jueves, agosto 30, 2012



VIAXANDO DENDE VILAFRANCA DO BIERZO PARA CELA,
por Xabier Lago Mestre.

Partimos dende Vilela polas rúas da Capela e Pico da Vila. Nun poste atopamos un anuncio de concello, convocatoria da correspondente pedánea. Lemos a súa orde do día, aprobación da acta do concello anterior, festa de Santa Marta 2012, limpeza de predios e camiños, rogos e preguntas. Aos defensores das xuntas veciñais, nesta mala conxuntura política que trata de suprimilas, gústanos atopar estes contundentes exemplos do traballo político a nivel local. Folgos para estas xuntas, que contan co todo o noso apoio.

                Entramos na dormida Vilafranca do Bierzo. Só os madrugadores peregrinos atopamos nas silandeiras rúas. Un escaparate da praza maior está cheo de carteliños das festas dos pobos da contorna. Así, Fombasalá (15 de agosto), Cela con San Martiño (16 ao 21 do mesmo mes) cun grande cartel por mor das axudas dos máis patrocinadores comerciais, Santa Lucía en Vilasinde para o 17 e 18, Cadafresnas está por S. Vicente (10 a 11 de agosto), Chan de Vilar  (do 6 ao 7 de agosto), A Magdalena da Veiga de Valcarce (3 ao 6 de agosto) ou Vilaboa (3 ao 6 de agosto). Quede esta relación festivaleira en honra do traballo das xuntas veciñais e mailos voluntarios rurais que protagonizan eses salientables acontecementos patronais. Agora falta que tanto traballo sexa compensado coa asistencia de moitos viciños e visitantes en apoio desta cultura popular dos pobos.



                O instituto de Vilafranca, co nome de frei Martín Sarmiento, despide a nosa saída da capital do marquesado. Non podemos de sentir certo desasosego cando cavilamos nos problemas que teñen os seus alunos para poder elixir libremente a materia de lingua galega nese centro. Agardemos que algún día os estudantes berciano poida optar sen atrancos pola outra nosa lingua tradicional.
SUBINDO POLO VAL DO BURBIA.

                Mentres as augas do Burbia baixan, nosoutros subimos pola estreita e perigosa estrada do longo val. De cando en vez adiántannos autos que seguro que van para a ermida de Fombasalá, pois hoxe é o seu día grande. Recordemos que cada 15 de agosto a virxe viaxa da Colexiata vilafranquina para o seu santuario mariano, aló nas montañas da bisbarra da Somoza. Por mor disto hai festa popular de sona na contorna cos seus devotos e revulgueiros seguidores.

                O río abaixo e no alto, os curiosos tesos de da Campá, as tres Campás e maila pena das Campañelas, por suposto castelanizados nos mapas oficiais. Cantas campás tan cercanas!. O avance permite contemplar un val cheo de vexetación arbórea. Tralo cerro da Rapiña xorde o regueiro de Pradela, cuxa localidade queda moi lonxana ao oeste. Na ladeira oposta albiscamos a aldea de Landoiro, mentres que na nosa estrada xorde o casarío de Ponte de Rei. No alto do pobo, o cerro Carboeiros (969 m.), lembranza do antigo oficio da fabricación de combustible vexetal para os fogares, fornos de pan e ferrarías. Seguimos adentrándonos no val do Burbia. Os topónimos das ladeiras achegan fermosura, A Pasadiña, Os Lameirois, Caborco de Lameiro, penas da Marquesa,  Furada, do ombro e mailos tesos da Cabanas ou Forte. Na fonte da Cazola repoñemos as nosas botellas con auga fresquiña pois agora ben o difícil.



POLA CORREDOIRA A SOUTELO E CELA.

                Un poste de madeira e un plano turístico indican que nese punto comeza a rota para Soutelo. Agora toca baixar para o fondo do río e deixar a estrada comarcal. Apertamos os freos das bicis na pendente. Cruzamos a ponte de formigón, a proba de enchentas invernais, para a outra beira do Burbia. Este camín non deixa de abraiar porque comprobamos o traballo comunal, das antigas facedeiras, para facer transitable este treitorio. Houbo que picar a ladeira de lousas, logo colocar as lastras axeitadamente para salvar a pendente. Un grande traballo dos viciños, de Cela e Soutelo entre outros, porque ámbolas dúas aldeas se beneficiaban desta vía de comunicación que lles acercaba a Vilafranca. Á vila do Burbia acudían históricamente para mercar ou realizar as diverdas tarefas administrativas (xustiza, saúde, relixiosas, militares…). 

                Esta corredoira xa é pasado porque agora tanto os viciños de Cela coma de Soutelo baixan a Vilafranca pola estrada de máis longo percorrido pero ben segura. Para nosotros, tan urbanos, supón un esforzo camiñar porque a maleza intenta comerse o camín ano tras ano. Feito que finalmente acontecerá se as administracióis locais e provinciais non toman a iniciativa en despexar periódicamente o seu traxecto.




                O rumoiro do regueiro Soutelo racha co silencio deste pequeño val. No alto monte redondo, abaixo Cabaniña e valiña de Seve. Moita vexetación arbórea e matoeira a esgalla. Un poste de madeira indica a doblaxe do camín. De fronte para a aldea de Cela (2 quilómetros) e á esqueda para Soutelo (2 qms), este último baixa para o fondo do río. Seguimos para diante e ao mesmo nivel pola paraxe de Hervedo. No val do reguiro de Cela atopamos os topónimos de Caldoiro, Portelín, Amarelle, Vilabela. Un soitario castaño amosa a fermosura dun exemplar arbóreo moi vello. Dá gusto comprobar que entre tanto fogo forestal sempre hai algún castiñeiro resistente ante tanta desfeita de verán.
CHEGADA Á ALDEA DE CELA.

                Ao final do camín, por fin Cela, tras 10 quilómetros de percorrido e case que unha hora de andaina. Dende eiquí seguiremos a estrada para Paradaseca. Trala curva do saínte montañoso de Valdopacio vemos unha ringleira de autos que suben polo antigo camiño de Cervantes na Galiza. Os autos van nesta ocasión para a ermida de Fombasalá, xa que hoxe é o día da Virxe titular como xa dixemos. A súa imaxe permanece durante todo o ano na colexiata de Vilafranca. Pero cada 15 de agosto sube para a súa ermida xunta os centenarios pradairos onde se celebra unha grande romaría popular de xentes da contorna.




        
        A cercana Paradaseca foi capital municipal e da comarca da Somoza, para logo ceder o poder local á viciña Vilafranca do Bierzo. Conta con igrexa parroquial con adro amurallado, así como casa reitoral con galería. O conxunto do seu casarío está moi modificado como podemos comprobar nunha foto antiga que adxuntamos. A maioría dos seus habitantes emigraron por motivación laboral pero eles non esqueceron as súas orixes. Reformaron as súas vellas casas rurais, o que provocou a desaparición da maioría das pallazas, palleiros e hórreos. Lembremos que houbo falta de axudas públicas para conservar ese patrimonio arquitectónico, cando non verdadeiros ataques administrativos, como os derivados das ordenanzas que obrigaban a trocar os tellados de palla por uralita ou lousa para evitar fogos. Logo non botemos a culpa aos viciños que soamente desexan vivir mellor no seu pobo.

PEDALEANDO CARA A VILAFRANCA.

A estrada en bo estado de conservación facilita o rápido descenso pola ribeira esquerda do río Burbia. Desta vía de comunicación vertebradoira parten numerosas saídas para localidades que paga a pena destacar. Ao norte, Vegueliña, Vilar de Aceiro, Teixeira, Porcarizas, Aira da Pedra, Campo da Auga ou Burbia. Ao leste, Paradiña, Prado de Paradiña ou incluso tomar para a rota de Pobradura da Somoza. Nosoutros seguimos a corrente do río Burbia para Vilafranca. Agora facemos a conca deste río en senso contrario ao inicio. O descenso pola suave pendente facilita o percorrido en bici e mailo desfrute pausado da paisaxe sen igual.





Xa de novo en Vilafranca, aproveitamos para o xantar e repoñer as debilitadas forzas físicas. O corto descanso na capital do Bierzo oeste remata. Pero non saímos dela sen deixar  cartas reivindicativas, sobre a defensa das nosas xuntas veciñais ante os ataques do centralista Goberno central, para os partidos políticos representados na Casa do Concello. E a mesma operación reclamativa faremos durante o noso percorrido de volta para Ponferrada, nos concellos de Cacabelos e Camponaraia.

O Bierzo, agosto de 2012.
www.obierzoceibe.blogspot.com

http://sites.google.com/site/obierzoxa
 http://www.facebook.com/xabierlagomestre
 www.twitter.com/obierzoxa
 http://www.blogoteca.com/obierzoxa
 http://obierzoceibe.wordpress.com
 http://www.ciberirmandade.org/falaceive
 www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es

lunes, agosto 27, 2012


SISTEMAS TERRITORIAIS HISTÓRICOS
DE REFERENCIA IDENTITARIA
 NA REXIÓN BERCIANA,
Por Xabier Lago Mestre.

Os complexos territoriais tradicionais de referencia identitaria están sendo alterados polo sistema económico capitalista e tamén pola acción política. La política internacional de prezos agrarios á baixa (cereal, froita doce e seca, madeira, gando vivo, leite, carnes…) e mailos altos custos de produción (combustible, electricidade, transporte…) condiciona negativamente o desenvolvemento socioeconómico do medio rural na rexión do Bierzo.  Esta grave conxuntura provoca o despoboamento, envellecemento, e a emigración dos pobos para as cidades. A isto temos que engadir a praxe política actual que intervén contra o medio rural. Como exemplo disto temos o peche de escolas públicas, ameazas de supresión de concellos, mancomunidades e xuntas veciñais, traslado de médicos, redución de investimentos e financiamento local…). Tampouco podemos pasar por alto que as crises económicas periódicamente afectaron ao medio rural berciano, pero cremos que agora se manifesta dun xeito catastrófico e irreversible.






O POBOAMENTO TRADICIONAL.

            Miramos cara ao pasado para revisar os peculiares complexos de poboamento rural. Entre eses salientamos os pequenos núcleos, casos do casar, vilar, lugar, aldea, quinteiro, barrio e demais. Os señoríos medievais organizaron os seus territorios entorno ás vilas (Bembibre, Vilafranca, Corullón, Ponferrada,  Toreno…) que someteron as aldeas dependentes (alfoces, arrabaldes, contornas…). Os señoríos laicos (Lemos, marquesado de Vilafranca, condes de Alba de Liste, Toreno…) e eclesiásticos (bispados de Lugo, Astorga e Oviedo, mosteiros de Carracedo, S. Pedro de Montes, S. Andrés de Espiñareda…) estruturaron os seus territorios en distintas xurisdiciones (meirindiades, coutos, quintería, préstamos ou xurisdicióis). En cada territorio señorial colocáronse oficiais para controlar aos seus vasalos (alcalde maior, meiriño, alcaide, mordomo, notarios, escribáns, rexidores…).






            Este sistema de poboamento territorial, a través dos señoríos e xurisdicióis, creou lazos de solidariedade entre os seus vasalos ou viciños que perviviron durante séculos. Pois los señoríos non desapareceron ata o século XIX en que foron sustituídos polos concellos liberais. Tamén os grandes señoríos crearon grandes asembleas, as xuntas xerais, formadas por representantes das pequenas xurisdiciois que os integraban para debater sobre asuntos común. Pola outra banda, os concellos tradicionais se fortaleceron mediante a participación democrática dos seus viciños. Froito deste traballo político é o coñecido como dereito consuetudinario, concretado por exemplo nas ordenanzas concellís. A todo isto engadimos a peculiar orografía da montaña berciana, formada por multitude de vales por onde corren varios ríos e regueiros, que deu orixe a outras organizacióis xurídicas organizadas entorno aos vales (Fornela, Ancares, Somoza, Aguiar, Cabreira, Valdueza, Boeza… ) para o aproveitamento en común dos seus respectivos recursos agrogandeiros e mailas esixencias colectivas aos seus señores.
(CONTINUARÁ)

O Bierzo, agosto de 2012.
http://sites.google.com/site/obierzoxa
 http://www.facebook.com/xabierlagomestre
 www.twitter.com/obierzoxa
 http://www.blogoteca.com/
obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es

jueves, agosto 23, 2012

PINTADAS GALEGUEIRAS NA REXIÓN BERCIANA


PINTADAS REIVINDICATIVAS NA REXIÓN BERCIANA,
Polo colectivo cultural Fala Ceibe do Bierzo.

Unha expresión comunicativa moi curiosa son as pintadas sobre as fachadas e os muros das nosas cidades. Por suposto, que esas pintadas provocan o rexeito de moitos viciños por consideralas que ensucian máis cá outra cousa. A parte disto, esas manifestacióis pictóricas poden representar “facerse ver”, “existir”, estou eiquí”… por parte dos seus autores. Procuran a comunicación rápida, sinxela, vistosa, con brevidade, e de xeito impactante, incluso provocador.



                As autoridades gobernativas e municipais perseguen esas pintadas dende décadas, a través da aprobación das ordenanzas cívicas, cos seus correspondentes procedementos policiais e sancionadores. Todo parece indicar que a iniciativa popular que representan as pintadas segue moi presente. Son declaradas fóra da lei, pero basta que haxa unha reivindicación social (baixa de pensióis, traslado de médicos rurais…), laboral (despedimentos, peche de minas…), estudantil (suba das taxas académicas, supresión de escolas rurais…), política (eliminación de pedanías…) e demais para que xurdan novas pintadas reclamativas.

A CLASIFICACIÓN GLOBAL DAS PINTADAS.

                Pintadas hai de moita tipoloxía. Así, desglosamos os taqueos (escritura rápida), as potas (letras grandes), as pezas (feitas de enriba a abaixo) e as pintadas (de grandes dimensióis). Nosoutros seguimos estas últimas. Moleste ou non ás elites, convén dicir que tamén son unha forma de cultura popular. Incluso pode haber calidade artística, son os casos dos grandes debuxos feitos por verdadeiros artistas en fachadas. A variedade de pintadas manifestase tamén na utilización de códigos descoñecidos para a maioría da poboación, de estilos pictóricos, de grafías e demais. En fin, hai certa sabedoría popular que convén non desprezar. Na maioría dos casos as máns da mocidade están detrás delas porque sempre hai que ter boas pernas para fuxir da policía. Unha peculiar cultura nocturna porque se realizan xeralmente na clandestinidade da madrugada, baixo o abeiro da escuridade que todo o oculta.





                Procúrase o atractivo da pintada mediante unha mensaxe rechamante (clara, concisa, breve, sinxela, colorista…). As miradas dos cidadáns, paseantes e visitantes, máis rápidas e fotográficas, teñen pouco tempo para fixarse nas pintadas. Pero a pintada persiste no tempo, pois non son fáciles de borrar. Isto facilita a súa divulgación entre a ampla poboación, que día tras día, semana, mes, ano… asiste inconscientemente á anónima mensaxe pictórica que comentamos.

A PAISAXE LINGÜÍSTICA.

                Coma exemplo dunha minoría que recorre tamén ás pintadas temos as mensaxes galegueiras. Un colectivo cultural que, a pesar de falar ó seu idioma territorial dende séculos no Bierzo, non ten recoñecido o seu dereito de liberdade de expresión nos medios de comunicación tradicionais (xornais, televisión, radio, revistas…). Esta aparente normalidade cultural non é tal cando vemos as pintadas reclamativas nas fachadas de edificios, muros de fincas e demais. Estas pintadas galegueiras son manifestación dun descontento social. Quizais os seus autores sexan unha minoría pero detrás hai un fundamentado conflito social e idiomático secular sen resolver.





                Este rexeito parcial ao control idiomático en castelán provoca a mobilización social minoritaria pero que ten presencia local (cidades, vilas, pobos, aldeas…) e unha clara continuidade temporal. Poderán os políticos e os medios de comunicación ignorar esta demanda lingüística, ou incluso despreciala, pero as pintadas non desaparecen. Detectamos unha forma de contrainformación galegueira (pintadas, cartelería e na internet coas redes sociais, blogues…), minoritaria pero con existencia social que debería ser respectada polas elites culturais, políticas e intelectuais. Estas últimas intentan controlar a cultura e a imaxe pública por iso coartan e perseguen outras formas de expresión alternativas, caso da cultura popular en idioma galego na rexión do Bierzo.

 TIPOLOXÍA PARCIAL DAS PINTADAS GALEGUEIRAS.

                Cómpre ter en conta o amplo repertorio de pintadas galegueiras da rexión berciana. Salientamos as que demandan o ensino da lingua galega nos colexios e institutos que denotan que esta problemática aínda non está resolta. Todo vén a conto de que os directores de certos centros escolares non queren recoñecer o dereito do seu alunado a poder estudar libremente a súa outra lingua tradicional e familiar. Por suposto, esta rexión periférica non pode pasar por alto o debate territorial. A veciñanza con varias Comunidades Autónomas, Galiza, Asturias e Castela e León, provoca as consabidas desputas sobre a nosa territorialidade. Derivada desta xorde a problemática institucional, concretado no Consello Comarcal Berciano, para o cal se reclama a práctica do bilingüismo ou a súa autonomía efectiva. Neste apartado incluímos a recente polémica ante a supresión das xuntas veciñais do Bierzo por parte do Goberno central. Xa comentamos que os medios de comunicación non admiten o bilingüismo, velaí a presión social a prol deste último coas pintadas. E rematamos coa reclamación toponímica que pretende a toma de conciencia colectiva sobre a castelanización oficial da nosa toponimia maior e menor. O galego é unha forma máis de comunicación que intenta contaxiar á sociedade en todos os ámbitos sociolingüísticos.   





                O dereito universal de lexítima defensa cultural, neste caso idiomática, está no fondo desa reivindicación pictórica a través das pintadas anónimas nos muros e fachadas das nosas ciudades e vilas. Todo parece indicar que a actual persecución policial ou con videovixilancia non serán os medios axeitados para acadar o final desta problemática cultural. A negación dos dereitos lingüísticos e da liberdade de expresión en sentido amplo non é o camiño para resolver este conflito cultural, senón todo o contrario.

O Bierzo, agosto de 2012.
www.obierzoceibe.blogspot.com

http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es

sábado, agosto 18, 2012

PEDALEANDO PARA A ROMARÍA DE TOMBRIO DE ABAIXO.



PEDALEANDO PARA A ROMARÍA DE SANTO DOMINGO DE TREMOR DE ABAIXO,
Por Xabier Lago Mestre.

Esta vez saímos da urbe ponferradina para Tremor de Abaixo. A cidade aínda dorme mentres un grupiño de ciclistas tomamos a estrada para Laceana. A manciña permite correr pola recta do barrio de Compostilla, a medieval Compostela. Columbrianos amosa unha igrexa parroquial con tres naves e cun retábulo maior da época barroca. Preto de San Andrés de Montejos hai un castro. Destaca a súa igrexa parroquial, tamén do barroco rural, onde traballaron canteiros santanderinos. Pola outra banda, hai pazo do século XVIII que contén porta con escudo dos Valcarce e Buelta.

                Cerro Cotarro preside a marxe esqueda fronte a San Andrés de Montejos. Máis adiante as paraxes das Campazas e mailo Carneiro. Pasamos por Bárcena, co antigo e oficial apelativo do Caudillo. Poboado polo réxime franquista tras facer o encoro do mesmo nome. A nova autoestrada permite pasar como un raio polo Sierro, Cachón e Outeiro (581 m.). A Garda Civil de Tráfico detén a un camión cementeiro. Nosoutros levamos os chalecos e os cascos para evitar posibles multas recadatorias.




                                               IGREXA DE FRESNEDO- FREIXEDO

                Máis adiante Cabanas da Dornilla, recordo antigo das antigas cabanas de pastores. Ao seu carón o topónimo As Ventas, xa que por eiquí pasaban e paraban viciños das ribeiras altas do Sil, lacianiegos e asturianos que baixaban ás feiras de Ponferrada. Destacan as maxestuosas  chemineas da central térmica de Cubillos. Os topónimos lindeiros, Alto da Bouza (658 m.), O Polón, a Lomba, teso do Galo… fan referencia a tarefas agrícolas tradicionais. Non temos tempo para tomar o desvío para Val de Finolledo, no quilómetro 13. Os piñeiros son os reis das árbores.
PARADA NO POBO DE FRESNEDO.

                Fresnedo está diante, antes as paraxes da Corva, Devesina, O Zufreiral ou Caveros. Entramos polos seus barrios de arquitectura tradicional ben conservada ata chegar á ermida do Santo Cristo. Hai unha rota sinalizada polos montes cercanos do Castro e o Souto. O taboleiro da xunta veciñal anuncia a subasta dos arrendamentos de pradoiros comunais. Antes de subir polo barrio de Cimadevila enchemos de auga fresca da fonte pública as nosas botellas.






                Tampouco saímos do pobo de Fresnedo sen preguntar a unha viciña por onde podemos tomar o mellor camín para Tombrio de Abaixo. Pregúntanos pola razón da nosa viaxe, e dicimos que imos para a romaría de Santo Domingo. Ela non sabía que fose hoxe, 28 de xullo. Este descoñecemento quizais sexa un exemplo claro da perda de interese popular polas romarías rurais que tanta devoción tiveron noutros tempos do século pasado.







CAMÍN PARA A ERMIDA DE SANTO DOMINGO.

                Ben informados tomamos o camín indicado pola viciña. Pero axiña temos problemas cando vemos bifurcacióis de corredoiras. ¿Qué camiño tomar agora? deixámonos levar polo instinto porque non queremos coller o seguro asfalto de máis enriba por onde pasan os autos a gran velocidade. A aventura presta aos ciclistas novatos por estas terras. A entrada no interior da chopeira permítenos desfrutar da natureza sen igual. Os paxaros cantas ó abeiro da foresta da paraxe da Tebra. Valdeoveja fai referencia ao gando que pastaba por pagos.





                O grato descenso pola vertente do regueiro de Santo Domingo anuncia a presencia cercana da ermida a man dereita, ben acompañada da súa Carballeira. Os viciños corren cos preparativos do xantar, fogueira, paellada, bancas e mesas. Agardan a chegada dos romeiros.  Nosoutros imos para Tremor de Abaixo onde de seguro se preparan os pendois e os santos. Máis adiante os pagos dos Barreiros, Valdecanada, Raneiro e Padrón. No noso camín,  na metade, atopamos unha curiosa bañeira branca onde están colocadas pequeñas botellas de auga para os romeiros. Con coidado collemos a nosa bebida sen pedir permiso.

CONCENTRACIÓN DE PENDOIS.





                Por fin entramos na casarío de Tremor de Abaixo. Xuntos unha fonte e un ferradoiro de bestas comunais. Os viciños saen das súas casas e diríxense para a praza das escolas, onde se concentran os pendois. Todo son preparativos. Sacan os longos mastis da caseta, un tras outro. Desenfundan as madeiras das súas embalaxes de plástico. Das maletas dos chinos sacan os cordois e as telas de cores que teñen que desenrolar con coidado. Pescudamos como os pendois bercianos do Bierzo oeste son máis pequenos cós leoneses. Esta diferencia quizais fose unha cuestión de poder económico. Os pobres concellos tradicionais, das zonas montañosas bercianas, non tiñan tantos cartos coma os da chaira leonesa para mercar grandes telas. Pero a moda actual é que a recuperación desta vella tradición posibilita que os novos pendois bercianos sexan máis grandes, semellantes aos leoneses, mentres que as vellas pendoletas quedan nas sancristías das parroquias.
               




  Na pequeña praza das escolas todo é bulicio e colorido pola montaxe dos pendois. Os rapaces xoves portan con titubeos os altos instrumentos coa axuda atenta dos vedraños. Todo o que ten cámara dixital aproveita para tirar fotos dos ergueitos pendois. En Tremor xa teñen tradición desta concentración de pendois que veñen da Valduerna, A Somoza astorgana, A Cepeda, A Valduerna e terras do Boeza, caso de Folgoso da Ribeira. Chegan dos modernos todoterreo que portan na parte traseira o Santo Domingo e maila Virxe. Agora xa non son portados polos propios viciños, outros tempos do modernismo son chegados. A resoante foguetería anuncia o comezo da romería. Queda un bo treito de suba para a ermida do Santo Domingo pero o ánimo popular é alto.



                
O Bierzo, agosto de 2012.
www.obierzoceibe.blogspot.com

http://sites.google.com/site/obierzoxa
 http://www.facebook.com/xabierlagomestre
 www.twitter.com/obierzoxa
http://www.blogoteca.com/obierzoxa
 http://obierzoceibe.wordpress.com
http://www.ciberirmandade.org/falaceive
 www.ponferrada.org
 www.partidodelbierzo.es
WWW.TODOBIERZO.COM

domingo, agosto 12, 2012

ANDAINA LONGA ENTRE TOURAL E VILAFRANCA


BARRIO DA VEIGA DE PARADELA DO RÍO


ANDAINA LONGA ENTRE TOURAL DOS VAOS E VILAFRANCA,
Por Xabier Lago Mestre, colectivo cultural Fala Ceibe do Bierzo.

Principiamos a nosa andaina na vila de Toural dos Vaos co ánimos de chegar a media xornada a Vilafranca do Bierzo. O paseo non será breve porque non facemos o treito curto por Parandois e Vilela. Queremos desfrutar máis da paisaxe e do noso esforzó compartido. Por iso tomamos a estrada para o barrio da Veiga, no vello camín para Galiza xunto o río Sil. A rúa principal amosa fermoso casarío rural. Cruzamos a ponte sobre a vía do ferrocarril para Monforte. Tiramos para enriba, cara a Paradela do Río, curioso nome para unha poboación que ten un pequeno regueiro chamado do Marco. Atopamos un sinal tachado na estrada PARADELA DEL RIO (LA VEGA). Supoñemos que viciños do populoso barrio da Veiga non aceptan de bo grao depender dun pobo máis pequeno ca eles. Paradela do Río ten recoñecemento de ente local menor e conta conta con varios barrios, casos de Peón e Penedelo, que agora dependen todos do concello de Toural dos Vaos tras segregarse de Corullón.

                Trala suba chegamos a Paradela do Río, onde nos recibe a ermida de San Roque. Varios  varios viciños nos informan oportunamente do camín a coller para a lonxana paraxe que chaman A Fastia. Durante a agradable conversa nos contan do amplo territorio da entidade local menor que atravesa o río Sil en Peón. Presumen dos montes que teñen e que moitas terras foron repartidas entre os seus viciños hai anos xa. Tamén nos contaron que na xeira das mallas, varias familiar compartían airas para o obter os grans do centeo. Entre todos lamentamos a pretensión do Goberno central para suprimir os entes locales menores.





                                       IGREXA DE PARADELA DO RÍO

POLO CAMIÑO DOS GALEGOS.
              
  Deixamos aos bos viciños de Paradela para continuar coa suba polos montes. Tomamos o antigo camín dos galegos, porque por eiquí baixaban xornaleiros galegos do Courel para a sega en Castela e pradoiros do Bierzo, ou para facer labouras viñateiras (podas e recollidas de uvas). En referencia á parada que facían os xornaleiros temos o pobo Paradela. Máis aló, outro fito, Cerro Galegos, de 818 metros de altitude.

                Nosoutros seguimos adiante pescudando a rica toponimia galego-berciana. Airola, Terra do cabo, Valdeporco, A Pedreira, A Filgueira… agatuñamos a ladeira. Moitas terras centeneiras abandonadas e cubertas de uceiras. Pola dereita, ao lonxe o cerro Sufreiral, acompañado da paraxe do Carcaixedo, no Valdomar. Pola outra banda, ao cerro Serriña (719 m.) segue a Coroa (722 m.). O topónimo Entrecarrúas fai referencia ao paso dos carros tradicionais por esta corredoira, cheos de toxo para as cortes ou centeo para as mallas.  Vemos os intentos dos viciños por plantar árbores de froito doce, cerexais, maceiras… que intentan recuperar estes pagos abandonados. Oxalá que as xeadas non fagan desfeitas.




                                            SOUTO DA PARAXE DA FASTIA

                Adiante Pena Tallada. Pero non deixamos de mirar para a dereita. A grande canteira no val de Navalín é impresionante, come a ladeira e racha a tranquilidade visual da paisaxe. Xunto a ela o expresivo topónimo Caleiros. Comeza a abrirse o val por Aira da lebre. Preside todo o pico da Serra d´Alba. Vaia vistas do amplo val do río Selmo coas súas aldeas. Agatuñamos polo Reventón ata A Fastia entre fermoso souto. Baixamos por Escaleiros para o cruceiro de diversos camiños tradicionais do Bierzo oeste. Debaixo o Lameiro de Podamio. Nosoutros tomamos a dirección de Corullón.



                                      VAL DO REVODAOS, CAMÍN DE CORULLÓN


BAIXADA PARA A VILA DE CORULLÓN.
                A ladeira esqueda o profundo val do regueiro Rebodaos amosa unha boa estrada. O dito val está cheo de vexetación arbórea que descende para a chaira do Bierzo baixo. O esforzo final é compensado pola boa visión natural. O maxestuoso cerro da Coruxa (824 m.), co seu Castañedo, dan presencia ante tanto fogo forestal pasado. Adiante o cerro dos Mouriños pero nosoutros atallamos para Corullón polas paraxes de Banín e Pedredo por mor dunha corredoira con forte descenso entre viñas e cereizais cos seus froitos tentadoiros. Xa temos ante nós o Castelo e mailo casarío da vila. Integrámonos nos seus barrios para dar a parar ao seu colexio público, o cal tivo un protagonismo especial na toma de conciencia pedagóxica do galego entre o seu alunado. Non deixedes de visitar as súas importantes igrexas de S. Esteban e S. Martín. Pola boa estrada, debaixo do Cerro da Silva Redonda, tiramos para o casarío de San Fiz. Bos días!, varias viciñas de Corullón volven cargadas coas compras diarias. Ante nós a impoñente obra de inxeñería dos túneis da autoestrada e Vilafranca.





                Na primeira rúa do Salvador, as típicas discusióis entre conductores pola preferencia de paso. Por sorte todo ten solución. Pasamos a ponte do río Valcarce coas súas limpas augas no fondo. Recordos de infancia na rúa Concepción, de bo corte de sastre e mellor olor de panadeiro. Na ponte do río Burbia moitos peregrinos estranxeiros tiran fotos de Vilafranca. Todo o público vai para o xardín da Alameda. Decenas de casetas de variadas vendas por mor da feira de Santiago. Xa non hai gandos como antaño. Case non hai xa apeiros de labranza que vender. Agora roupa de presuntas marcas, cestas de mimbre, xoguetes para neniños, doces caseiros, fundas para móbeis, bandeiras de España, cedés de música, camisolas musicais, artesanía. Hai moito para mercar, máis xente que mira e quizais poucos cartos. Subimos pola escalinata de San Nicolás para tirar as mellores fotos das amplas panorámica dos toldos da feira. Os olores das tradicionais pulpeiras enchen e mestúranse co festivo ambiente. Elas saben facer bo negocio, xunta á Colexiata e mailo Campo baixo, cos altos prezos dos polbos que compiten cos de Carballiño. Por todo isto os peregrinos desfrutan máis da pequena Compostela a tope.





O Bierzo, agosto de 2012.
 http://sites.google.com/site/obierzoxa
 http://www.facebook.com/xabierlagomestre
 www.twitter.com/obierzoxa
 http://www.blogoteca.com/obierzoxa
 http://obierzoceibe.wordpress.com
 http://www.ciberirmandade.org/falaceive
 www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es