jueves, octubre 20, 2022

A PERSECUCIÓN LINGÜÍSTICA FRANQUISTA NO BIERZO.

 


A PERSECUCIÓN LINGÜÍSTICA FRANQUISTA,

Por Javier Lago Mestre,

autor do libro El Bierzo provincial.

Vén de publicarse a Lei de Memoria democrática que pretende a restauración da dignidade dos represariados polo franquismo. Nestas liñas queremos salientar un aspecto concreto desta Lei moi novidoso, o que incide na persecución das linguas rexionais. No dito texto fálase das víctimas protexidas, entre elas xorden as persoas e tamén os grupos sociais. Concretamente, as persoas represariadas ou perseguidas polo uso ou difusión su lingua propia (art. 3.1.j).

            Pola outra banda, hai unha mención tamén ás comunidades lingüísticas,  consideraranse victimas as comunidades, as linguas e as culturas  vasca, catalá e galega, nos seus eidos lingüísticos, cuxos falantes foron perseguidos por facer uso destas (art.3.6). Posteriormente, amplíanse as culturas a protexer, recoñecese a política de persecución e represión contra as linguas, as culturas catalana, galega, vasca, aragonesa, ocitana e asturiana perpetradas polo réxime dictatorial franquista durante o período de guerra, así como nas décadas posteriores de dictadura (art. 4.4).



            No caso da lingua galega, abrangue as comunidades periféricas do Eonavia, O Bierzo e As Portelas de Seabra. Lembremos que para O Bierzo, o propio Estatuto de autonomía de Castela e León xa recoñece expresamente o idioma galego, gozará de respeito e proteción a lingua galega nos lugares en que habitualmente se utilice (art. 5.3). Igualmente, na Lei de creación da Comarca do Bierzo xorde ese recoñecemento expreso do idioma galego. Velaí que na dita Lei da Memoria democrática non hai unha referencia directa ao leonés.

            Outro artigo da Lei de Memoria democrática refírese ás consecuencias da persecución idiomática franquista na sociolingüística de hoxe, avalidación exhaustiva e profunda da represión e persecución cultural e lingüística do franquismo, así como dos efeitos sobre a realidade sociolingüística do Estado, cuxos contidos e conclusiois serán divulgados através de acciois específicas (art.48.4).

            No Bierzo do período franquista houbo medo a usar o galego. Lembremos que había unha lexislación estatal que perseguía o seu uso público, baixo penas de multas. Na veciña Galiza houbo numerosos exemplos desas multas polo uso social do idioma galego. Segundo as autoridades as sanciois se basearon en causas políticas e separatistas. Neste senso, circularon polas cidades galegas panfletos ameazantes, Hable bien, sea Patriota, no sea bárbaro, Arriba España.



            Por suposto, o galego foi usado nos eidos privado, familiar, veciñal, fregués, rural, feiral, etc. Mais quedou fóra dos ámbitos públicos, concellos, igrexa, escola, etc. controlados polos poderes políticos. Foron moitos os que sufriron nas escolas franquistas a represión por falar en galego, ou deixar escapar unha palabra, verbo, expresión ou dito no idioma proscrito. Os mestres sempre dicían que nos corrixían para falar un bo castelán e poder medrar profesionalmente. A aberrante situación chegou até tal punto que se podía aprender un idioma estranxeiro, caso do francés, mentres que desbotaban da escola o galego tradicional do Bierzo.

            A castelanización acelerouse co novo pulo político franquista, rachando co recoñecemento da pluralidade lingüística anterior coa República. A toponimia berciana continuou castelanizándose paseniño, cos nomes de concellos, barrios, de persoas, etc. Incluso a microtoponimia (vales, regueiros, pagos, montañas…) tamén quedou ameazada através dos censos fiscais, catastros, protocolos notaríais, nomenclátor, etc. Moi lonxe xa quedaba a toponimia galega dos tumbos monásticos de Carracedo, santo Andrés de Espiñareda e san Pedro de Montes, ou dos arquivos dos concellos rurais.

            Ignorar o idioma galego do Bierzo polo poder político, durante o franquismo, non deixa de ser unha forma de represión. Lingua tradicional que tivo unha continuidade interxeracional, só esgazada pola emigración económica da segunda metade do século XX. Consecuencia da persecución cultural e política, o galego só se mantivo oralmente, con escasa representación escrita. Algúns intelectuais da época amosaron o seu interese polo galego. Lembremos aos bercianos Valentín García Yebra (1945), Gilberto Núñez Ursinos, Antonio Pereira, etc. O recoñecemento lingüístico foráneo polo noso galego estivo presente con Luís Carretero (1952), Dámaso Alonso (1945), Camilo José Cela (1962), Álvaro Ruibal (1970), etc.

            Dese longo período político e cultural tan negativo sufrimos hoxe as consecuencias. Varias xeraciois sociais actuais fachendean desa mentalidade uniformizadora e monolingüe que desprestixia as linguas minorizadas do Estado, caso do galego do Bierzo. De tódolos xeitos, estamos a avanzar, porque cada día asúmese máis que tamén falamos galego. Atrás restan eses preconceitos prexuizosos de chapurreao, dialecto berciano ou fala galegoleonesa. Resulta importante esta clarificación terminolóxica para ter claro o que somos e que falamos o idioma galego coma na Galiza.

O Bierzo, outubro de 2022.



http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es

miércoles, octubre 19, 2022

SOCIOLINGUÍSTICA DA RESISTENCIA NO BIERZO, 1ª PARTE



SOCIOLINGÜÍSTICA DA RESISTENCIA NO BIERZO.

por Xabier Lago Mestre.

O INTROIDO.

            Os galegofalantes do Bierzo somos unha minoría cultural na Comunidade autónoma de Castela e León, tamén na provincia leonesa e na comarca do Bierzo. Sufrimos desde séculos o afastamento da comunidade galegofalante do noroeste peninsular, como acontece cos falantes do Eonavia e As Portelas. Esta esnaquización territorial supón un problema histórico que condiciona a nosa existencia futura (desvantaxe).

            Velaí a necesidade de loitar por recuperar a unión das ditas comunidades culturais afastadas. Os procesos de segregación/anexión territorial e política non son doados, por iso hai que profundar no traballo cultural e lingüístico. Pola outra banda, cómpre mirar tamén a Portugal coma referente cultural, de cara á execución de procesos de normalización lingüística (vantaxe).



A CULTURA TRADICIONAL.

             Desde a Idade Media sabemos da existencia do galego no Bierzo, por mor dos tumbos dos nosos mosteiros (Carracedo, s. Pedro de Montes, Espiñareda…). Os poderes señoriais medievais usaron da lingua escrita (latín e galego) para reforzar os vincallos de superioridade cos seus vasalos iletrados. Mais o reforzamento do poder dos reis de Castela no Bierzo asentouse coa súa lingua estranxeira. Na Idade Moderna o sistema político castelán progresivamente fixou os seus vincallos de dependencia (xurídica, económica, relixiosa, etc), baseándose únicamente no castelán. A lingua galega no Bierzo desenvolveuse mediante a oralidade (literatura, dereito concellil, relixiosidade, tradiciois, etc). Soamente alguis intelectuais, coma Martín Sarmiento ou Jerónimo Feijoo (século XVIII), reivindicaron o prestixio do galego fronte ao castelán.

            No século XIX continuaron os procesos de aculturización no Bierzo através das políticas estatais. A oficialidade do castelán recortou novos espazos sociolingüísticos (administración, exército, ensino, comercio, etc). Poucos intelectuais locais escribiron na nosa lingua galega, casos de A. Fernández y Morales e I. Andrés Ovalle. Outros máis, recoñeceron a clara presenza desta lingua, A. Cáceres Prat, J. Castaño Posse, etc, o que supón un avance parcial da conciencia bilingüe.  

            Polo que se refire ao século XX, son moitos os filólogos que amosan un interese polas linguas do Bierzo. Valentín García Yebra estuda o “gallegoleonés de Ancares”, Francisco González González refirese ao “berciano”, M. Gutiérrez Tuñon e Jesús García y García pescudan na fronteira entre o galego e o leonés, etc. Outros investigadores recompilan léxico e tradiciois (Alicia Fonteboa, F. Bello Garnelo, M. Rodriguez y Rodríguez, etc). Paseniño vaise clarexando a denominación lingua galega, tanto para os falantes, galegos e casteláns, coma para os intelectuais e políticos. O grande problema social xorde na segunda metade do século coa emigración económica que provoca a despoboamento e envellecemento dos falantes.



O DIALECTISMO E MAILO OFICIALISMO.

            O oficialismo do idioma galego na Galiza, trala recuperación da súa autonomía política, repercute na problemática lingüística dos territorios estremeiros. Nas terras do Eonavia hai unha defensa do seu dialectismo coa creación da súa normativa lingüística, como reacción ante as presiois dos asturianistas. Mentres no Bierzo non se defendeu unha normativa dialectal específica.

              No Bierzo houbo diversidade de opiniois lingüísticas. Xentes defenderon o chamado dialecto berciano (localismo), os leonesistas reclamaron o galegoleonés (mestura de falas), e outros dicían falar o chapurreao (autonoxo). Por suposto, estes grupos minoritarios non tiveron forza social nin programa lingüístico para convencer á maioría berciana. A concreción idiomática no Bierzo foi para a lingua galega, evitando así as divisiois dialectais que no fondo só esnaquizaban o idioma moderno.

            Por suposto, a defensa do idioma galego do Bierzo non vai contra o dialectismo xa que éste enriquece. Mais non podemos dar ao dialectismo local unha categoría que non ten, fronte ao idioma galego que une a toda a comunidade lingüística peninsular. O galego moderno unificado, baseándose nunha gramática, léxico, morfosintaxe, etc, necesita da categoría xurídica de oficialidade. Isto último supón a concreción de dereitos e obrigas lingüísticas, para reafirmar a súa presenza en tódolos eidos sociolingüísticos.    

O Bierzo, outubro de 2022.



http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es