miércoles, marzo 25, 2026

A RAIÑA URRACA DE LEÓN IDEALIZADA.


liberia simon de Ponferrada


ESA RAÍÑA URRACA IDEALIZADA,

por Xabier Lago Mestre.

En León están a celebrar o 900 aniversario da morte da raíña Urraca. Ben sabemos do amor do leonesismo polos seus reis fronte aos castelaos. Todo sexa por louvar o vello reino medieval, antecedente histórico do Lexit que procuran hoxe. Dende logo que non foi normal a presenza de raíñas mais iso non significa resaltar o seu reinado sen ningún tipo de cuestionamento historiográfico. Ben sabemos que sempre o poder é idealizado e máis cando hai intereses políticos propagandísticos detrás.

                Convén comentar que os vellos reinos medievais eran instituciois patrimonializadas polos representantes da Coroa. Eses reis herdaban as coroas dos seus familiares ou tiñan que guerrear por elas entre varios candidatos en desputa. Tras ditas herdanzas e guerras territoriais acaparaban diversos títulos sen xeito. Fernando I reparte os reinos norteños do seguinte modo: Alfonso VI, pai de dona Urraca, foi primeiro rei de León (1065), Sancho herda Castela, a Garcia tócalle Galicia, Urraca queda con Zamora e a Elvira correspóndelle Toro. O dito Alfonso foi quen tivo graves diferencias e acusaciois políticas co coñecido Cid de Vivar. En fin, que o rei Alfonso consegue depois Galicia e Castela para si (1072).

                Trala morte do rei Alfonso VI, a súa filla  Urraca consegue herdar a coroa, cos reinos de Galicia, León e Castela. Casou varias veces, o segundo matrimonio foi co rei de Aragón, Alfonso I o Batallador, co cal tivo problemas constantes (conxugais e militares). Dende logo o reinado desta raíña foi moi belicoso e nada pacífico. Recordamos que o seu esposo aragonés atacou Castela e León. Foi contra Ourense, Sahagún e tivo batalla en Monterroso (1110). A raíña ten de atacar a Astorga  (1112), ademais de Carrión, Toro e Zamora (1117) porque o seu marido aragonés tiña apoios no seu reino de León. 



                Urraca tamén tivo problemas en Galicia. Eiquí o seu fillo Alfonso Raimundes se alia co conde de Trava e co poderoso bispo Xelmirez de Santiago que lle nomea rei de Galicia (1111). Mais cando a cidade de Compostela sufre a rebelión urbana polos abusos eclesiais (fiscalidade, construción da catedral…), o seu bispo procura o apoio de Urraca para recuperar o poder local (1116).

                Por suposto, o condado de Portugal de Teresa, irmá da raíña Urraca, tamén guerrea contra León. En 1110 ante a presión militar do luso Afonso Henríques, fillo da dita Teresa e aliado de Aragón, Urraca ten que cederlle Astorga e Zamora. Logo Urraca e mailo bispo Xelmirez atacan Portugal (1120), rexido por Teresa e o conde de Trava (Fernando Péres), e liberan a ocupada Tui e invaden a rexión de Tras os Montes (1121).   

                Non podemos pasar por alto o caso peculiar de Portugal. Este mudou de ser un condado, rexido por Teresa, a cal se denomina raíña en 1117 a reino depois co seu fillo Afonso Henríques. Os seus dirixentes procuraron a súa independencia de León nun longo proceso belicoso. A raíña Teresa tivo numerosos problemas co bispo de Braga e maila nobreza lusa polas súas alianzas coa nobreza galega que axudarían ao ser derrocamento.



                Cando morre Urraca (1126), chega ao poder Alfonso VII como rei de León e Castela, aínda que ten a oposición de Galicia (1127) e Portugal (batalla de Guimaraes). A nobreza portuguesa rebélase contra a raíña Teresa na batalla de san Mamede (1128). O seu fillo Afonso Henriques establece a súa corte en Coimbra, primeiro como Princeps ou Dux, para nada xa  conde luso, e logo como Rei de Portugal e dos portugueses (batalla de Ourique, 1139). Depois Portugal recoñece a súa vasalaxe co rei Alfonso VII de León que se denomina emperador  (tratado de Zamora, 1143), fruito do cal pasa o señorio de Astorga para o rei luso. Posteriormente, no tratado de Sahagún (1158), entre Fernando II e Sancho III, estes reis de León e Castela repártense a península contra Portugal. Por suposto estas alianzas transitorias de nada servirían pois Portugal acadaría a súa independencia de León.  En 1179 unha bula do papa Alejandro III recoñece a soberanía do reino de Portugal.

                 Polo que se refire á nosa rexión do Bierzo. O mosteiro de san Pedro de Montes tiña numerosas posesiois na Cabreira. Esta comarca estaba gobernada por tenentes, dende o castelo de Penaramiro, postos polos reis. A Cabreira foi reclamada por Portugal como a veciña Seabra. Isto aconteceu cando o rei Fernando II donou as parroquias (1165) e o castelo (1181) á catedral de Astorga.  O rei Afonso Henríques reclamou para si Cabreira fronte as ditas a cesiois eclesiais. Problemática territorial que continúa co rei Alfonso IX, xa que por mor do seu casamento con Teresa de Guimaraes de Portugal, cede como garantía de dote as zonas de Carpio, Alba de Liste e A Cabreira. Sen embargo, ese matrimonio real fracasou e o rei Alfonso IX confirma o castelo da  Cabreira paa ao bispo de Astorga (1202).



                O protagonismo do Bierzo nesta historia medieval vén da mao de Ximena Muñiz, cónxuxe do rei Alfonso VI de León. Desta relación nace Teresa que casa con Henriquez de Borgoña, os cales teñen o fillo Afonso Henriquez que sería rei de Portugal. Polo que Teresa era irmá de Urraca de León e Afonso sobriño da dita Urraca, os cales tres non tiveron boas relaciois familiares. Urraca ten importancia no imaxinario popular, transmitido pola literatura oral. Referímonos á lenda que indica que Urraca, nunha estadia no Bierzo, tivo un parto na comarca de san Cosme da Somoza. Como o mosteiro estaba en mal estado para recollela tivo que parir nun hórreo, hoxe recordado en Paradaseca. Por esa axuda recibida dos somozanos a raíña concedeulles o privilexio de fidalguía universal á veciñanza da Somoza.

                Temos visto un reinado de Urraca mui conflitivo e belicoso, onde de seguro que os pior parados foron os seus vasalos por mor dos impostos, recrutamentos, confiscaciois e saqueos militares. Sen embargo, nas exposiciois da cidade de León xorden os oropeis das xoias, cadros e muita boa arte en xeral. Outro tanto cabe dicir das conferencias programadas, onde a raiña leonesa será presentada como unha grande gobernante. En contraste, resulta curioso consultar a historiografía medieval porque ela amosa unha visión negativa da súa xestión pública, casos das crónicas de Rodrigo Jiménez de Rada e do Tudense, salvo a Crónica Compostelá de Xelmirez, aliado da raíña leonesa.

O Bierzo, abril de 2026.



http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es

martes, marzo 24, 2026

A TOPONIMIA MEDIEVAL NA REXIÓN DO BIERZO.

libreriacajondesastre.com


A TOPONIMIA MEDIEVAL BERCIANA,

Por Xabier Lago Mestre.

Os historiadores axudamos a coñecer o pasado do Bierzo. Por mor da documentación dos mosteiros podemos saber de materias lingüísticas como a toponimia. Complexo tema este dos topónimos pois teñen mudado ao longo dos tempos. As veces o nome dun predio agrario foi posto polo seu propietario, tamén unha paraxe pode ser nomeada por unha localidade através da decisión comunal do seu concello. Por suposto, papel salientable xogaron os diversos poderes (señoriais, reais, fiscais, militares…) que fixaron os termos toponímicos polas súas decisiois discrecionais.

                O poder institucional ten medios abondos para impoñer a súa ideoloxía lingüística (real, eclesial, militar, policial…) ao pobo subordinado (vasalos, fregueses, pecheros, etc). Como os ditos poderes controlaban a escritura non houbo problema para fixar a toponimia que o pobo só coñecía de xeito oral. Hoxe, trala consulta dos tombos e cartularios monásticos podemos coñecer parcialmente esa toponimia medieval. Toponimia que chega a nós un chisco alterada porque os documentos orixinais daquela época xa non existen, e tiveron que ser os escribanos posteriores os que copiaron aqueles vellos documentos deteriorados polo devir do tempo histórico. As veces os ditos copistas da Idade Moderna ben puideron atualiza os vellos topónimmos bercianos. Aínda así veremos unha relación de topónimos bercianos ben galeguizados.



                Comezamos pois co coñecido como Cartulario do mosteiro de Carracedo. Atopamos a refererencia a “Vila de Palis” (1256), e posteriormente “Vila de Paos”, ademais doutros como Sant Pedro de Devesas, Vilanova, Vilaluz ou na ribeyra do Sil (1282). E perto temos “a vila de Toural, su signo de san Chistovao” (1274), por suposto, Toural dos Vaos.

                Outras localidades ben coñecidas son “o en a Faba quisier comer” (1277) ou “villa que dicen Cantexeira en termino de Valcarcer” (1267). Por suposto, noso ben coñecido río Valcarce sempre ten sido alterado polos erros de Valcarcel e Valcarcer. Pasamos a outra zona, “pronunciaron na vega de Fryeira” (1279), ben claramente galeguizado, hoxe tamén castelanizado. Tamén atopamos os topónimos “Corillon” e “Curillón” (1331 e 1326). Non falta “Oyteiro de Curillón” (1366) que mudou pola forza a Otero castelao.  

                Nunhas ocasiois xorden curiosidades como que nun mesmo documento atopamos “morador en Cacavellos” e “notario público en Cacavelos” (1283). Por suposto trátase desa xoguetona grafía l/ll que tamén está presente en Villela (1262). Todos ben sabemos do priorato de  Vilela, xunta Vilafranca, que pertenceu ao mosteiro de Samos de Lugo. Así está recollido noutro documento de 1274, “quanto tenia en Vilela que jaz cabo Villafranca, su signo de sant Martha”.



Vilafranca, dende que deixou de ser a antiga localidade de Burbia, pasou a chamarse “Villafranca”. Neste sentido de seguro que houbo influenza toponímica da dobre oficialidade establecida polo poder relixioso, abadia de Cluny, e pola concesión real do foro bono do rei Alfonso IX en 1192. A nivel institucional, Villafranca sen dúbida na documentación, a nivel popular podería dicirse Vilafranca en galego. Velaí a necesidade de tradución ao romance galego do dito foro real. Algo que tamén acontecera co foro de Seabra, concedido polo rei Alfonso X en 1263, “toviemos por bien de lo mandar romançar e escrivir en este nuestro privilegio por lo puediessen entenden los legos tan bien como los clérigos”. Curioso resultan os intentos de galeguizar “santa María de Crunnego” (1312), esas nn que representan ñ coa terminación -ego.    

Tamén atopamos “quanto herdamento havemos en Quillous” (1277), topónimo castelanzado na atualidade. Outro topónimo mui alterado ten sido “sobre heredades al Castro de la Ventosa” (1265), en galego da Ventosa co seu artigo feminino, que se altera hoxe por algúis en Castro Ventosa polo reducionismo comunicativo que suprime artigos determinados. Demais documentos do mosteiro de santo Andrés de Espiñareda recordan “san Martino de Peneyros” (1311 e 1395), Pieiros coa terminación ben galegueira.

Polo norte da nosa rexión, temos “san Pedro de Oleyros” (Espiñareda, 1390) que se castelanizou posteriormente. En galego mantéñese o val de Fornela fronte á leonesización en Forniella. Na documentación medieval “Fabeyro so campana de san Nicollao” (Espiñareda, 1390) para nada Fabero castelanizado de hoxe. Por suposto, sempre foi “Veiga de sant Andrés” (Espiñareda, 1336), deturpada en Vega. Mentres que os escritos manteñen A Veiga do Valcarce, si, con artigos determinados incuestionables que se manteñen durante a Idade Moderna (séculos XVI ao XVIII) .



Incluso lemos “habemos en Cubelos, casas, casares, etc” (1286), hoxe coñecido como Cubillos.  Pola contorna temos “Pousada de Rio” (Espiñareda, 1341), localidade asolagada polo encoro de Bárcena no século XX. Non falta “Colombranos” (Espiñareda, 1340) transformado en Columbrianos. Outro termo é Montellos, “noso solo de Montellos” (Carracedo, 1285), hoxe castelanziado en Montejos. Fontes Novas (Carracedo, 1315), localidade perto de Ponferrada segue así no século XV. Outros topónimos desta zona son Orbanallo (Ozuela), Compostela e “sant Salvador de Quintanella” (Carracedo, 1347), estes dous últimos despoboados.

Ponferrada conseguíu manter o seu nome galego quizais pola presenza dos condes de Lemos e ser zona galegofalante. Vén de lonxe “Ponferrata” (Carracedo, 1266) , mentres que nas zonas astur-leonesas tenden a dialetizar en Puente de Fierros, pozo Fierro (A Cepeda), Cruz de Fierro (Maragatería), etc. Houbo tamén un intento de leonesizar Bienvibre (Espiñareda, 1372), como ben sabemos resta por hoxe a forma Bembibre, igual que outras muitas localidades de Galicia.

Non falta unha breve mención aos topónimos menores. Exemplos urbanos son “la ponte de Cacavellos” (Carracedo 1333), de novo a ponte en feminino galego.  “Cimenterio de la Edrada” (Carracedo, 1356) co artigo topónimo galego castelanizado. “Rúa del Camino francés” (Carracedo, 1431), ademais, en Vilafranca “vay da porta da Rúa e topa no río” (Carracedo, 1427). Nesta vila xorde a Rúa como a principal vía, popularmente coñecida como da Agua, e tamén Rúa Nova na zona da Anunciada. 

O Bierzo, marzo de 2026. 


http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es

lunes, marzo 16, 2026

35 ANIVERSARIO DA COMARCA DO BIERZO.

libreriacajondesastre.com


35 ANOS DA COMARCA DO BIERZO,

Por Xabier Lago Mestre.

Pola Lei autonómica de 14 de marzo de 1991 creouse a Comarca do Bierzo, logo hogano cumpre 35 anos de existencia. Estas décadas pasadas non ten sido doadas. Recordamos os rexeitos dos presidentes da Deputación de León. O Agustín Turiel declaraba que se inhibía na posta en macha da Comarca (agosto de 1991), e o seu sucesor, José Antonio Diez dixo non querer transferir e abogaba incluso pola supresión del Consello comarcal (agosto de 1999). Tamén tivemos que aturar co lento proceso de descentralización da Junta de Castela e León. Velaí a supeditación do funcionamento do Consello Comarcal á sinatura dos convenios de colaboación coa dita Junta, dos cais xa van tres en vigor.

            Os problemas continúan neste ano 2026. Seguimos sen unha sede axeitada que dignifique nosa institución berciana. Temos unha financiación condicionada, primeiro da Junta e logo da Deputación provincial. Estas dúas instituciois foráneas ben saben que quen controla os cartos fixa relaciois xerárquicas coa Comarca. Sabemoss que nin a lexislación estatal nin a autonómica favorecen o desenvolvemento das comarcas no Estado español. O que se protexe son as provincias porque son parte da administración estatal e autonomica.



            Non son bos tempos para a descentralización territorial. Hai novos partidos que pretenden desmantelar o estado autonómico, partidos de esqueda que pasan xa da comarcalización xeral e cunha dereita que fracasou na creación daquelas unidades funcionais. Ante esta mala conxuntura política, O Bierzo está ben protexido. Recordemos que a nosa Comarca ten un recoñecemento mediante lei orgánica no Estatuto de Autonomía de Castela e León (art. 46.3). Logo nas Cortes autonómicas non poder suprimir dita Comarca, nin a Junta de Castela e León pode pasar de apoiar o Consello Comarcal por obriga legal.

            No caso da Deputación provincial fai a mínima descentralización na Bierzo. Ten unha subsede da Deputación en Ponferrada, e cedeu parte das pequenas obras das pedanías, o asesoramento a municipios e o banco de terras. Sen embargo temos que aturar que o seu Instituto Leonés de Cultura xestione e conceda as subvenciois sobre a lingua galega. É dicir, dende León dan cartos para fomentar o galego no Bierzo. Leoneses que non saben galego deciden o futuro do noso idioma. Mellor exemplo de centralismo cazurro imposible!.



            Resulta lóxico que aproveitando este 35 aniversario da Comarca do Bierzo propongamos a reforma da Lei autonómica correspondente. Así sería xusto recoñecer na Exposición de motivos a referencia expresa á traxetoria institucional do Bierzo, caso das dúas provincias históricas, a do Antigo Réxime (1486), a liberal de Vilafranca (1821) e mailos partidos administrativo e fiscal de Ponferrada (XIX). Este pasado provincialista non pode ser ignorado á hora de fixar a nova institucionalización do Bierzo no século XXI xa que se basean en aspiraciois sociais e singularidades históricas.

            Xa no tema do articulado, hai que fixar un maior respeito á demarcación territorial do Bierzo. Este espacio está recoñecido polas leis orgánica (2007) e autonómica (1991) e debe de ser protexido polas outras instituciois, casos da Junta de CyL e Deputación provincial. Calquera nova ordenación territorial (provincial, turística, xeográfica, etc) ten de respeitar a presenza previa da Comarca do Bierzo. En relación con este tema da territorialidade hai unha derivada. Referímonos ao recoñecemento da circunscrición eleitoral berciana por mor da singularidade territorial, histórica e legal. Baste recordar que outras comunidades autónomas si admiten distritos internos, exemplos de Murcia e Asturias.   

Pola outra banda, se no Bierzo está recoñecida a comarcalización será por algo. Logo calquera servicio comarcalizado, da Junta e da Deputación, deberían por principio estar descentralizados na nosa Comarca. Os principios de subsidiaridade e da administración máis próxima ao cidadao deben primar a prol do Consello Comarcal. Isto debe aplicarse para as competencias coma parques de bombeiros, lumes forestais, recollida do lixo, reciclaxe, xestión urbanística, recadación de tributos locais, etc.



Hai outras demandas competenciais que teñen a súa lóxica dende O Bierzo. Temos o caso da lingua galega. Non se entende que este tema de singularidade cultural non se xestione  polo Consello Comarcal pola falta de financiamento. Hai que crear un servizo lingüístico comarcal de apoio aos entes locais (concellos e pedanías). As competencias culturais da Junta e da Deputación deben ser transferidas para poder fomentar o galego axeitadamente. Igualmente fai falla recoñecer a capacidade de fixar unha ación exterior, de fixar convenios culturais con instituciois de Galicia. O fomento do galego non é unha cuestión illada do Bierzo, necesitamos a cooperación estreita de Galicia neste tema sobrandeiro.

Neste apartado cultural xa vai sendo a hora de cavilar na creación dun arquivo e biblioteca rexional do Bierzo. Somos muitos os bercianos que temos documentación histórica valiosa que queremos doar a ese arquivo berciano. E o mesmo podemos dicir de libros, fotografías, xornais, etc. Necesitamos ese arquivo para ter memoria do noso pasado e que sirva de experiencia coletiva para as xeraciois que veñen. Por suposto, propoñemos que a súa localización futura sexa en Vilafranca, a capital cultural do Bierzo.   



Outro tema sobrandeiro é acadar a capacidade de iniciativa lexislativa para a nosa Comarca. Se os concellos teñen recoñecida esta competencia, o Consello berciano tamén debería ter esa intervención política ante as Cortes de Castela e León. Hai que permitir esta iniciativa política ao Bierzo para formular propostas de lei, proxetos, informes, memorias, etc. Certas singularidades do Bierzo, territoriais, culturais, lingüísticas, etc precisan deste instrumento de actuación política para ter visibilidade foránea.

Vimos dunhas eleciois autonómicas onde o debate territorial e autonomista do Bierzo pasou de longo, salvo para o bercianismo. Alguis partidos cren que coa concesión da Comarca xa teñen o traballo feito. Diso nada, hai que desenvolver a Lei da Comarca a nivel competencial e incluso modificala para dar cabida ao recoñecemento pleno das singularidades que temos. Ninguén pode entender que nosa simboloxía berciana, plenamente consolidada estea agochada no texto legal, ou que non se faga case que nada polo galego a nivel administrativo. Por iso os bercianos non permitiremos que se consuma paseniño a comarcalización baixo os mínimos que fixaron os políticos de Valladolid e León.

O Bierzo, marzo de 2026.



http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es