FESTAS BERCIANAS DE XANEIRO E FEBREIRO.
FESTAS DE XANEIRO
NA REXIÓN DO BIERZO,
Por Javier Lago
Mestre
(falaceibe@yahoo.es).
Principiamos un feixe de artigos
sobre as festas da nosa rexión do Bierzo. Queremos traer eiquí a relación de
festas populares. Trataremos de abranguer as festas patronais das nosas grandes
vilas e cidade de Ponferrada. Pero faremos especial fincapé nas máis pequeñas,
nas que teñen logar nos pobos e barrios, así como as romarías das nosas
pequeñas ermidas, é dicir, as máis descoñecidas e minoritarias para o público
en xeral.
FESTAS POPULARES DE
SAN ANTÓN LACONEIRO.
Neste tempo de
invernía tocan as festas do mes de xaneiro. Comezamos coas festas máis importantes de San Antón laconeiro ou
San Antonio Abad e mailo Santo Tirso. Nos últimos tempos estas festas decaen en
celebración pola forte emigración dos pobos para as cidades. Eran festas
agrogandeiras que perden a súa funcionalidade. Tamén porque o valor das crenzas
relixiosas merma no coletivo social. Velaí a razois de que cando a festa non
cae na fin de semana a perda asistentes.
Por suposto, nas
xeiras pretéritas era moi importante a posesión dos animais, como forza de
labor (bois, vacas, cabalos, mulos…) e mailo alimento (ovellas, cabras,
gochos…). Resultaba fundamental mirar pola boa saúde dos animais da chamada
facenda. Ademais a presenza dos actuais veterinarios profesionais era escasa no
medio rural. Razón pola cal ante as enfermidades dos animais había que acudir
aos curandeiros, aos remedios caseiros e tamén ao abeiro da igrexa católica.
Neste último caso temos o exemplo de San Antón laconeiro, protetor dos animais
segundo a tradición católica. Velaí que a igrexa ofreza a bendizón dos animais.
Na rexión do Bierzo
temos os casos de Cacabelos, Toural de Meraio e Calamocos. Na vila do Cúa
bendícense os animais na igrexa. En Toural hai rifa dos produtos da matanza
para pagar arranxos da igrexa do Salvador (2016). En Calamocos ten lugar a
chamada “rifa do gocho de San Antón” no adro da súa igrexa. Despois da
procesión ten lugar o sorteo do gocho. Tamén se subhastan outros produtos
curados do gocho, a saber, careta, orellas, patas, etc. Por suposto, os cartos
sacados destas subhastas eran para o cura da igrexa. Eiquí temos a razón do
sobrenome de San Antón, laconeiro, produto que era para os curas.
En moitos pobos
bercianos a tradición desta festa se relacionaba co gocho de San Antoniño. O
cura do pobo tiña asignado un animal, ao cal poñía unha cinta distintiva. O
dito marrau alimentábase ceibe por todo o pobo. Todos os viciños tiñan a obriga
de alimentalo. Se o animal arribaba na porta dunha casa, os seus propietarios
debían darlle comida. Cando o gocho
estaba ben gordiño tiña lugar a subhasta ao mellor postor. Os cartos desta
subhasta servían para pagar as misas da igrexa que así se beneficiaba da festa
relixiosa (Manuel Rodríguez y Rodríguez, Etnografía y folklore del Bierzo
Oeste-Suroeste).
Lugares con
semellante tradición de San Antón tiñan Requeixo e A Valiña, así coma
Matalavilla. Outra tradición era o reparto de panes ou cotinos. No pobo de
Vilela, celébrase San Antón co encendido da fogueira e asadura de chourizos e
panceta, rematando a festa cos bailes. Outros lugares que teñen esta festa son
Moral e A Portela de Valcarce, As Veiga do Seo e Moldes no concello de Barxas,
Candín, Arlanza, Visuña, Noceda na ermida de San Antonio Abad, no seu barrio de
San Pedro, Horta xunta Vilafranca e Perexe do Valcarce, Santa Cruz de Montes,
Villar de los Barrios, Villar de Traviesas (19 xaneiro 2019), San Xoán de
Palozas e Rodrigatos de las Regueras. En Cacabelos aínda hai bendizón dos
animais. E queda na Carballeda o pobo da Medua.
En Villar de las Traviesas os viciños levan as
partes da matanza como ofrenda parea poder pedir un bo ano. Na Ponte Domingo
Flórez os seus viciños organizan unha gran fogueira por esta data. En Toural de
Meraio hai subhasta de productos do gocho para esta data (2017). Na localidade
de La Alberca de Salamanca teñen un gorrino solto polo rueiro que é alimentado
polos viciños para ser subhastado polo S. Antón.
Para rematar con
San Antón laconeiro traemos estas cantigas populares: “Meu santiño San Antón,
san Antón o cacholeiro, caseime por san Antón, volvín á casa solteiro” e “San
Antón, san Antoniño, dáme forza no carallo, como ó porco no fociño”. Para máis
información consultar o artigo de Héctor Luís Suárez, "San Antonio ´lacoeiro`
por El Bierzo", semanario Bierzo 7, 15 de xaneiro de 2004.
ALDEA DE SAN ADRIAN DE VALDUEZA.
Refraneiro
relacionado con S. Antón. “Dende San Antón (17 de xaneiro), unha hora máis de
sol”. "Por S. Antón un día máis", "Polo S. Antón a boa galiña
pon, e pola Candela (2 febreiro) a boa e a mala". “En San Antón a galiña
pon, e polas Candelas todas elas”. “Ata san Antón (17 de xaneiro) Pascuas son”.
“Por S. Antón non hai néboas que cheguen ás dúas” (as néboas son só
mañaneiras).
FESTAS BERCIANAS DE
SANTO TIRSO.
Santo Tirso tamén é protetor,
neste caso dos humanos, pois cura as enfermidades reumáticas e de ósos. Nas
nosas terras tan humidas polas continuas chuvieiras invernais este santo tiña
moito traballo para máis devotos. Velaí a sona que conseguira co decurso
secular a festa local de Santo Tirso en Vilafranca. Xentes labregas de todo O
Bierzo acudían á vila do Burbia na procura do seu abeiro. Nos tempos da
economía agrogandeira calquera podía facer o esforzo de ir para Vilafranca nese
día. Hoxe, todo trocou, os profesionais doutras poboacióis deben cumprir coas
súas obrigas laborais e non poden acudir á festa local de Vilafranca. Cómpre
lembrar que antigamente se celebraba en Vilafranca a festa de San Sebastián (20
xaneiro) como protector das pestes tan frecuentes na Idade Moderna. Quizais coa
desaparición das pestes se perdeu o seguimento por S. Sebastián e gañou
prestixio Santo Tirso.
En Vilafranca do Bierzo toda a
celebración relixiosa parte da igrexa de San Francisco. Os devotos que suben
pola costa na procura do santo e da súa misa. Dentro da igrexa, os vellos
fregueses mercan estampas das imaxes e velas para encender a Santo Tirso. Nesta
ocasión tampouco faltan os cabezudos e os sons das gaitas na praza do concello
que agardan a baixada do santo local. Os foguetes rachaban o ceo nubrado, ás
doce do mediodía, para anunciar a festa e espertar aos vilafranquinos
trasnoitadores. Os derradeiros rescoldos da gran fogueira da noite pasada
fumean aínda.
Na nosa rexión do Bierzo, outras
pobos que honran a Santo Tirso temos en San Vicente de Arganza, Turienzo
Castañero, Cobrana de Congosto, Sancedo con procesion, Trabadelo, Moldes,
Barxas, Librán, Robredo de Losada, Quilous, Lumeiras no municipio de Candín,
Paradiña, Lombillo na capela da Soledad, Ponferrada na igrexa de San Andrés, A
Barosa, Oteiro de Naraguantes en Fabeiro e Santo Tirso de Cabarcos na comarca
de Aguiar que ademais contaba coas súas feiras do 11 e 27 de cada mes. Tamén
existe o pobo de Santo Tirso no concello da Veiga de Valcarce. Houbo a ermida
de Sto. Tirso na granxa de Santullano e maila ermida de S. Tirso e s. Blas
xunta o río Oza perto de Vilanova de Valdueza (José Diego Rodríguez Cubero,
"Sucedió el día de S. Blas de 1544").
Salientamos o peculiar caso de
San Justo de Cabanillas porque eiquí ten lugar o chamado “aserrado”. Esta
tradición consiste en que os enfermos de ósos e da reuma que acuden a Santo
Tirso amosan as súas partes doentes do corpo para que sexan aserradas pola
serra de madeira do cura. Estes cortes simbólicos da enfermidade permiten a
curación desas partes do corpo.
Fóra das fronteiras da nosa
rexión berciana temos as festas de Santo Tirso en Lardeira na Carballeda, O
Castelo en Rubíá, Veigamuíños, Cesures e Vales en Valdeorras. San Fabián (20 de
xaneiro) en A Chana.
ALDEA BERCIANA DE BOUZAS.
Refraneiro de Santo Tirso na
rexión do Bierzo. "Santo Tirso de
Quilous por bailar perdeu os bois, Santo Tirso de Barosa por bailar perdeu a bolsa,
Santo Tirso de Cabarcos por bailar perdeu os cartos, Santo Tirso de Magaz de
Arriba por bailar perdeu a barriga, Santo Tirso de Carracedelo por bailar
perdeu o velo". "Santo Tirso lacoeiro, vintaoito de xaneiro, come
tripas de carneiro, mal cocidas, mal lavadas, que lle pingan polas barbas"
(Alicia Fonteboa, Literatura de tradición oral en El Bierzo, 1992)
OUTRAS FESTAS
MENORES DE XANEIRO.
San Xulián (7 de xaneiro) en
Portela de Aguiar, Oencia, Oteiro de
Toural dos Vaos, Molinaferrera da Somoza astorgana. San Raimundo de Peñaflor (7
de xaneiro) en Congosto. San Vicente (22 de xaneiro) celébrase en La Granja do
Bierzo, Borreis, Melezna, Piedras Albas, S. Vicente de Arganza e Cadafresnas.
San Sebastián (20 de xaneiro) en A Chana e Viladepaos. En Viladepaos se acendían unha fogueira por
Noiteboa en A Cruz, e a mocidade a mantiña viva até S. Sebastión. A Chana ten
S. Fabián (21 xaneiro). Santa Inés (22 de xaneiro) en Sorribas de Toural dos
Vaos. . S. Pablo (25 de xaneiro) en Orellán. Campelo ten festa o 3 de xaneiro.
Santo Tomás de Aquino (28 de xaneiro) en Magaz de Arriba. Respecto a San Xulián
(tamén 28 de xaneiro) hai o pobo de San Xulián de Valcarce e mailo barrio de
San Xulián en Ferrarías-Herrerias de Valcarce. Por San Ildefonso (23 de
xaneiro) hai festas en Camponaraia . Tamén festa no barrio de Enriba en
Paradela do Río (30 de xaneiro).
FESTAS NA COMARCA
DA CABREIRA E MAILO VALDEORRAS.
En Santa Eulalia da Cabreira
tiñan festa patronal para o 10 de xaneiro.
San Ildefonso (23 de xaneiro) celébrase en Castroquilame.
LOCALIDADE DE VALBOA DO BIERZO.
En Valdeorras salientamos S.
Xulián (7 de xaneiro) en Casoio de Carballeda. Santo Tirso celébrase en
Veigamuíños, Cesures, Vales e Lardeira. San Antonio Abad festéxase en A Medua,
Puzmaron, As Ermitas e O Bolo. En Quereño celebran festas en honra de S.
Sebastián (20 de xaneiro) con foguetería pola noite, outro tanto acontece en
Viladequinta na Carballeda. San Vicente de Leira en Valdeorras festexa S.
Vicente (22 xaneiro). O Barco celebraba S. Mauro para o 15 de xaneiro.
REFRANEIRO BERCIANO
DOS SANTIÑOS DE XANEIRO
“Por S. Vicente (22 de xaneiro),
o inverno perde un cliente” (a friaxe provoca falecementos). "Polo San
Vicente, nin casa nin calello onde o sol nun entre" (o sol quenta en
tódolos recunchos). "Polo S. Vicente (22 de xaneiro) non hai lugar por
onde o sol non entre". “Por S. Xulián (28 de xaneiro), garda o viño e
garda pan”.
FESTAS
GASTRONÓMICAS DE XANEIRO.
Neste mes aprovéitase para
xantar os embutidos trala mata do gocho. Salientamos a festas gastronómicos do
botelo de Bembibre, Viloria, Fabeiro e Torre. Na bisbarra de Valdeorras destaca
tamén o botelo no Barco e o codelo na Rúa.
En Vilafranca era común o día da festa de Santo Tirso comer tamén botelo
como no resto de poboaciois bercianas.
www.obierzoceibe.blogspot.com
http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es
0 Comments:
Publicar un comentario
<< Home