ter unha
profesora desta lingua. A solución desta problemática esixe que o ensino do
galego sexa de oferta obrigatoria en tódolos centros escolares do Bierzo
ocidental. Ademais o galego debería estar presente en tódolos ciclos educativos
(infantil, primaria, secundaria, bacharelato e universitario). Por suposto, hai
que eliminar calquera límite mínimo de alunado para ter dereito a unha
profesora de galego.
NECESIDADE DE REFORMAS LEGAIS AUTONÓMICAS.
Cómpre
a reforma do Estatuto de Autonomía de Castela e León para acadar o
recoñecemento de oficialidade da lingua galega das Portelas e O Bierzo. Só así
os falantes deste idioma poderán ter recoñecidos os seus dereitos lingüísticos,
individuais e coletivos.
Atualmente
o Estatuto de autonomía de Castela e León admite expresamente o galego, “gozará
de respeito e proteción a lingua galega
nos lugares en que habitualmente se utillice” (art.4.3). Trátase dun insuficiente recoñecemento de
mínimos que non axuda á proteción do galego
no século XXI.
Tamén
convén a aprobación dunha Lei de linguas minoritarias de Castela e León que
recolla a proteción dos tres idiomas, a saber, leonés, eusquera de Trebiño e
galego. Con esta nova norma se poderá regular o recoñecemento de dereitos
lingüísticos para os seus falantes. Esta lei abranguería os diversos eidos
lingüísticos de obrigada intervención das administraciois públicas a prol do
galego, incluidas as Cortes de Castela e León.
AS ADMINISTRACIOIS LOCAIS DO BIERZO.
Na
rexión do Bierzo existen varias administraciois locais, son o Consello Comarcal
do Bierzo, os concellos e as pedanías das localidades. A meirande parte das
administraciois locais son de carácter rural, con escasos medios económicos e
de pequeno tamaño que sufren a despoboación e o envellecemento dos seus
veciños.
Por
todo o dito, as administraciois locais do Bierzo carecen de medios técnicos,
persoais e financeiros para levar a cabo medidas de normalización lingüística
co galego. De aí que debería ser o Consello Comarcal do Bierzo quen crease un
Servizo lingüístico comarcal para fomentar o galego no seo dos entes locais
(documentación, portais web, etc.
OS MEDIOS DE COMUNICACIÓN.
Os
medios de comunicación do Bierzo non utilizan o galego acotío. Esta lingua
chega ao Bierzo por mor dos medios de comunicación de Galiza e pola internet.
Todo parece indicar que os medios de comunicación do Bierzo non usarán o galego
por dirixirse ao público castelán. Soamente unha política lingüística de
subvenciois favorecería o uso parcial do galego neses medios de comunicación.
A TOPONIMIA GALEGA.
Durante
séculos a lingua castelá ten sido imposta sobre a toponimia galegaberciana
polas diveras administraciois (estatal, provincial e local). Velaí a necesidade
que hai de recuperar a toponimia tradicional e de oficializala en idioma
galego.
Incluso
hoxe a Lei do réxime local de Castela e León (1998) obriga a denominar os
concellos en lingua castelá, “a denominación dos concellos haberá de ser en
lingua castelá, respeitándose as denominaciois existentes á entrada en vigor
desta Ley” (art. 24.1).
A COLABORACIÓN EXTERIOR.
A
minoría galegofalante do Bierzo forma parte históricamente da comunidade
galegofalante do noroeste peninsular. Por iso os lindeiros
político-administrativos entre Castela e León e Galiza non poden afastar aos
falantes da mesma lingua galega. Tódolos falantes do galego do noroeste
peninsular deben ter os mesmos dereitos lingüísticos recoñecidos.
Para
salvarmos os atuais atrancos políticos, velaí a esixencia de colaboración entre
os gobernos da Xunta de Galiza e da Junta de Castela e León. Xa hai un
Protocolo de colaboración para o ensino do galego en Castela e León. Mais fai
falla outro Protocolo para o uso do galego por parte dos entes locais do
Bierzo, neste caso entre Consello Comarcal, Xunta de Galiza e Junta de Castela
e León. Outro tanto pódese facer coa recuperación da toponimia tradicional do
Bierzo ocidental através dun convenio de colaboración coa Comisión Toponímica
de Galiza.
Outras
instituciois de Galiza teñen que amosar máis interese pola problemática
lingüística do Bierzo, casos das universidades, Real Academia Galega ou o
Instituto de Lingua Galega. Os seus estudos filolóxicos, sociolingüísticos ou
históricos deben superar o atual lindeiro político da Galiza para interesarse
polos falantes estremeiros veciños, eonaviegos, bercianos e portexos.
O Bierzo, outubro de 2018.
www.obierzoceibe.blogspot.com
http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es
0 Comments:
Publicar un comentario
<< Home