ESA CULTURA PROVINCIAL LEONESA
ESA CULTURA PROVINCIAL LEONESA,
Por Xabier Lago Mestre.
A
Deputación de León vén realizar unha política cultural desde a súa creación en
1833. Esta longa historia provincial ten graves carencias para muitos.
Referímonos a que esa atividade cultural secular pasa muito da presenza de todo
o referido ao galego do Bierzo. Case que
podemos ben dicir que ignora a cultura galega da parte da cidadanía provincial.
Cantos actos culturais, organizados pola Deputación, teñen sido en galego desde
1833? Cantos libros foron editados en galego? Cantos artigos en galego xorden
nas súas revistas, casos de Tierras de León e Feje?.
Seguimos
a agardar a edición dos cadernos pedagóxicos para escolares, do Instituto
leonés de cultura, sobre a presenza secular do idioma galego no Bierzo. Iso si,
que non volten a falarmos da confusa terminoloxía ideoloxizada, casos de
galegoleonés, berciano ou diversas falas locais segundo os diversos vales
veciños. Non queremos que nos fagan igual que en Asturias, que sempre que poden
negan o galegoasturiano para falar do eonaviego máis localista. Porque non van
confundirnos máis, os bercianos temos claro que falamos lingua galega, a mesma
que na Galiza, asumindo a dialetización territorial secular e a normativización
de hoxe. Que saiban que nesta réxión estudamos
sen problemas tanto galego coma portugués (Bembibre, Villablino e Ponferrada),
idiomas irmaos de grande presenza internacional. Que para nada queremos illarnos
por mor dunha política cultural foránea de restauración de falas locales.
Non
se entende que a Deputación de León teña unha atitude histórica tan pasiva coa
lingua galega do Bierzo. Só podemos dicir que hai unha clara política cultural
antigalega que chega até hoxe. Salvo o Día do galego no Bierzo (9 de marzo),
cando un representante do dito Instituto leonés diserta en galego para
demostrar o seu apoio á nosa cultura berciana, por iso financia parte dese acto
cultural (premios escolares Antonio Fernández y Morales). Xa sabedes! Vén ao
Bierzo a facerse a foto para publicala na súa rede social X, coma xustificación
da súa persoal política.
De
cando en vez imos para León a visitar a nova biblioteca do Instituto leonés de
cultura. Na última ocasión fixemos doazón do libro “El Bierzo provincial”. Pois
ben, depois dun mes desde a entrega, comprobamos que aínda non consta no
catálogo eletrónico dos seus libros. Por pura lóxica, chamamos á dita
biblioteca para saber de tal ausencia. A información que nos dan é que non hai
espazo para amosar dito libro ao público. Curioso! Entón, para qué reformaron o
edificio do Instituto leonés de cultura?. Agora resulta que non teñen espazo
físico tralo importante gasto de modificación do centro cultural. O máis abraiante
é que tampouco consta a presenza do libro “El Bierzo provincia”, de Miguel
García González. Será que non contan con presuposto abondo para mercar libros bercianos
provincialistas?. En fin o provincialismo berciano non ten cabida aínda no dito
centro provincial leonés. Non vexamos mala intencionalidade política.
Aínda
recordamos cando na década dos noventa do século XX doamos libros en galego para
o bibliobus da Deputación de León que percorría as localidades do Bierzo. Daquela,
o funcionario que recolleu a nosa doazón de libros en galego para escolares
amosou certa sorpresa por aqueles raros exemplares. Non sabemos se por estar
escritos en galego ou polo noso altruista xesto. O certo é que aquel bibliobús non
tiña anteriormente nin un libro en galego, a lingua familiar e tradicional de
muitos dos seus leitores do Bierzo ocidental. Non debería a Deputación leonesa
mercar libros en galego para as bibliotecas municipais do Bierzo?.
Neste
século XXI non se pode entender que os galegofalantes do Bierzo teñamos que
agardar as migallas económicas que nos ofrecen a Deputación de León e Junta de
Castela e León para a promoción do noso idioma. Quen pode cavilar en que as
políticas culturais destas instituciois van promocionar a nosa lingua. Esas
dúas administraciois miran polas súas linguas, castelán e leonés, por pura
lóxica política rexionalista. Para eles o galego non representa un compromiso
político sentido, só unha obriga legal foránea, polo mandato do Estatuto de
autonomía de Castela e León (artigo 5). Mais a xustiza política vai por outro
vieiro. Debería ser o Consello comarcal do Bierzo quen detentase a competencia
de fomento do galego, sen intervenciois alleas (nin Deputación nin Junta). O
Consello comarcal é a administración máis cercana (principio de subsidiaridade),
en contacto direto cos cidadaos galegofalantes. Qué pintan xerarcas de León e
Valladolid facendo política cultural a prol do galego? Executemos a lóxica
política fronte a imposiciois alleas.
O Bierzo, maio de 2024.