sábado, febrero 02, 2019

AS FESTAS DE FEBREIRO NO BIERZO.



AS FESTAS DE FEBREIRO NA REXIÓN DO BIERZO,
por Xabier Lago Mestre.

FESTA DAS CANDELAS OU CANDEAS.

                O mes de febreiro comeza con dúas festas de moita sona que parten moi xuntiñas. As Candelas ou Candeloria o día 2 e San Brais o 3. As Candelas no Bierzo celébranse nos pobos de Campo, en Ponferrada, con procesión ata a ermida. Tamén en Campelo, Canedo, Sésamo, Vilaverde dos Cestos, Hervededo, Corullón, Priaranza, Lillo do Bierzo, Naraiola, Suertes de Ancares, Sortes de Ancares, Burbia,Viloria, etc. No caso de Burbia celebran a festa das Fachizas. Trátase de longas antorchas de varios metros que acenden na noite e moven facendo figuras luminosas de moito interese estético. Em Toreno recuperan a feira das Candeas para o 5 de febreiro de 2017.

                En Cacabelos celebran esta festa tan popular no santuario das Angustias. No seu recinto bendícense os pans con diversas formas  e que teñen sona de durar moito tempo en bo estado. Os fieis entran na igrexa cos velas acendidas en sinal de purificación.  Lembramos neste punto que as mulleres recén paridas non podían ir a misa durante un período de 40 días ata conseguir su purificación interior. Tras ese tempo volvían á igrexa cunha vela acendida como símbolo de purificación acadada.




LITERATURA ORAL BERCIANA SOBRE AS CANDEAS.
 
                O refraneiro berciano nos acorda: “Anque a Candelaria (2 de febreiro) chore, que deixe de chorar, a metade de inverno está por pasar”, “Vimos das Candelas e imos para o San Blas (3 de febrero), aproveitaros mociñas que festiñas non hai máis” (en Cuaresma non hai festas), "Cando a Candeloria ri o inverno vén aí, cando a Candeloria chora o inverno xa vai fóra, e anque ría ou anque chove, aínda quedan corenta días de mala sona". "Polas Candeas, quel chores, quel deixes de chorar, medio inverno fóra". "Se a Candeloria frora, o inverno está fóra". E por último, "xunto ao santo que non suda, sancristan que estornuda" en referencia aos nosos santos de inverno.

FESTA DE SAN BRAIS-BLAS NO BIERZO.

                San Brais é o protetor da gorxa, enfermidade destes tempos de invernía, por iso os seus fieis lle levan caramelos e doces para que os bendiga como sanadores. Salientamos como pobos festeiros os de Carucedo, Fabeiro con procesión incluída, Vilaverde da Abadía, Biobra en Valdeorras, na ermida de Cerezal de Tremor, Oteiro de Naraguantes, S. Pedro de Paradela e demais. En Vilafranca, no barrio do Castelo, hai fogueira e fan chourizada e panceta, a música parte da Escola de Gaitas. No caso do pobo de Campo de Ponferrada celebran as dúas festividades, Candeas e San Brais, de xeito sucesivo con dúas procesiois dende a ermida á igrexa. Na Cabreira ten festas de S. Brais a localidade da Lomba.


Igrexa de Cabanas Raras.

REFRANEIRO BERCIANO DO SANTIÑO BRAIS.

                Como refraneiro berciano de San Brais temos: "por S. Brais unha hora máis", "por  S. Brais os teus allos sementarás", "por S. Brais a cigoña verás", "Mociños a S. Brais que festas non veñen máis" (pola cercanía da Semana Santa), "Polo s. Brais (3 de febreiro), hora e media máis" (por Manuel Rodríguez y Rodríguez). Ademais o dito "que san Brais te libre do mal da gorxa e de todo mal". Outra máis, "Cando como o repolo, as espiñas se me atrancan. A miña mai sempre me di: San Blas bendito te valga". benvido sexa o noso santo da gorxa!.

OUTRAS FESTAS DO MES DE FEBREIRO.
               
                Santa Apolonia (8 de febreiro) en Igueña e S. Pedro Castañero.  Santa Dorotea (5 de febreiro) en Campo de Martín Moro el Toledano. Na festa das Águedas (5 de febreiro) as mulleres toman o goberno colectivo nalgúns pobos.  A igrexa católico intenta revitalizar esta festa invocando as bondades de Santa Agueda nas enfermidades femininas coma o cancro de peitos.  En Ponferrada hai misas ese día na igrexa de San Andrés en honra da Águeda.

                Na comarca de Valdeorras temos San Francisco Blanco (primeiro sábado de febreiro) en Outarelo de Valdeorras. A esta romaría acudían moitos dos seus devotos para remediar as dores de cabeza. A xente mercaba roscas doces que pasaban por diante do santo para curar males  físicos e psíquicos. Acudían devotos de moitos pobos da contorna, incluso no Barco pechaban os comercios ao medio día para acudir á citada romaría. Segundo nos contan, nos pradoiros ao redor da igrexa ateigábanse de romeiros que daban boa conta dos xantares e merendas. Tampouco faltaba a pulpeira de turno.  

O Bierzo, febreiro de 2019
www.facebook.com/javierlagomestre
------------------------------------------------------------------------------




http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es