viernes, enero 18, 2019

OS NOSOS IRMANDIÑOS BERCIANOS.


OS NOSOS IRMANDIÑOS BERCIANOS.
Por Javier Lago Mestre.

A revolta irmadiña de 1467 tamén estivo presente nos territorios estremeiros da Galiza. Neste artigo pescudamos nesa historia conflitiva do Bierzo. Cómpre comezar co estudo do contexto señorial nesta bisbarra. Don Pedro Osorio tiña o señorío berciano da Cabreira, logo consegue do rei Enrique IV o condado de Lemos (1456). E tralo seu casamento con Beatriz de Castro controla as vilas de Ponferrada e Vilafranca.

OS ABUSOS SEÑORIAIS.

O dito conde de Lemos señoreaba O Bierzo. Así incluso os vasalos da súa muller  se queixaban dos seus abusos, “ciertos vasallos de Ponferrada fueron a quexar a la dicha doña Veatriz porque el conde don Pedro les fatigaba mucho labrando la dicha fortaleza (de Ponferrada)”. Tamén collía vasalos alleos cando lle petaba, “conocio al dicho conde ser ombre muy poderoso e mandava e señoreava toda esta provincia del Vierzo e vido que para haser la fortaleza de la villa de Ponferrada traya los ombres de las abadyas, asy como de San Pedro de Montes e de santa Marya de Carrazedo e de Sant Andres de La Espinareda, e los traya para la dicha fortaleza e les mandaba como a sus vasallos” (preito de 1517).

As primeiras referencias aos irmandiños bercianos son da zona de Ancares. Aquí os vasalos do mosteiro de Espiñareda claman contraos abusos desde o castelo. “La dicha casa e castillo de Ancares que mas estava e esteviera para dapno e destroiçion de la terra que non para defension ni provecho. Et lo que levaron los otros que tovieran la casa que fuera levado por forçia et contral derecho” (febreiro de 1467).


Mosteiro bieito de San Pedro de Montes.

Ante os abusos señoriais os vasalos deciden organizarse en irmandade. O mosteiro pretende neutralizar esa irmandade berciana. “Estando el concejo, juez e omes buenos de terra de San Andrés d´Espinareada, paresçio don Ares, abbad del dicho monasterio de Sant Andrés, et dixo que como mejor podía e devia como señor de la dicha terra requeria et defendia a los dichos consejo e omes buenos que non entrasen en la hermandad sin su licencia e que presto era de faser e dar licençia para todas las cosas que fuesen servisyo de Dios, e de nuestro senor el rey et de su monasterio e del señor conde de Lemos” (xaneiro de 1467).

O BELICISMO IRMANDIÑO E SEÑORIAL.

Sobre as actividades bélicas dos irmandiños sabemos da entrada de dúas colunas  galegas. Polo porto do Cebreiro descenderon os labregos, vilegos e fidalgos co capitán Pedro Osorio, e por Valdeorras subiron os seguidores do capitán Alonso de Lanzós. Os  primeiros ataques foron contra os castelos de Valboa, Serracín e Corullón. E polo Sul derrubaron os castelos de Pena Ramiro, Lusio e Cornatelo. As dúas frontes xuntáronse ante a fortaleza de Ponferrada de onde expulsaron ao conde de Lemos.

O conde don Pedro executou diversas estratexias. Para desmovilizar aos irmandiños cedeu o seu condado ao seu fillo (1467) e depois ao seu neto (1468). Logo procurou o apoio da nobleza leonesa (Luna, Valduerna…). Salientamos a alianza conxuntural co marqués de Astorga, o cal primeiro apoiara aos irmandiños contra o seu inimigo, o conde de Lemos. Este recoñeceu esta difícil alianza, “haria la donacion quel marqués le pedia por librarse de el y que cesasen las armas, mas que la haría forzado y contra su voluntad” (setembro de 1467). Tamén o conde tivo que vender parte das súas xoias na xudaría de León para pagar armas e mercenarios.

Outra estratexia do conde de Lemos no Bierzo consistíu na busca de apoio da Hermandad castelá. Por iso acudiu a Madrigal (febreiro de 1468) con representantes dos concellos de Ponferrada e Vilafranca. O conde consegue alí apoios contra a irmandade galega, ademais da autorización para facer recrutamentos e recadar cartos. 


Os poderes señoriais organizaron o seu contraataque desde León. O conde de Lemos, co marqués Pardo de Cela, atacaron Ponferrada para seguir cara a Lugo. Da derrota irmandiña salientamos a morte do fidalgo berciano, señor de Arganza. “E se le tomaron la villa, e le llevo preso a Ponferrada, e le hiciera asaetear, e despues le habian traido a enterrar encima de una acémila”.

Outra coluna señorial foi comandada por Alonso Fonseca con apoio de Salamanca e do conde de Benavente. Subiron pola Seabra para atacar aos irmandiños desta bisbarra. “Dizen que quando la hermandad vieja quando la tierra se levanto de boz de la dicha hermandad, por lugar mas cercano de la fraga y montes, todos se acogian allí para se defender y que por aquella cabsa el señor conde mando poner fuego al lugar (Cobreros)  y que todo se quemo y que quedaron perdidos”.

A REPRESIÓN SEÑORIAL.

            Trala derrota irmandiña definitiva chegou a represión señorial sobre os vasalos. Mentres que o mariscal Pardo de Cela pretendía “ynchiese los carballos de los dichos basallos”, o conde de Lemos “dixera que no se abia de mantener de los carballos”.

            O dito conde colleu vasalos bercianos, propios e alleos, para reedificar os seus castelos. Dito nobre esixía aos vasalos as chamadas servicias, traballos persoais, préstamos de bois e carros, carretaxe de pedra e madeira para reparar castelos.


O NOVO PODER DA COROA.

            A vitoria antiirmandiña tamén supuxo a volta da conflitividade interseñorial. O Bierzo sufriu de novo as liortas guerreiras entre os condes de Lemos e Benavente. Ademais houbo un grave problema sucesorio no condado de Lemos. A sentenza arbitral (1484) determinou a división do condado. Así, Rodrigo, o novo conde de Lemos, perdeu todas as posesiois bercianas. Estes territorios pasaron a depender das demandantes femininas, emparentadas co conde de Benavente.

            A política da Coroa de Castela resulta clara. Divide o amplo condado de Lemos, crea o marquesado de Vilafranca, merca a vila de Ponferrada, fixa o corriximento para executar a xustiza real e crea a nova provincia do Bierzo. De nada serviron as dúas rebeliois do conde de Lemos para recuperar os seus territorios bercianos (en 1485 e 1507), nin os sucesivos preitos ante a xustiza real. Todo isto determina un claro afastamento entre Galiza e O Bierzo.

            A nova xustiza real no Bierzo favoreceu as demandas dos vasalos contra os abusos do conde de Lemos e dos mosteiros. No caso dos vasalos monásticos de Carracedo reclamaron a supresión de certos impostos señoriais, coñecidos como quintos e cuartos. Os demandantes alegaron que eses tributos eran novos, creados polo conde de Lemos trala derrota irmandiña, “quisieron dezir quel conde don Pedro Osoryo por enojo que tubo quando las hermandades le hecharon del Vierzo. Despues que volbyo avya enpuesto estos quartos e  quintos en los lugares de la abbadia”.


            O poder real no Bierzo tamén favoreceu o controlo ideolóxico castelán. Os novos oficiais (corrixidores, escribáns…) espallaron a lingua castelá nos concellos, redactaron as ordenanzas concellís en castelán e desaparece progresivamente a toponimia galega. A isto engadimos a reforma monástica desde Valladolid que permitiu a chegada de relixiosos foráneos ás abadías bercianas.


            Nos séculos posteriores, a memoria irmandiña do Bierzo foi criticada pola literatura señorial e recuperada polos relatos liberais. Pola outra banda, a tradición oral ainda lembra a revolta popular, “camiñan cara de Ponferrada. Os irmandiños, os irmandiños. Galicia polo seu paso volve ser ceibe. Dos montes brancos do Bierzo vaise xa a neve. Os irmandiños avanzan polos camiños. Traen para Galiza, paz e xustiza”. Hoxe, cada setembro, unha recreación histórica recupera o espírito irmandiño no castelo de Ponferrada.

O Bierzo, xaneiro de 2019
www.facebook.com/javierlagomestre


http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es